O Congreso investigará contratos da Xunta por valor de case 60 millóns a empresas vinculadas á contorna de Feijóo

A Coruña.- O PSOE reclamou á mesa da comisión os expedientes de todos os contratos adxudicados entre 2008 e 2023 ao Grupo Eulen, cuxa responsable para o noroeste de España é a irmá do presidente do PP, Micaela Núñez; e a Universal Support, Sum Talk Iniciativas e Nervo Group Investment, propiedade da multinacional Konecta, cuxo director comercial é Ignacio Cárdenas, irmán de Eva Cárdenas, parella de Alberto Núñez Feijóo.

O Grupo Socialista reclama tamén toda a documentación das adxudicacións da Comunidade Autónoma de Madrid á firma Sibucu 360, unha consultora de enxeñería detrás da que se atopaba o empresario compostelán José Ramón García González, que recibiu axudas da Xunta, coñecido por Feijóo e ao que acompañou en viaxes e actos públicos.

Ademais, os socialistas reclaman a información relativa a todas as subvencións públicas que poidan recibir esas empresas, así como todas as comunicacións entre as empresas, traballadores ou persoas relacionadas con elas con representantes, funcionarios e empregados da Xunta e a Comunidad de Madrid e as sociedades públicas, organismos e entidades dependentes delas.

Ignacio Cárdenas, Konecta e Universal Support

A empresa Universal Support, dedicada ao telemárketing e propiedade da multinacional Konecta, cuxo director comercial é o cuñado de Feijóo, Ignacio Cárdenas, recibiu entre 2020 e 2023 máis de 19,2 millóns de euros en adxudicacións da Xunta. Deles, máis de 15 millóns asignáronse directamente sen concurso mediante o procedemento de emerxencia activado durante a epidemia para axilizar a loita contra o covid.

Ese diñeiro estaba destinado a poñer en marcha o teléfono de atención cidadá sobre a enfermidade; ao rastrexo de casos e contactos entre persoas afectadas, e á información telefónica aos pacientes sobre citas e certificados de vacinación.

Segundo o Consello de Contas de Galicia, Universal Support foi en 2021 a empresa máis beneficiada polos fondos de contigencia distribuídos polo Estado entre as comunidades autónomas para facer fronte aos gastos sanitarios derivados da epidemia. Este diario puido confirmar que o Sergas elevou todos eses contratos ao Consello de la Xunta presidido por Feijóo.

A empresa de telemárketing para a que traballa Ignacio Cárdenas foi a máis beneficiada polos fondos anticovid en 2021

Ese mesmo ano, en 2021, a sociedade na que traballa Cárdenas obtivo outra adxudicación de catro millóns de euros do Servizo Galego de Saúde (Sergas) destinados a cubrir eses mesmos servizos de call center. Foi a única licitación que gañou por concurso público, a pesar de que presentou a oferta máis cara das que analizou a mesa de contratación.

Entre a documentación que presentou a empresa figura o cadro de 78 persoas que destinou a ese contrato, a maioría traballadores e traballadoras temporais cun soldo medio de 14.800 euros cuxa contía anual total non superaba os 1,2 millóns de euros.

O PSOE tamén reclamou os contratos da Xunta con Sum Talk Iniciativas, dedicada á asesoría para vendas e outros servizos de xestión, da que Cárdenas foi director executivo; e de Nervo Group, tamén propiedade de Konecta e destinada á provisión de servizos dixitais para o sector asegurador.

Micaela Núñez Feijóo e o Grupo Eulen

A partir de 2009, cando Feijóo chegou á presidencia da Xunta, a Administración galega triplicou o volume anual de adxudicacións ás filiais do Grupo Eulen, especializado en seguridade, limpeza e prestación de servizos a outras empresas. A directora de Eulen en Galicia era Micaela Núñez Feijóo, que foi ascendida á dirección para o noroeste de España en 2015 xusto despois de que a compañía rexistrase o seu primeiro récord de adxudicacións en Galicia.

Só entre 2009 e 2022, segundo unha investigación levada a cabo por Luzes-Público, Eulen recibiu 139 adxudicacións por valor de máis de 37 millóns a través de concursos públicos en moitos dos cales existen indicios de trato de favor e acceso a información privilexiada sobre as ofertas das competidoras da compañía dirixida por Micaela Núñez.

O 77% dese diñeiro pagouse a Eulen e as súas filiais -Eulen Centro Especial de Emprego, Eulen Seguridade e Eulen Servizos Sociosanitarios- a través de entidades descentralizadas da administración paralela da Xunta -axencias, consorcios, fundacións, sociedades públicas, etcétera-, nas que o Consello de Contas de Galicia detectou numerosas irregularidades nas órmulas que empregan para contratar.

Feijóo, nunha entrevista na Radio Galega / Foto: Radio Galega

Posteriormente, o diario El Salto engadiu a esas cantidades outros 4,83 millóns de euros que as compañías adscritas a Eulen recibirían mediante outros 1.311 contratos menores asignados directamente sen concurso.

Segundo o mesmo medio, a empresa Allwork Vestiario Laboral, na que traballa Francisco Antonio Otero Illodo, parella da secretaria xeral do PP de Galicia, Paula Prado, obtivo outros 38 contratos menores para a compra de equipos de protección durante a pandemia por valor de 149.975,72 euros.

Antes de que Allwork contratase a Otero Illodo a véspera de que se declarase a emerxencia sanitaria, a empresa só obtivera unha adxudicación da Xunta de 138 euros. Eses contratos, con todo, non forman parte dos que os grupos da comisión de investigación do Congreso reclamaron á Administración galega.

José Ramón García González e Sibucu 360

Luzes-Público desvelou en maio de 2022 que os Gobernos de Galicia e da Comunidade Autónoma de Madrid compraran a Sibucu 360, unha empresa de consultoría sen relación ningunha co sector sanitario, máscaras, gorros e filtros anticovid por máis de medio millón de euros, a pesar de que a Xunta activara meses antes o seu mecanismo de alerta sanitaria tras detectar que o material que lle compraba tiña selos de certificación falsificados .

En total, esas administracións, a través do Sergas e das consellerías de Familia, Mocidade e Política Social e de Sanidade da Comunidad de Madrid, adxudicaron durante a pandemia máis de 5,3 millóns de euros a Sibucu 360.

Era a empresa de José Ramón García González, que en 2017 fora condenado a nove meses de cárcere e multa de 615.372,75 euros por dous delitos continuados de fraude fiscal e falsidade documental.

A pesar de que esa condena inhabilitouno expresamente para seguir contratando ou recibindo subvencións públicas ata maio de 2019, a Consellería de Emprego de Feijóo outorgou a unha das súas empresas dúas subvencións por 84.000 euros. Terminado o prazo de inhabilitación, o mesmo departamento volveu concederlle 3.000 euros, e o Instituto Galego de Promoció Económica, outros 31.360 euros

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail