As mulleres e os pensionistas mudan a escena

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Logo de meses falando do esgotador asunto catalán, as espectaculares mobilizacións dos pensionistas e a histórica marea feminista do 8M devolveunos de súpeto á realidade dun país que segue sufrindo as consecuencias da crise e que demanda xustiza, solidariedade e igualdade.

Pasaron xa 7 anos do 15M e as rúas volven tomar protagonismo mudando o mapa político. As reclamacións dos pensionistas e das mulleres recuperan o eixo esquerda-dereita tras un ano centrado no debate territorial que tanto beneficiou a Ciudadanos e que ten prexudicado o PSOE e, aínda máis a Podemos.

A dereita móvese máis cómoda falando de patrias, nacións e bandeiras e, non obstante, xa comezou a tropezar e perder o pé no intre en que volven poñerse en primeiro plano as reivindicacións sociais.

O PP anda tan desorientado e alarmado polo seu derrube nas enquisas que sempre reacciona igual ante as protestas. Arremetendo contra elas e converténdose no seu primeiro propagandista. Así fixo primeiro cos pensionistas dicíndolles que se queixaban cando foron pouco menos que uns privilexiados durante a crise.

As  explicacións de Cs de que non ían á folga porque tiñan que defender o capitalismo rozaron o ridículo

Neste asunto, Ciudadanos está de perfil, deixando que o desgaste sexa para Rajoy, pero sen tomar partido polos pensionistas. Din apoiar a súa reclamación da subida do IPC, mais sen condicionar por iso a aprobación dos orzamentos, algo que si poderían facer. Semella que lles importa máis a sorte dunha senadora murciana chamada Barreiro.

PP e Ciudadanos si foron da man en contra da folga do 8 de Marzo. Outro grave erro, especialmente dos de Rivera, que tiñan unha boa oportunidade para demostrar que non son o mesmo que os populares. As súas explicacións de que non ían á folga porque tiñan que defender o capitalismo rozaron o ridículo.

O do PP coa muller é xa histórico. Sempre chegan tarde aos cambios sociais e aos dereitos das mulleres. Esta vez non ía ser unha excepción. Un detrás doutro,  todos os dirixentes foron caendo polo cantil, dende o propio Rajoy ata Cifuentes ou Cospedal. Feijóo tamén esvarou dicindo primeiro que era una folga contra o PP e agora asegurando que hai que tomar nota e que non era una protesta política. Tarde piaches.

A recuperación do eixo político dereita-esquerda é unha nova oportunidade, tal vez a última desta lexislatura para o PSOE e para Podemos, confluencias e mareas que até agora foron incapaces de converterse en alternativa e que incluso ían perdendo forza en todas as enquisas. Como dicía o outro día un dos políticos máis lúcidos do PSOE «a xente pide a berros o  cambio, e se non somos quen de facelo desta vez, temos que marchar todos para a casa».

 

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail