A Deputación da Coruña pecha as súas residencias artísticas 2025, «berce do talento galego»

Bergondo.- A Deputación da Coruña celebrou o pasado venres no pazo de Mariñán de Bergondo o acto de peche das súas residencias artísticas do ano 2025, unha iniciativa que pretende dar apoio a creadoras e creadores de diferentes disciplinas, asesorándoas nos seus respectivos proxectos e facilitando o contacto entre elas mediante a convivencia durante dúas semanas no pazo nunha estancia en pensión completa.

Os proxectos seleccionados este ano foron Mandrágora, de Blanca Trigo, e Camiños do desexo, de Sergio Marey, na modalidade de literatura; Coro priscilianista, de Paula Sanmartín, e O amor ao territorio, de María Bella, na de pensamento; e Unha señora orquestra, de Ailén Kendelman, Investigación e creatividades para disco, da banda viguesa Abril, Creación de percusión para EP, de Nanu, e Ronco, disección anatómica da gaita, de Incra.

«Estas Residencias estánse a converter en berce do talento galego, porque de aquí están saíndo proxectos que acadan exitos profesionais», destacou a deputada de Cultura da Deputación, Natividade González.

As participantes e a coordinadora das residencias de música da Deputación da Coruña, o pasado venres no pazo de Mariñán / Cris Andina

«Entendemos como unha obriga apostar non tanto polos produtos como polos procesos creativos, para favorecer o desenvolvemento dos proxectos, aportando recursos como formación, asesoramento, tempo e o espazo do propio pazo», engadíu.

Tempo creativo de calidade

Nese sentido, todas as participantes agradeceron a posibilidade de dispoñer de «tempo de calidade» para o proceso creativo, como o definiu Ailén Keldeman, sen as interferencias exógenas de actividades alleas a el que adoitan ocupar aos artistas e pensadores. «As persoas creadoras case nunca podemos poñer a creación no primeiro plano, ás veces perdémonos coa necesidade de producir, a burocracia da contabilidade…», explicou Sandra Trigo.

«Non ter un compromiso poductivo é precisamente a base desde a que xorde a creación», engadiu Paula Sanmartín, mentres María Bella destacaba que en Mariñán puideron «suspender o tempo e o espazo» para poder reflexionar e interactuar entre elas.

As participantes e o coordinador das residencias de literatura e pensamento da Deputación da Coruña, o pasado venres no pazo de Mariñán / Cris Andina

«Atoparnos, conversar, pensar… Descubrimos a serenidade que produce dedicarnos só á creación», engadiu Sergio Marey.

«Ademais, aquí puidemos facer cousas que xeralmente non podemos facer por falta de recursos», concluíron as integrantes de Nanu.

O comisario das residencias da área de literatura e pensamento, Roberto Abuín, definiu as estancias en Mariñán como ese «espazo de liberación e rebeldía» que necesitan tanto a arte como as artistas. A da área de música, Aitana Cuétara, destacou que o seguimento dos proxectos seleccionados pretende «asegurar a súa viabilidade profesional».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail