Aconfesional?

Pode darnos o riso ou a gargallada se non fose porque …

Facemos notar que o noso calendario réxese  polos feitos esenciais da relixión cristiá: o calendario gregoriano, en vigor desde 1582 cando se promulgou o seu uso na bula Inter Gravissimas.

Pasou a Semana Santa. Corenta anos atrás pechaban bares, salas de festas, salóns de baile e calquera actividade de ocio que non fosen oficios relixiosos, procesións ou flaxelos. No cine, películas tipo Ben Hur, Marcelino Pan e Viño, Molokai, El padre Damián e cousas así.

A relixión católica, daquela rexía a vida e as conciencias de milleiros de españois, e con moito tino de españolas porque a elas sempre se lles instruíu para ser as gardiás da moralidade pública, conformada polos dogmas e sobre todo polo fanatismo da xerarquía da Igrexa Católica e ata un chisco máis o da española.

A loita polas liberdades sociais, políticas, nacionais e sexuais ameazaban con fendas severas o réxime e morto o dictador Franco aplicáronse uns por aquí e outros por alí a sacar adiante unha Transición á que chamaron modélica.

Renovouse o Concordato en 1979 sen submetelo a debate nin consulta nin nada. Con nocturnidade.

2019… seguimos tendo relixión católica nas escolas públicas e concertadas impartida por profesorado  que non se acolle aos criterios de selección do resto e mesmo precisa o placet dos bispos. Cobran, iso si, do erario público. Prebenda que non goza ningunha outra relixión.

Semana santa, radios e teles públicas dálle que dálle cos santos oficios e xa para máis a utilización do espazo público de modo continuo ata con altavoces (domingo, luns, martes, mércores, xoves, venres, sábado e domingo) e desconsiderado: bloqueo de rúas e prazas así como cortes de tránsito  para que os sacerdotes coas súas casulas e palios, rodeados de  pendóns, flaxelados, capirotes, saións e outros disfraces laien, recen, salmodien e canten por vilas e cidades coa aquiescencia da maioría das autoridades municipais que teñen a desfachatez de dicirnos que son actividades turísticas e culturais.

Teñen acaso poucas igrexas para exercer as súas actividades? Non lles abonda o espazo que gozan que invaden o público obrigándonos a quen non queremos tal a comungar con rezos, preces e ladaíñas e mesmo a desviarnos para acceder a puntos requeridos, etc.

O respecto ás crenzas particulares e aos espazos para exercelas colectivamente non pode supor a imposición á cidadanía que non participa das súas crenzas ou ritos.

E por se alguén acordou esquecer paga a pena lembrar que a Igrexa Católica é unha institución antidemocrática e fondisimamente antifeminista.

Só hai xefes (pontífice, cardeais, bispos, sacerdotes) prohibindo por lei  a participación das mulleres no escalafón.

Usa e abusa das mulleres ao asinarlles o papel de nais, negándolles o dereito a decidir do seu corpo e sinaladamente do seu sexo; insuflándolles a perniciosa idea de que son as responsables «DA» familia e da moral social .

ELES encárganse de ditaminar que é familia e que non, desobedecendo as leis civís, con prédicas nos seus púlpitos así como orientacións e sancións nos confesonarios. Agacharon e seguen protexendo a delincuentes como os curas que abusaron e abusan sexualmente de menores.

Parécenos que é de recibo que sigan a ocupar as rúas con procesións, rezos, prédicas, disfraces e cantos como o de Perdona a tu pueblo, señor ou calquera outra cantinela?

Teñen aínda a desvergoña de falarnos da aconfesionalidade que escribe a Constitución?

Por que esta cuestión non se propón nos programas electorais? Por que cada ano que pasa a ocupación do espazo físico (rúas e prazas, ondas ) non só non merma senón que medra un pouco máis?

ACONFESIONAL? Non o é e cando menos deberiamos esixilo.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail