En 1997 crin que Nova York ía arder en disturbios. Fai 23 anos catro policías brancos déronlle unha malleira e violaron a Abner Louima nunha comisaria de Brooklyn. Torturárono tanto que lle danaron o colon, tivo que ser intervido cirurxicamente tres veces e botar dous meses na cama. Louima é un emigrante haitiano de 31 anos, que se viu envolto nunha discusión na porta dun club. Tamén negro. Os axentes de NYPD arrestárono, metérono no coche, déronlle unhas voltas pola cidade e cando chegaron á comisaria, Louima tiña a cara desfeita. Varios policías pasaron horas torturándoo e terminaron por violalo co pau dun desatascador. Ademais rompéronlle os dentes coa mesma ferramenta. Ao día seguinte o estado de Louima era tan crítico que o levaron ao Hospital Conney Island. Alí explicaron que o arrestado «danárase» practicando sexo homosexual «duro». Parece ser que nese centro –que non era ao que segundo a normas do Departamento, tiñan que levar ao ferido–, había varias enfermeiras que tiñan familiares ou maridos policías. Cando os axentes explicaron que o arrestado esnaquizara o recto e parte dos intestinos el mesmo, por gusto mentres se enredaba nunha relación homosexual, o equipo médico asentiu. Todos calaron excepto unha enfermeira que estaba na sala de operacións, á que Louima lle balbuciu o sucedido. Esa enfermeira cuxo nome nunca se fixo público, confesou a información a outra colega, Magalie Laurent. Laurent, que tamén é de Haiti, decidiu chamar non só á oficina de asuntos internos da policía de NY, senón á canle de TV local da CNN, New York 1 e á familia de Louima. Cando chamou á oficina de asuntos internos atendeuna un individuo que «esqueceu» asignarlle un número á denuncia. Por ese motivo, a oficina non fixo nada. Cando máis tarde Laurent describiu a actitude do tipo de asuntos internos co que falou, dixo que se mostrara coma se o que lle estaba dicindo non lle importase. A familia de Louima acudiu á comisaría onde fora torturado, e tamén se comunicou con asuntos internos. Ademais o Daily News recibiu unha chamada anónima explicando o sucedido. O máis probable é que esa chamada procedese dun policía da mesma comisaría onde se levou a cabo a tortura.
Un sistema podrecido
Namentres, pasaron 36 horas ata que se iniciou unha investigación. Durante ese tempo os culpables tiveran tempo de refregar o lugar do crime e deixalo impoluto. Pero tan seguros estaban da súa inmunidade que nin iso fixeron. En 1997, o alcalde de NY era un tipo camorrista chamado Rudolph Giuliani, que de tanto meterse coa mafia comezou a comportarse coma ela. Giuliani apoiaba a NYPD fixesen o que fixesen. Aínda que máis tarde Louima se desdixo, a soada frase que un dos polis supostamente lle soltou: «This is Giuliani time», quedou gravada na mente de todos os neoiorquinos da época. Con todo, pouco se falou da sorte de Magalie Laurent. A enfermeira heroica que non calou, xogou o seu posto, enfrontouse a medio hospital e denunciou o sucedido. Uns días despois de presentar a denuncia, unha das súas colegas enfermeiras, que tiña lazos co departamento de policía, emprendeuna a puñadas con ela berrándo: «You messed with the wrong people. You messed with NYPD» (Estaste a meter coa xente equivocada. Metícheste co departamento de policía de NY). Laurent tamén dixo que varios supervisores intentaron ocultar a verdade sobre as feridas de Louima.
O que demostrou a barbarie daquel crime cometido por policías de NY, foi non só que hai sádicos no departamento, senón que gran parte do sistema está corrompido. Ninguén na comisaría detivo os torturadores. Moito se falou no xuízo de que Justin Volpe (o instigador e violador que cumpre unha condena de 30 anos), se paseou fanfurriñando o precinto policial, mostrando orgulloso o pau do desatascador cheo de merda e sangue co que torturara a Louima. Ninguén fixo nada. (Ademais entón non había teléfonos móbiles que sacasen fotos.) Tampouco ninguén fixo nada no hospital onde, excepto dúas enfermeiras, todos os que tropezaron con este caso de tortura, calaron e miraron para outro lado. Louima non só tivo a sorte de que Magalie Lauren era de Haití, senón que era un ser humano decente. O que lle falta ao sistema dos Estados Unidos é moralidade. Hai máis de 20 anos que Louima recibiu uns cinco millóns de dólares da cidade de NY. Con todo, a enfermeira Magalie Lauren, que se enfrontou a todo un hospital e ao muro de silencio inquebrantable dos «homes de azul», non recibiu nin unha palmadiña nas costas.
En 1998, un ano despois da tortura de Louima, tres tipos brancos de Texas lincharon a James Byrd Jr. Logo de torturalo, atárono ao parachoques do todoterreo e arrastrárono por un estrada de asfalto durante tres millas. O que quedou de James Byrd, o torso, tirárono nun cemiterio negro. Dous dos tres culpables foron sentenciados á pena capital. Foi a primeira vez en Texas que un branco era sentenciado a matar por matar a un negro.
En 1999, Amadou Diallo, un emigrante guineano de 23 anos morreu como resultado dos 41 balazos que lle dispararon catro axentes de paisano da policía de Nova York. O seu crime: ser negro. Outra vez non houbo disturbios.
A historia racista dos EUA
O problema do racismo estadounidense é que é parte do ADN do país. Para intentar comprender a relación de abuso (moitas veces letal) entre policías brancos e cidadáns negros, hai que remontarse á historia dos Estados Unidos. Os nazis estiveron matando 6 anos. Os primeiros estadounidenses –os colonos–, estiveron matando, violando, separando familias e escravizando uns 300 anos. Séculos de tratar a seres humanos coma se fosen gando. Durante este tempo, á poboación negra non se lle permitiu aprender a ler, a escribir, a vivir. Durante estes anos, millóns de afroamericanos morreron vítimas de xentes brancas. E o mesmo que hai familias que veñen de escravos, tamén hai familias que veñen dos donos, os «masters» que tiveron escravos durante xeracións. O racismo nos Estados Unidos é a historia mesma do país. A nación enteira foi construída e levantada co traballo de balde de millóns de escravos. Sinxelamente, sen negros Estados Unidos non é. Os nenos afroamericanos da primeira metade do século XX, creceron nunha sociedade na que no Sur se celebraban linchamentos. (Os nenos brancos desa época que vivían no Sur, creceron mirando para eles, como outros miraban películas de Hollywood.) Foron educados nunha sociedade na que as escolas, os restaurantes, as piscinas, etc. estaban segregados e os abusos institucionalizados. Os nenos negros creceron escoitando que valían menos que os nenos brancos, e viceversa. Unha sociedade na que ao reverendo Dr. Luther King lle pegaron un tiro e a Mohamed Ali lle retiraron o título de campión do mundo, cando se negou a ir a Vietnam, porque non quería loitar por un sistema racista que discriminaba. Como el mesmo chanceaba nunha entrevista de TV: «…Santa Claus é branco, Xesús é branco con ollos azuis, os anxos son brancos, ata Tarzán, o rei da xungla en África, era branco…». Unha sociedade na que non había negros nas películas e se os había eran submisos e graciosos, criminais ou serventas con sorriso de melón. A actriz Hattie McDaniel gañou o primeiro óscar a unha persoa negra en 1939 por Gone with the Wind, ao retratar a unha escrava, serventa obediente e graciosa, dunha familia do Sur. Con todo, malia gañar unha estatuíña, a súa cara non apareceu nos pósters anunciando a película, e no restaurante onde se celebrou a cerimonia de entrega do premio, «permitíronlle» sentar ao fondo, porque era un local segregado. O único branco que sentou nesa mesa foi o axente de McDaniel. Entón tampouco ninguén dixo nada.
En 1970, durante a administración Nixon, a Garda Nacional e a policía dispararon contra manifestantes que protestaban contra a expansión da Guerra de Vietnam a Cambodia, en dúas universidades. Foi a primeira vez na historia do país en que se abría lume contra manifestantes nun recinto universitario. En Ohio, o 4 de maio de 1970, no campus da Universidade de Kent, morreron catro estudantes brancos e ata trece quedaron mal feridos. O 14 de maio sucedeu outro tiroteo contra estudantes en Mississippi, en Jackson State College. Máis de 40 policías de Mississippi dispararon contra o dormitorio das mulleres. O edificio quedou feito cachizas (hoxe aínda se poden ver os buracos dalgunhas das máis de 400 balas que dispararon), dous estudantes negros morreron e unha decena quedaron feridos. O suceso da Universidade de Kent quedou gravado para sempre nos anais da memoria dos cidadáns estadounidenses. Con todo, case ninguén recorda o que sucedeu en Jackson State College. Un tiroteo nunha universidade negra en Mississipi non levantou o interese dos medios de comunicación, e os mortos pasaron a mellor vida, sen pena nin gloria.
O privilexio de ignorar o privilexio
É moi difícil comprender os Estados Unidos sen coñecer a súa historia. Centenares de artista e escritores como Toni Morrison e James Baldwin crearon obras denunciando o racismo institucional do seu país. Os cidadáns negros non están no cárcere e cometen máis crimes porque sexa peores que os cidadáns brancos. A falta de oportunidades que sufriron durante séculos conforma boa parte do problema, así como un sistema xudicial que favorece ao rico e premia o privilexio. Durante xeracións a vida de moitos negros estadounidenses reduciuse a facer cola ata morrer na cámara de gas do home branco. O que é inaceptable é que o sistema continúe tan pútrido durante séculos.
Hai máis de vinte anos pensei que, trala tortura de Louima, as cousas tiñan que cambiar. Pero logo viñeron James Byrd Jr., Amadou Diallo e quen sabe cantos máis. Só podo imaxinar a frustración da xente afroamericana. Para eles non son vinte anos, senón toda a vida; a súa, a dos seus pais, os seus avós, etc. Xa que logo que haxa disturbios non debería sorprender a ninguén. A morte de George Floyd creou unha revolución a través de «Black Lives Matter» porque foi asasinado diante de todo o planeta. Con todo, houbo un tempo no Sur, cando os linchamentos eran o entretemento da semana. A xente branca atendía a este tipo de «eventos» e sacaba fotos co cadáver dun negro colgado dunha árbore para levar de recordo. Esta vez o linchamento foi televisado. Todos vimos o vídeo que se propagou como gasolina polas redes sociais. Aínda que seguramente para un home heterosexual branco, que nunca sufriu nin sufrirá ningún tipo de discriminación, toda esta «revolución» poida resultar chocante, tampouco hai que ser xudeu para entender que o nazismo estaba mal e que foi necesario intervir. Hai que saír deste privilexio tan enorme que é ignorar ou negar que gozamos de certas vantaxes. Só o «normal» parece aceptable. O branco é bo, o negro é malo. A familia heterosexual vale, a homosexual non vale. O pasaporte español é limpo, o romano é sucio. Razoamentos prehistóricos que son intolerables. Os centos de manifestacións contra o racismo que se sucederon por todo o planeta, parecen o principio dun cambio global. Os negros nos Estados Unidos, os xitanos en España e outros países, os turcos en Alemaña, a xente LGBTQ en Rusia, Hungría, etc., saben ben que os privilexios son de quen os cultiva. O único que florece dese xoio, é a desigualdade e a inxustiza. Se queremos vivir nun lugar mais xusto, incúmbenos a todos facer algo para deter ese veleno. O mesmo que fixo Magalie Laurent, hai que meterse e denunciar toda discriminación, xa sexa do departamento de Policía de NY, de Minneapolis, El Ejido ou Tierras del Oria. Trátase de intervir ou quedar á marxe alimentando a fogueira dos nosos privilexios.
?? SFPD cops giving a peaceful #BlackLivesMatter protestor the full #GeorgeFloyd treatment—including a knee on the neck—as they arrest him for failing to leave a protest:#BLUEFALL pic.twitter.com/8EeBu8I6J1
— ©halecos Amarillosᴳᴸᴼᴮᴬᴸ ?ʷAͤNͣOͬNͤYˡMͤOᵍUͥSͦⁿ (@ChalecosAmarill) June 4, 2020