Eu non quero ser unha galega na cima

Hai unha sección do Faro de Vigo que leva anos causándome admiración. Cada certo tempo, o xornal adica a súa contraportada a «Gallegos en la cima». Si, si, galegas na cima. Trátase de científicas, economistas, matemáticas ou, incluso, xornalistas. Normalmente todas elas teñen unha característica común, traballan no estranxeiro, son menores de 40 anos e falan das boas condicións laborais no seu país de acollida ao que, moitas confesan, chegaron por casualidade ou con pouca intención de quedar. Cando era cativa para min só existía todo aquilo que saia no Faro –ollo comigo, son máis viguista que Caballero!- e esas contras eran unha porta aos lugares que podería coñecer cando fose maior e unha gran profesional. Máis tarde, cando, afortunadamente, saquei a cabeza do cu e lía a historia dunha nova galega na cima antes de almozar, comezaba o día con mal pé. «Gallegos en la cima», manda carallo! Traballar fóra do país con mellores condicións laborais, non por un exceso de consideración das empresarias e gobernantes que hai polo mundo adiante, se non por detrimento do noso. Profesionais que optan por non volver ao país para vivir decentemente do seu traballo. Iso é estar na cima!

Hai uns días lin, tamén neste mesmo xornal a historia de Diana Antón, unha médica de Pontevedra que afirmaba que non volvería a traballar a Galicia polas excelentes condicións laborais que atopou en Suecia. Diana, médica de familia, ten 30 minutos para dedicarlle aos seus pacientes por un salario máis que digno, situación que contrasta de xeito radical cos contratos temporais que encadenan a diario médicos galegos para ver e esquecer a pacientes en 7 minutos de consulta. Diana e moitas outras mozas da nosa xeración pertencen aos milleiros de galegas que marcharon en busca de traballo por Europa adiante durante os últimos anos. Entre 2010 e 2017 emigraron ao estranxeiro, segundo datos do IGE, unha media de más de 2.400 mozas cada ano: enfermeiras, médicas, economistas, xornalistas, físicas, matemáticas, biólogas, historiadoras… que forman en boa parte a forza traballadora galega para o século XXI, pero non son parvas. Moitas delas queren volver? De seguro que si. Poderían facelo? Quizais. Sería responsable para o seu futuro profesional e vital? Probablemente non. Nun ideal romántico, elas volverían, loitarían por ter un traballo digno e conseguirían quedar aquí, como nunha película americana na que todo se arranxa maxicamente en cuestións de meses. Mais vivimos no mundo real e a algunhas de nós gústanos comer do noso traballo, e moitas veces iso é incompatible con vivir aquí.

Teño a sensación de que cando se fala da mocidade galega emigrante, boa parte da sociedade pensa en teenagers que deciden ir ver mundo para deixar de estar sentados no seu sofá e aproveitar para «aprender inglés» –ese gran eufemismo que empregan familiares e amigas para falar de alguén que moi probablemente estea limpando pratos nun italiano-. Pero iso non é certo, ou polo menos non na meirande parte dos casos.

Pensa nalguén que coñezas menor de 30 anos. Xa a tes? E agora pensa, ten estudos? Traballa? Está fora de Galicia? Gustaríalle que a súa vida fose doutro xeito, quizais algo máis preto da casa? Se respondiches a todo que sí, pensa nesa persoa a próxima vez que vaias votar, que merques nunha empresa que centraliza os seus servizos en Madrid, ou que saibas dunha entidade que amortiza postos de traballo en vez de crear outros novos. Elas non van volver porque non son parvas, pero nós podemos axudar a que facelo sexa unha alternativa, real, factible e incluso ata recomendable.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail