A protesta de levar un libro na man

O medievalista Ernst Robert Curtius atopou este tropo sobre o libro nunha das súas pescudas históricas: «A natureza como libro, o libro como mundo». A do libro na Galicia de hoxe, é unha natureza en crise. No caso do libro en galego é un mundo ameazado.

Un dos problemas máis desacougantes na emerxencia medioambiental na que vivimos  é a perda das especies que polinizan a vexetación e fan posíbel o ciclo da vida. As abellas, esas activistas míticas da rexeneración, están a desaparecer ou xa extinguidas en grandes zonas xeográficas do planeta. Nun ecosistema cultural, mesmo no tempo do «solucionismo tecnolóxico», os libros xogan de xeito especialmente eficaz esa tarefa imprescindíbel da polinización. No imperio do Tecnopoder, onde domina a síndrome do FOMO (Fear of Missing Out), do medo a ficar fóra de xogo, da allada e do lerio, o pole máis importante é o do diferente.

Marcel Duchamp dicía que as verdadeiras creadoras nas artes e no pensamento eran aquelas persoas capaces de habitar a dificultade da súa época.  E velaí está o libro, como artesa tradicional onde pode levedar o pan de vangarda, niños autóctonos de aves emigrantes, habitando xusto no centro das dificultades da época. Eses libros que xermolan na dificultade, resistindo a política patóxena e herbicida, son os portadores da semente que mantén o substrato creativo, a pulsión do desexo, o instinto utópico nunha atmosfera de corrosión distópica.

A crise do libro en galego non só atinxe ás abellarizas do libro, esas factorías de pole, de natureza-mundo, nin a quen escribe, ilustra, publica, edita ou distribúe. Non é un problema de «sector». O sector do libro é a enteira sociedade. A caída en libros e no número de lectoras e lectores en galego non é resultado dunha fatalidade ou dunha avaría ou desarranxo anímico e mercantil na industria editorial e os circuítos de venda ou préstamo público. Non se pode atribuír á falta de talento. Pola contra, a imaxinación galega semella vivir unha época de feliz descolonización, unha revolución creativa na dificultade.  Pero as cifras son alarmantes. Onde está a catástrofe? Pan por pan, falando en prata, cantando as corenta, a situación de esmorecemento, de retroceso, de mingua, que se está a dar la lectura do libro en galego  débese a unha política patóxena, consecuencia dunha visión tan soberbiosa e sectaria como tóxica e provinciana.

Un país non pode prosperar sen a polinización cultural e lingüística que debe ter o libro como arca.  E isto é o que está a ocorrer, en especial dende 2010, ano no que se impuxo a fatídica directriz de «facer mal o ben, e facer ben o mal» Non moito antes, en 2006, chegarase a unha boa Lei do Libro que puxo o ramo a un proceso de amplísimo acordo. Subliñábase algo que adoita esquecerse cando falamos de cultura, do idioma e do libro: son unha herdanza a protexer, os cereais necesarios contra o espírito do inverno, mais tamén son os hórreos do futuro.

Cumprir vén de cum plenare que significa encher. Cando volveu ao poder a libido dominandi da excitación reaccionaria. A lei ficou nunha gabeta. Non se encheu nada e comezou a baleirarse o que había. As estatísticas que hoxe se dan en Galicia mostran unha situación de desnutrición, maltrato e abandono para o libro galego. En Galicia, nesta «década escura», descendeu dramaticamente a lectura en galego, até o punto de estar na metade, en proporción á poboación, dos libros en éuscaro e na terceira parte da demanda en catalán. É a consecuencia da des-polinización. O libro galego, como a lingua, empurrados ao gueto.

Non interesa tanto sinalar culpábeis, pois a incompetencia  política salta á vista, senón tomar conciencia da doenza e dos danos, e reparar a grave avaría para quen goberne hoxe e goberne o futuro. Non se pode adiar máis un plan de fomento da lectura. Fronte ao desleixo que sofre a cultura en Galicia, chegou a hora do clamor cívico. Da polinización creativa. Que mellor xeito de manifestar o malestar cultural que facelo erguendo un libro na man?

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail