As paredes contan historias, comunican, chaman a nosa atención; as paredes democratizan a arte e a información. Aparecen a golpe de ollada rápida, coma unha historia de Instagram e permanecemos os cinco minutos de rigor, porque hoxe en día o estímulo dura, capta a nosa atención, soamente durante cinco minutos. Captarnos, coma se fosemos avelaíñas viaxando cara a luz das pantallas. O mural pon nas nosas mans ferramentas de comunicación visual que teñen aínda un gran potencial por explorar; permite romper a parede, desfacer a fronteira e traernos de volta o abraio. Ten no seu poder o medio público, a historia individual e colectiva. A intervención artística convértese en museo etnográfico, nun laboratorio de formas, en punto de encontro entre oralidade e escritura. Constitúese na fin coma un medio de comunicación múltiple capaz de asumir todos os factores: o muro é ao mesmo tempo emisor, mensaxe, receptor, código, canle e contexto.
Ricardo quixo pintar nunha das fachadas da súa explotación algo máis ca un logo de empresa, quixo comunicar e mudar o gris pola cor. Novenoel foi quen de transgredir os límites do urbano, de ir máis alá e de achegarse ao día a día de Ricardo e da súa familia, facer do muro un punto de encontro. Os espazos rurais habítanse e transfórmanse, mais iso si, desta vez a parede non aparece a golpe de ollada rápida.
Qué sentido ten un mural nunha explotación gandeira? Qué historias se poden contar nas fachadas no medio de ningures?
A cantidade de estímulos non é a mesma no medio e medio dun lugar coma Tordoia, que no centro dunha gran cidade e, por esta mesma razón, a periferia convértese nun espazo de experimentación, de afondamento en novas dimensións e puntos de impacto. Estas mesmas preguntas se fixo Antonio, o pai de Ricardo, que non estaba moi convencido cando se lle propuxo o proxecto de pintar a nova nave. NoveNoel estivo unha semana pintando na granxa de Lameiro, compartindo os xantares e os ritmos dende o alto da grúa, coñecendo de preto o día a día dunha xente que traballa arreo e con enerxía. O trazo aparece, as formas intúense, cada día o mural avanza e cambia; o abraio chega con cada figura nova que se recoñece. Isto forma parte do proceso. A parede deixa de delimitar o espazo para interactuar co entorno e coas persoas. Na fin, xa co mural rematado, Antonio confesoulle á súa filla: «Agora entendo por que isto é arte».
Pertencente á comarca de Ordes, Tordoia sofre un despoboamento acelerado e unha acusada dispersión territorial, cunha extensión de 125 km cadrados distribuídos en dez parroquias. Segundo datos do INE, no ano 2019 o municipio contaba con apenas 3.299 habitantes (1.558 homes e 1.741 mulleres) e a principal actividade socioeconómica concéntrase nas explotacións agrogandeiras, concretamente no sector lácteo. Estas instalacións adoitan construírse de xeito agresivo e sen criterios de integración na paisaxe. Ricardo, pertencente á terceira xeración de gandeiros, escolleu seguir coa explotación por vocación e non por obriga; tamén escolleu apostar por unha reactivación no sector, non só en canto a sustentabilidade e mellora de infraestruturas e instalacións para benestar animal, senón tamén por novos criterios de calidade e distinción na industria por parte dunha xuventude que resiste; escolleu romper cos muros e cos límites e explorar unha nova forma de habitar o espazo.
E agora, Novenoel? Por qué escoller pintar nun lugar onde unha obra non vai dispoñer da visibilidade propia dos espazos urbanos?
Para avanzar nunha nova narrativa gráfica e para contar unha historia, a da granxa de Lameiro, que é a de moitas outras familias do rural galego. Contar historias para erguer pontes, para acurtar as distancias, para explorar no seu máis amplo espectro o potencial do mural, para transgredir e humanizar espazos e avanzar nesa democratización da arte e da información; para provocar e remover dentro das persoas, para convivir e contar máis e mellor. Xogar cos límites dos centros e periferias e construír novas formas de contemporaneidade, novas formas de integración ou quizais para debater con Antonio, Ricardo, Preciosa e Angélica o que é o arte ou o que non o é. Ir un paso máis alá no proceso creativo e na intervención artística e recuperar o abraio, a atención máis alá do cinco minutos, saír das pantallas e dos centos de estímulos simultáneos para centrarse en escoitar, crear e contar.
Iniciar proxectos e procesos conxuntos que recuperen os espazos, que reafirmen un territorio e reivindiquen un rural vivo e que afonden en novas formas de expresión, saíndo dos centros e mudando as correntes, dándolle a volta á expresión: «outra vaca no millo».
*As fotografías son de Aigiboga.