Perigo, pracer e dano no desconfinamento

Na fotografía, decenas de persoas aproveitan o soleado día primaveral para mollar os pés nas frías augas atlánticas e uns poucos cativos son tan atrevidos como para xogar coa area da beira, mollándose polas pequenas ondas.

Vixiando a xornada de praia, edificios de gris formigón ao outro lado do paseo marítimo. É 11 de maio, o primeiro día do gran desconfinamento. Pero a imaxe non se corresponde coa Coruña ou calquera outra cidade do norte peninsular. É Ostende, porto do Mar do Norte, destino turístico, onde moitos belgas teñen o apartamento da praia. Non é Torremolinos pero á xente curtida deste país ben lle valen quince graos e algo de sol para gozar en pantalón curto e camiseta. Así que como non ter un apartamento nas quilométricas praias que descenden en perfecta liña recta dende os Países Baixos ata a fronteira con Francia?

Vista da praia de Ostende, en Bélxica.

Había xente, bastante, non como un día de verán xa que polo de agora só eran os habitantes da propia vila. Aquí en Bélxica aínda non están autorizadas as viaxes dun día ou á segunda residencia, como en España.

En Bélxica e en Galiza a xente botouse á rúa a gozar do primeiro gran día de desconfinamento, aproveitando tamén que moitos seguen sen traballar ou que o teletraballo dá un certo respiro para roubarlle unha horiña de lecer ao reloxo. En Bruxelas tamén houbo ringleiras de persoas nas principais arterias comercias, como na Rue Neuve onde as tendas de Don Amancio compiten con multinacionais estadounidenses, francesas e do propio país.

Xente agardando antes de que abrisen os comercios!!! Tal foi a necesidade dalgúns. Se tivese acontecido en Madrid ou Xaén máis dun comezaría a rexoubar con certa xenofobia en modo cavernícola quintorriano. Aquí como alí, as persoas estamos faltas de luz, de conversas directas e de nos mover para non moldear nos sofás siluetas do noso corpo como facía Homer Simpson.

Algo no interior chamounos a non quedar quedos, a arriscar nese primeiro paso inestábel, rodeados de perigos, baixo a ameaza de caer ao chan ou no negro túnel da pandemia. O motor da nosa supervivencia dende que saltabamos de póla en póla hai miles de anos. E tamén egoísmo, inxenuidade e certa inconsciencia. Se non houbese un chisco desa valentía irracional… que aburridas serían as nosas vidas.

Non pretendo xustificar aquí a irresponsabilidade e os comportamentos insolidarios dalgúns, moi poucos en comparación coa hibernación voluntaria e obrigada que dende o Mar do Norte ata o Cabo de São Vicente mantivemos milleiros. Só por en perspectiva algo do que coido todos somos conscientes. Botarse á rúa con certa liberdade logo de dous meses era algo case que imperativo, e só fai falla que agora baixe a marea da sorpresa ou indignación e que esas primeiras fotografías, nalgúns case axeitadamente distorsionadas grazas á perspectivas e os teleobxectivos, deixen de chamarnos a atención.

Necesitamos coller folgos, respirar o aire mais alá das nosas casas, da tenda do barrio e da farmacia, necesitamos os raios do sol porque o que vén será longo. Viviremos un verán inédito nas nosas vidas, mantendo distancias de seguridade nas praias. Como será iso? Sen guiris a percorrer as nosas rúas? Teriamos que chamar ao mestre Azcona para que escribise a segunda parte do seu libro Os europeos sobre a súa volta para o seguinte ano.

Necesitamos coller folgos para o virá cando chegue o outono. Alértannos os médicos e os gobernos, lévao a Comisión Europea nas súas últimas previsións económicas e o outro día recoñecíao desacougado nunha conversa privada un alto funcionario europeo… haberá un rebrote ou varios, e deberemos acollernos de novo nos espazos íntimos, á calor dos nosos, ollando pola fiestra ao veciño que vai mercar rúa abaixo no medio da chuvia.

Botaremos de menos un día coma hoxe, no que arriscamos e saímos ás rúas, aos camiños e ás praias ateigadas de xente cando o virus aínda andaba agochado. E como cantaban Trent e Johnny, deixarémonos caer, farémonos dano, e se puidésemos comezar de novo afastados un millón de millas gardariámonos de nós mesmos, atopando outro camiño. Pero aínda non fomos quen de facelo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail