Trump e a multitude

Donald J. Trump chegou ao poder para cambiar o réxime do seu país. Non podía ser doutro xeito, visto como vai o planeta e os EE.UU. máis en particular. Logo da Presidencia Biden e da súa non solución de continuidade na figura de Harris, Trump tivo unha segunda oportunidade para rematar o traballo iniciado en 2017. Sabe que gañou grazas a un sistema electoral e que ten na contra a boa parte do electorado (incluído o que fora seu). Non está para facer amigos, como se acaba de demostrar no caso de Elon Musk.

A de Trump é unha carreira sen saída democrática. Só pode ter un destino: algunha modalidade de goberno autoritario froito da degradación democrática. Non será un proceso constituínte, pois non hai no seu proxecto poder constituínte algún. Máis ben pode ser unha forza destituínte, xa que disto ten… e moito! O caso, de feito, é canto poderá destruír unha das democracias máis antigas do mundo nunha soa lexislatura, partindo xa, iso si, da experiencia previa.

Neste anaco primeiro que levamos visto da Segunda Era Trump hai que sinalar o seu ímpeto destrutor. Xa non queda na sociedade americana ninguén que non estea alineado con ou contra Trump. O caso de Elon Musk vai ter neste senso unha paradoxal capacidade: amosar ao resto que é o que lle acontece a quen pretende encarar a presidencia. Baste con pensar ata que punto non pode o presidente admitir agora a máis básica das disensións.

E é que con Trump xa non queda unha institucionalidade. O seu personalismo imprégnao todo e encárase a toda forma institucional. Cando non pode facelo, de feito, é o seu discurso o que queda, no canto da institucionalidade. Atácanse as relacións internacionais, o federalismo, os xulgados… Non hai espazo contra o que non se posicione. E no terreo discursivo, funciónalle. Mesmo no seu partido, onde tiña resistencias importantes, hoxe xa non son máis que un eco de antigas diferenzas.

Pero se non ten forza propia, se o seu poder é destituínte, de onde extrae a súa aparencia? Do significado que se lle dea á resistencia nas rúas. Estas, certamente, están que ferven desde o comezo da lexislatura, mesmo se por momentos se intensifican as mobilizacións, como é o caso actualmente en Los Ángeles, onde se acaba de decretar o estado de sitio. Trump non deixa o mundo indiferente. As ultradereitas non poden deixar indiferentes, como si sucedía antes coas dereitas.

A razón é ben simple: para instaurar un novo réxime hai que romper primeiro a orde constitucional preexistente, lexislar contra o pobo de xeito sistemático, erixir a nova orde. E só despois se institúe un réxime ben distinto do actual. Para isto, vai de seu, a cidadanía debe pregarse ao impulso destituínte. Esta é a grande diferenza entre a política como emancipación e a política como dominación, entre un poder progresista e un poder reaccionario.

Durante corenta anos, os demócratas non foron quen de encarreirar políticas distintas ás impostas por Reagan. Tirouse do fío ata que rompeu. Tamén no partido republicano, hoxe submiso ao presidente. Agora xa é tarde para que o protagonismo sexa do xogo institucional, por máis que este sempre sexa necesario. Non é de sorprender que, pola contra, sexa unha multitude quen se mobiliza nas rúas. Non é o pobo, ou non aínda. É un corpo social, desmembrado do Estado, alleo por completo á figuración «popular» no senso hobbesiano do concepto.

O «popular» é a antesala ao ordenamento baixo un só mando do corpo social. En democracia enténdese como o suxeito autogobernado, o demos. Mais o certo é que isto só é así baixo una serie de condicións que non se dan xa nos EE.UU. Sería como pensar que para unha grande maioría dos norteamericanos o goberno de Trump é lexítimo. E o certo é que non o é nin para a maioría da poboación que nunca chegou a ter. Forzar os consensos ata o límite é característico do trumpismo, mais non da democracia.

Queda por ver, pois, como se resolve o asunto. Volver restaurar o réxime anterior da man dalgún político demócrata? Aproveitar o movemento para impulsar unha lóxica diferente que acade outro réxime máis democrático? O único seguro é que os EE.UU. iniciaron o camiño máis perigoso para a súa democracia e para o resto de democracias aliadas. Sobre como remate esta historia imos ter diferentes versións, mais non podemos dar por descontado o fascismo de Trump. Mesmo se hoxe é a posibilidade maioritaria por riba, aínda é a minoritaria por baixo.

 

[Foto de cabeceira: Axentes da California National Guard fronte a manifestantes. Wikipedia]

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail