Mulleres colleiteiras: o círculo da economía social

Fixeron realidade iso que deu en chamarse economía social e circular. Sonia, Montserrat, Emilia, Soraya e Violeta son as cinco socias de pleno de­reito de Mulleres Colleiteiras, unha cooperativa sen ánimo de lucro fundada en 2015.

Vinte e catro meses antes entre vinte e trinta mulleres xitanas, colectivo maioritario nesta Cooperativa, iniciaban a recollida de aceite vexetal usado no barrio coruñés de Monte Alto, co apoio da ONG Arquitectura sen Fronteiras, das entidades do barrio, da súa Asociación de Veciños e de moitas persoas que se implicaron directa ou indirectamente naquel proxecto piloto. Hoxe, Mulleres Colleiteiras está recoñecida. Recibiu o accésit do Premio Nacional Xuntas polo Clima (2019) e a Pomba de Ouro da Plataforma LaTeuaTerra (2018). O seu crecemento é proba do funcionamento exemplar das economías social e circular que rexen esta empresa, que comezou con 20 puntos de recolección e que hoxe conta con 65, que se ampliarán este ano a 85, distribuídos por toda A Coruña, Oleiros, Arteixo e Ferrolterra. No ano 2017, Mulleres Colleiteiras recolleu 43.994 quilos de aceite vexetal usado. Este ano chegarán aos 130.000. Esta é a súa historia.

«Vivo a experiencia de saber o que é traballar, e unha oportunidade», conta Montserrat, xitana de apenas vinte anos, cando se lle pregunta por este traballo. Sonia, a súa compañeira, da mesma idade e tamén xitana, responde así: «É unha experiencia nova. Nunca traballara. Estámonos independizando. Para nós é máis difícil». Sonia e Montserrat acaban de chegar, xunto con Emilia Allegue, ao primeiro punto de recollida desta xornada. Chegaron na furgoneta verde de Mulleres Colleiteiras desde o seu Centro de Operacións, situado no Polígono Industrial de Oleiros. A ruta de recollida de aceite vexetal usado acaba de comezar.

Sonia e Montserrat sacan do contedor laranxa as botellas de plástico cheas deste espeso líquido, colócanas nunhas cestas de caucho de cor negra e lévanas á furgoneta. Cada cesta ten unha etiqueta, que contén a dirección do punto de colleita co fin de poder saber, ao final da xornada, cantos quilos de aceite había nel. Cada un deles ten as súas cestas de caucho coa súa identificación.

A xerente da cooperativa, Susana Pena Liaño, xunto a algunhas das traballadoras de Mulleres Colleiteiras como Emilia Allegue.

«Gaño 315 euros ao mes. Só traballo vinte horas á semana. Estou a proba. Agora comezarei a xornada completa», explica Montserrat na furgoneta, mentres nos diriximos ao segundo punto de recolección, o Mercado de Conchiñas. «Só temos esta furgoneta. Necesitamos outra, unha na que se poidan poñer directamente os contedores e recolocalos logo automaticamente. Non damos abasto pero non dispoñemos de orzamento para comprar unha furgoneta máis. Somos autónomas. Traballamos de 9 a 15 horas os luns, mércores e venres. E os martes e xoves de 9 a 16 horas», explica mentres conduce a furgoneta Emilia Allegue, que leva dous anos nesta cooperativa.

«Somos unha cooperativa sen ánimo de lucro porque pensamos que é a forma ideal de facer realidade a economía social e circular. O que se pretendeu e se pretende con esta cooperativa é que as mulleres da mesma, a maioría en exclusión social, participen en todos os ámbitos da empresa. Elas son socias traballadoras. A empresa é súa. Fixeron unha achega mínima de capital. Nun principio fan unha práctica, págaselles a dieta, o transporte, ensínaselles algo tan básico como abrir unha conta corrente no banco e dáselles unhas pautas para facer o seu traballo. Poñerei un exemplo que fará máis clara a situación que vivimos. Se ás nosas traballadoras lles chega unha carta que non comprenden, ou se teñen que realizar unha xestión complexa para elas porque nunca a fixeron, axúdaselles. Facémolo para que aprendan e poidan un día ser donas das súas vidas. Hai empresas de inserción social e centros especiais de emprego, que fan un itinerario formativo de tres anos e logo os seus traballadores volven á marxinación.

Neste tipo de empresas houbo casos de explotación. Naquelas, as persoas non teñen un horizonte, a posibilidade de quedar, de seguir formándose. Isto non sucede en Mulleres Colleiteiras. Tras realizar as prácticas e o período de proba, se elas se senten seguras, sen obrigalas, pregúntaselles se desexan ser socias de pleno dereito. A dignidade e o respecto son esenciais neste proceso. Hai que pensar na situación de cada unha, normalmente delicada. Doutra banda, neste proceso tamén se ten en conta a conciliación familiar e laboral. Se unha traballadora chega media hora tarde por motivos familiares, pode recuperar esa media hora pola tarde do mesmo día, ou outro día. Isto fálase sempre. Tivemos algún caso, no que unha traballadora tivo que deixar o seu posto porque na súa casa ninguén facía a comida, nin coidaba da familia. Nós conciliamos organizándonos. A conciliación é o primeiro. Levámola a cabo individualmente, adaptándonos á situación de cada traballadora, á súa problemática. Sonia e Montserrat viven no poboado xitano e desexan independizarse», explica Susana Pena Liaño, xerente da Cooperativa.

Susana gaña 1200 euros ao mes. Non é socia da Cooperativa, é persoal contratado e o seu soldo cóbrese cos 25.000 euros aportados, desde o ano 2018, pola Consellería de Igualdade do Concello da Coruña. Outras institucións que colaboran con Mulleres Colleiteiras son a Estación Depuradora de Augas Residuais EDAR, o Concello de Arteixo, a Consellería de Medio Ambiente do Concello da Coruña, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. O Club de Leóns de Oleiros tamén colaborou coa cooperativa para a compra de maquinaria especial para o depurado do aceite vexetal usado. Destaca a colaboración da EDAR, que foi e é fundamental para o desenvolvemento de Mulleres Colleiteiras e tamén para a Estación Depuradora de Augas Residuais, para o seu mantemento eficaz e sostible. «Un litro de aceite vexetal usado equivale a 1000 litros de auga limpa de mar. Nos sumidoiros e na depuradora teñen problemas gravísimos co aceite que chega alí polas canalizacións, desaugues, inodoros… O aceite, unido a outros residuos, forma bloques máis duros que o formigón na EDAR. Estes bloques hai que destruílos cun trade. Doutra banda, gástase moitísima auga en limpar este aceite na depuradora», explica Emilia Allegue.

 

Chegamos ao segundo punto de recollida de hoxe, situado no Mercado de Conchiñas. Sonia e Montserrat descenden da furgoneta, van cara ao punto laranxa, colocan as botellas de plástico cheas de aceite vexetal usado nas esportas negras de caucho ben etiquetadas, e lévanos á furgoneta. Mentres o fan pasan casualmente dous ciclistas da asociación de reparto Van en Bikke, coa que Mulleres Colleiteiras colabora desde 2017. «Distribúennos folletos informativos, nos que se explica como se debe reciclar o aceite vexetal usado, e reparten funís, que facilitan ás persoas o reciclado», explica Emilia Allegue.

Como se recicla o aceite vexetal usado? De forma sinxela. Para iniciar o ciclo de reciclado necesítase unha botella de plástico e un funil. Vértese o aceite vexetal usado que teñamos na casa e desexemos reciclar na botella de plástico. Péchase ben a botella e lévase, o máis limpa posible, a un punto laranxa de recollida. Que pasa logo co aceite que as Mulleres Colleiteiras recollen? Algo marabilloso, que garda moitos soños. En primeiro lugar, finalizada a ruta do día, lévase o aceite recollido ao centro de operacións de Mulleres Colleiteiras, no Polígono de Oleiros, na Coruña. No Centro, nunha nave alugada a ese concello desde 2016, pésase o aceite de cada punto de recolección. Posteriormente, vértese a través dun sistema de enreixado, co que se fai o primeiro filtrado. Nesta operación baléirase unha a unha cada botella de aceite. Unha vez realizada esta operación vértese o aceite nun tanque de 400 quilos. Aquí será valorizado, é dicir, depurado por unha empresa á que Mulleres Colleiteiras llo vende a 40 céntimos o quilo. Esta empresa venderallo á súa vez, tras depuralo ou valorizalo, a unha multinacional que o transformará en biodiesel.

 

Nun futuro próximo, grazas ao investimento de ao redor de 40.000 euros, que realizaron Mulleres Colleiteiras, dese tanque de 400 quilos o aceite pasará a un de 1500 no cal, a través dun proceso de temperatura (por calor), separarase o aceite da auga e do residuo orgánico. Logo, o aceite pasará a unha centrifugadora, onde se depurará de novo e finalmente a un tanque de 14.000 quilos, onde se almacenará. «Faremos nós todo o proceso de depuración converténdonos en valorizadoras deste residuo. Para lograr isto, para o que xa contamos con todas as infraestruturas, necesitamos 10.000 euros, que teremos que depositar na Xunta de Galicia para conseguir a autorización que nolo permita. Este é un dos nosos obxectivos e tamén un dos nosos soños. Pero hai máis: levar este aceite, xa depurado no noso centro de operacións, ás caldeiras da calefacción dos colexios, ás dos centros cívicos, ás das entidades financeiras, de institucións etcétera. Se o logramos, pecharíamos o círculo, conseguiríamos aquilo polo que loitamos cada día: que a nosa sexa unha empresa onde a economía circular e social estean completas», detalla Susana Pena Liaño e engade: «Traballamos nun proxecto de I+D+ I da Universidade da Coruña, en concreto coa Unidade de Combustible do Campus de Ferrol, con empresas de economía social e coa cooperativa A nosa Enerxía para lograr que o aceite que recollemos vaia, unha vez depurado, ás calefaccións. Hoxe este aceite véndese a empresas multinacionais pero pódese usar directamente nas caldeiras de calefacción, é dicir, sen ser convertido en biodiesel».

Despois do Mercado de Conchiñas chegamos ao punto de colleita IBS Pai Rubinos, logo imos ao do Bar Atlántico 57, ao do Orzán, ao do Mercado de San Agustín, ao de Cidade Vella, ao de Praza Parque, ao do Mercado Monte Alto, onde comezaron as Mulleres Colleiteiras, ao do Parque de Marte, ao do Campo da Leña, ao de Zalaeta, ao de reataurante Overa e ao do comedor da empresa Showa Denko, desde onde nos dirixiremos ao centro de operacións para acompañar as Mulleres Colleiteiras no labor de pesado e baleirado do aceite.

«Ademais destes proxectos, estamos realizando as dilixencias necesarias para conseguir os certificados IS0 9001 e ISCC para a trazabilidade de biocarburantes. Son necesarios para que podamos participar no concurso para a recollida de aceite vexetal usado do Consorcio das Mariñas. Doutra banda, presentámonos ao convenio para a limpeza de contedores de aceite vexetal usado do Concello da Coruña, pero non nos admitiron porque somos unha cooperativa sen ánimo de lucro. Nas súas bases só se permite a participación de Empresas de Inserción Social e de Centros Especiais de Emprego. Recorremos estas bases. Ao fin, a empresa que gañou cometera irregularidades graves na súa xestión e retiráronlle o convenio. Esperamos poder presentarnos cando salga a oferta de novo», explica Susana Pena Liaño.

Acaba o día. O aceite está no tanque. Todo no Centro de Operacións de Oleiros está xa limpo. Queda analizar como foi o día e a ruta de mañá. «Preparo as rutas unha semana antes. Hai puntos aos que imos recoller o aceite cada quince días, outros, os menos, unha vez ao mes, e outros unha vez por semana. En base a esta planificación», aclara Susana Pena Liaño, quen como Sonia, Montserrat, Emilia, Soraya e Violeta, sente que está facendo as cousas ben e que por iso Mulleres Colleiteiras ten futuro a pesar do mercado negro do aceite vexetal usado, malia as competencias desleais, malia a perversión das axudas públicas. Malia todas as dificultades, elas duplican a súa actividade cada ano. Están aí e xa son un referente de bo facer.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail