Feijóo anuncia unha axuda social con tarxetas moedeiro de ata 900 euros a dúas semanas da campaña electoral

A Xunta repartirá tarxetas para que 30.000 fogares poidan adquirir bens de primeira necesidade a través dun convenio cunha entidade financeira e Cruz Vermella, aínda a pesar da Renda de Inclusión Social do Goberno galego e do Ingreso Mínimo Vital.

A xusto un mes das eleccións autonómicas, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, comunicou a repartición de tarxetas moedeiro ás persoas máis vulnerables para utilizar en tendas de alimentación, produtos de hixiene e farmacias. Pretenden chegar ata 30.000 familias que aínda non percibisen o Ingreso Mínimo Vital ou a Renda de Inclusión Social do Goberno galego. No caso de que reciban esa axuda, a tarxeta automaticamente quedará sen efecto.

Así o comunicou o barón galego despois do Consello de la Xunta deste venres, onde manifestou que a Administración autonómica axudará ás familias con menos recursos ante a crise económica derivada da COVID-19. Esta medida e outras seis máis inclúense dentro dun plan de reactivación social por un importe de 38 millóns de euros. A iniciativa aprobarase este luns para que os demandantes poidan adquirir a tarxeta canto antes.

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

Desta maneira, a contía abonarase en tres meses e dependerá do número de integrantes nos fogares. No caso de ser unha persoa, o importe que recibirá é de 450 euros, de ser dous 600 euros e para tres ou máis 900 euros. O programa realízase en colaboración coa Cruz Vermella e cunha entidade financeira -previsiblemente Abanca- e as familias poderán solicitala a través dos concellos. Nun prazo de tres días máximo os solicitantes terán estas tarxetas, e no caso de que o titular dalgunha delas perciba unha contía das rendas sociais do Goberno estatal ou da Xunta, o moedeiro quedará inactivo. Mentres tanto, as tarxetas serán efectivas en calquera tenda de alimentación ou hixiene e tamén nas farmacias.

Ademais, o presidente do Executivo galego notificou que outra das medidas que se inclúen neste plan son as «tarxetas menú». Cada unha delas irá precargada con 30 menús para financiar ata 600.000 comidas. Os establecementos que se queiran adherir ao programa incluirán na súa carta un menú de “oito euros máximo”, segundo indicou o Goberno galego, onde cinco euros os cubrirá a Xunta e os tres euros restantes a persoa que solicita este servizo.

É dicir, o 60% da contía do menú está cuberto polo Goberno autonómico. Tamén, un dos obxectivos deste programa é «facilitar ingresos na hostalería», segundo comentou Feijóo na rolda de prensa. A diferenza das outras tarxetas, nestas non terá que ver se as persoas solicitantes perciben as axudas sociais. Están destinadas a persoas con ingresos mensuais inferiores a 710 euros ao mes no caso dunha persoa; 1066 se son dous integrantes na familia e 1492 no caso de tres persoas por fogar. Se a renda das persoas interesadas enmárcanse nestas cifras, terán dereito ás tarxetas, que se recollerán nos bancos e se entregarán en man nos negocios e farmacias.


Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.
cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail