A quinta maioría absoluta do PP pon en evidencia unha sólida hexemonía. Malia a fenomenal campaña do BNG, os de Alfonso Rueda resistiron ben a polarización. Grazas aos vasos comunicantes na oposición e ao compartimento estanco do PP, a hexemonía permaneceu intacta. Arranca agora unha lexislatura na que a oposición terá que imaxinar unha estratexia disruptiva. Así foi que aconteceu en 2005 cando a última derrota do PP. Sen contenda democrática que altere os equilibrios estruturais, a hexemonía perdurará.
Por isto pode ser mellor analizar a política galega en termos xenealóxicos que de conxuntura. Mais como visualizar logo a dinámica política no longo prazo? Fagamos un pequeno exercicio de reflexión a partir dun clásico de Albert O. Hirschman: Exit, Voice, and Loyalty. De aplicarmos a Hirschman, as opcións de resposta perante a hexemonía como equilibrio de poder serían tres: a «lealdade» (Loyalty), identificábel co clientelismo; a «saída (Exit), reflectida pola emigración; e a «voz» (Voice) presente no antagonismo político e social.
O apotegma de Castelao, «o galego non protesta, emigra», sintetiza de feito unha combinación hirschmaniana ben particular: polo elevado custe da represión caciquil, o galego non optaría pola «voz», embora pola «saída» da diáspora ou calar por «lealdade» (apouchar co clientelismo como mal menor). Sobre esta base configuraríase un pesimismo antropolóxico que aínda hoxe sería consubstancial á hexemonía.
De remontarmos á instauración do autogoberno, estas tres opcións combinaron dun xeito particular na xénese do réxime do 78. A lealdade foi un voto conservador para a UCD e AP, logo fusionado no PP. A saída observouse na baixísima porcentaxe de voto (28%), en parte debido ao CERA (o voto exterior). Por último, a voz fíxose notar na vaga de mobilizacións que medrou desde os sesenta ata a xornada contra a aldraxe do 4 de decembro.
Entre a instauración do Estatuto de Autonomía e as eleccións de 1993, Galiza coñeceu unha primeira vaga de antagonismos en democracia: reconversión industrial, OTAN, movemento estudantil, etc. A crise do goberno Albor acabou co primeiro cambio de goberno. E no entanto un forte pluralismo de partidos mantíñase ao tempo que diminuía o peso da migración no CERA. En suma, saída e lealdade á baixa, voz máis e máis forte nas rúas e nas institucións.
Malia todo, as mobilizacións volveron baixar e a consolidación do réxime progresou sobre unha base distinta. Coa chegada á Xunta de Manuel Fraga e a súa lei electoral pasamos dos seis partidos de 1989 aos tres de 1993. Desde este ano ata 2009, a participación manterase por riba do 60% cun pluralismo limitado a tres (PP, PSdeG, BNG). O saldo migratorio volverá estar a favor da emigración nos anos centrais deste período antes de volver a ser favorábel a inmigración. Ao tempo, medra unha nova vaga de antagonismos (LOU, Prestige, Guerra de Iraq…) froito da cal en 2005 abrirase unha fenda na hexemonía: Fraga é derrotado. Saída e voz derrotan á lealdade.
En 2008 comezou a crise global. Desde entón o saldo migratorio non para de mellorar. Estes anos, porén, serán os do voto rogado, que dificultará a participación da diáspora. O PP manterá así a lealdade bipartidista e será o PSdeG quen sufra o desgaste. O BNG, porén, tampouco será quen de capitalizalo. Co 15M arranca a terceira vaga antagonista. A participación institucionalizada comeza a baixar. A voz prefire a contenda nas prazas e só en 2015 volverá ás institucións da mao das mareas.
Chegamos así a un presente no que se abre un tempo de reflexión estratéxica moi interesante. Como interactuarán saída, voz e lealdade nos anos vindeiros? Que pasará coa saída (migración, voto exterior, etc.)? Logrará o PP manter a lealdade que require a hexemonía? Reconstruirase o PSdeG da mao do bipartidismo do 78? Medrará una nova vaga de antagonismos? Saberá o BNG liderar a mobilización civil que derrote á hexemonía do PP? Haberá que ver, coma sempre, paseniño e devagar.