Estas cousas só pasan en Madrid

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

En todo o rebumbio que se ten montado arredor do Caso Cifuentes e ese máster que, de puro máxico, só se pode sacar no campus de Hogwarts -o colexio de Harry Potter-, hai algo que boto de menos escoitar, aínda que seguramente só o bote eu. De Pablo Casado e o seu milagre das convalidacións e dos peixes xa nin falamos.

Aquí en Galicia todo o mundo ten unha opinión. O Noso Alberto xa nos regalou unha desas máximas estilo Barrio Sésamo que tantos puntos lle dan en Madrid: se ten un título dixo a verdade e se non o ten mentiu. Nin Coco, o monstro das galletas, explicaba tan ben a diferenza entre cerca e lonxe.

O resto dos voceiros políticos sacaron a pasear as opinión habituais sobre o malos e corruptos que son no PP, o dano que lle fan ás institucións, o mentireira e sobrada que é Cristina Cifuentes e, por suposto, non podían faltar os que aproveitaron para pór en cuestión a toda a universidade pública. Non faltou o tradicional desconcerto que sempre produce o Abrazo Mariano: matalos a apertas, a arma favorita de O Noso Mariano. Parece mentira que na oposición aínda non teñan aprendido que, no PP, canto máis che aplauden máis en perigo estás.

Iso si que debera ser noticia. Ter a certeza de que semellante vergonza non pode pasar na universidade galega, unha das peor financiadas de España, nun país que se sitúa á cola en gasto en ensino superior, machucada polo Goberno e desprestixiada polos medios de comunicación

Non digo eu que non haxa que falar de todo iso e dicir todas esas cousas tan profundas, tan construtivas e que tanto axudan a amañar os problemas. Pero queda algo que ninguén verbalizou e eu quero facer constar: isto, en Galicia non pasa, e estas cousas só poden pasar en Madrid. Se o de Cifuentes e Casado tivera pasado  na USC, na UDC ou na UVigo, en Madrid xa levarían semanas receitando que todo é culpa das autonomías e da descentralización e que en provincias xa se sabe: todo é clientelismo e amiguismo e enchufismo.

Estas cousas so poden pasar en Madrid, porque sempre saben de todo e andan demasiado ocupados en darnos leccións sobre como cómpre facer as cousas para facelas ben e non como as facemos en provincias: sempre tarde, mal e arrastro. Aquí nunca podería ter pasado semellante trapallada porque a universidade galega é una cousa seria e de prestixio, ten unhas normas e fainas cumprir con transparencia.

Iso si que debera ser noticia da que falar porque nos afecta ás galegas e aos galegos. Ter a certeza de que semellante vergonza non pode pasar na universidade galega, unha das peor financiadas de España, nun país que se sitúa á cola en gasto en ensino superior, machucada por un Goberno que converte os seu financiamento nunha poxa clientelar, e desprestixiada sistematicamente por uns medios de comunicación que sempre se queixan en vez de asombrase da milagre de estar entre as cincocentas mellores do mundo, cando polo que investimos deberíamos estar os primeiros pola cola.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail