Sumar hai tempo que non dinamiza apenas nada e Podemos é pouco máis que un negocio familiar. Á esquerda do PSOE queda algo nas comunidades autónomas históricas. Pero dificilmente pode ser o principio dalgunha outra cousa. Que o electorado socialista descontento busque refuxio nelas é síntoma, cando o é, pero que non poidan medrar máis do seu límite histórico devólvenos ao punto de partida. Gañan a dereita e a ultradereita, porque xa gañou nas europeas e en non poucas eleccions autonómicas. O BNG non ten nacionalismo de dereitas co que competir, EH Bildu non gañou ao PNV e nin as CUP nin ERC foron tampouco quen de artellar nada. Todas as opcións de esquerda nacionalistas seguen pendentes.
Con este decevedor panorama –perdóeseme a honestidade– non hai (aínda) grandes manifestacións, mesmo se algunhas xa están entre as liñas de fuga polas que se fractura o Estado nacional. Un pode analizar atentamente o panorama e dar cun ímpeto xuvenil se o busca. Mais non é menos certo que é moito buscar. E tense que coidar coas ideas, pois polo de agora aínda se atopa nunha fase moi embrionaria do que será: basicamente, unha rapazada que aínda vive nas súas marxes de renda en medio dun capitalismo voraz que coloniza as mentes moito máis rápido do que o fixera coas xeracións do 15-M, por non dicir outras anteriores.
Neste contexto non se pode esperar agora a ver como remata a última gran democracia progresista que lle queda a Europa namentres os señores do neoliberalismo observan como medra a súa ultradereita. É importante notar que nin Alemaña, nin Francia, nin Italia e, mesmo se é fora da UE, nin no Reino Unido, son capaces de afrontar o auxe da extrema dereita. Carecen de armas para facer fronte á ultradereitización ianqui, perante o que optaron por unha política seguidista e subalterna: abonda con ver os posicionamientos acerca de Palestina. Non digamos os países pequenos da UE, nos que os aires da extrema dereita entran polas rúas sen que se lles opoña unha forza consistente.
E fronte ao desmantelamento dos EE.UU., ao que se aplican con grande esforzo as ultradereitas varias, pois non é cousa dunha única forza, non queda unha fronte de masas que opoñer: onde están hoxe as masas fronte á fascistización galopante? Onde o proceso de mobilizacións ao que apelar como houbo un movemento altermundialista, primeiro, e un 15-M (con todas as súas diferentes declinacións globais)? Sabemos pola experiencia que se está a formar, que vai lento. E isto favorece aquí tanto máis a ultradereita, pois acontece estando a esquerda no goberno.
Sobre isto último cómpre subliñar un punto, pois é onde radica o novo reformismo da esquerda que leva varios anos vendo como diminúe indefectibelmente o seu electorado e non reacciona á altura: o mundo post-15M acredita no poder das institucións moito máis do que nunca antes se chegou a imaxinar. Acontece así que desde hai un tempo xa están nun mesmo modo mental contemplativo: negar toda acción fóra das marxes e contar con que nalgún momento algo (o que?) cambiará a tendencia. Este mal é propio da esquerda herdeira de PCE/IU e dos núcleos activistas que se artellaron arredor. Vai moito máis frío fóra das institucións que ao abeiro do PSOE.
E se non é nos malfadados límites, cal é a alternativa, logo? Aquí entramos no terreo da política-ficción, que é, con todo, onde florecen as mellores ideas, as máis libres de todas elas. As máis imprecisas, certo é. Mais nestes momentos o que precisamos é xustamente o oposto, a sua imprecisión, a súa vaguidade. Precisamos dun espazo que ofreza un devir incerto, un exemplo de indeterminación. E, porén, sobre esa indeterminación, un contrapoder, unha posibilidade de artellamento a partir de cero.
Só na base de algo que non escolla unha masa protagónica prefigurada pode emerxer a multitude que precisa hoxe a sociedade. O erro de procurar acubillo no Estado é o propio Estado. O único espazo de seguridade irreductíbel é a sociedade. O Estado abonda, certo é, para as súas tarefas descritas na Constitución. Non por ser leal, senón por permitir facer panca. Mais a sociedade é a que ten forza, pois a ninguén ata. Remata o período dos anos dez, como moitos supuxemos e só fomos acertando co devir do tempo. É hora de comezar polo grao cero da política: a sociedade. Non demos máis a batalla de quen non pode gañar. Claudicación, que é como chamarán o noso triunfo vindeiro.