A esquerda galega mantén honras franquistas a Manuel Fraga en dúas deputacións e dez concellos

A Coruña.- Os partidos de esquerda manteñen as honras coas que a ditadura de Franco distinguiu o seu exministro e logo fundador do PP e presidente da Xunta, Manuel Fraga, nunha ducia de institucións provinciais e locais onde gobernan o PSOE e o BNG, a pesar de que varias delas aprobaron hai anos os procedementos para retirarlle títulos e medallas en cumprimento da lei de memoria democrática.

Trátase de honras diversas que lle foron concedidas a Fraga por concellos e deputacións provinciais na década dos anos 60 e principios dos 70, polo que se referían á súa relevancia como membro destacado dos gobernos do tirano e non ao seu papel posterior durante a transición e a democracia.

Segundo as asociacións memorialistas, Fraga conta con distincións franquistas nas deputacións da Coruña e Lugo, onde PSOE e BNG gobernan en coalición cos presidentes socialistas Valentín Gómez Formoso e José Tomé, respectivamente; e nos concellos da Coruña, con alcaldesa do PSOE –Inés Rey–, e de Santiago, con rexedora do BNG –Goretti Sanmartín–, onde ambas formacións se prestan apoio mutuo.

Eses dous concellos aprobaron hai anos en pleno e co apoio de ambos partidos retirarlle a Fraga as medallas e títulos de fillo predilecto que lle outorgou o franquismo, pero ata a data os gobernos locais non executaron esas decisións.

Aparello de represión da ditadura

O artigo 40 da lei de memoria democrática insta as administracións públicas a revisar de oficio ou retirar «a concesión de recoñecementos, honras e distincións […] que fosen concedidas [aos seus titulares] con motivo de formar parte do aparello de represión da ditadura franquista».

O pasado xoves, o pleno do concello coruñés de Cariño aprobou unha moción do BNG apoiada polo PSOE e coa abstención do Partido Popular, incluída a alcaldesa da localidade, Ana María López, para renomear a avenida Manuel Fraga da vila e recomendar o cambio de denominación do centro de educación infantil e primaria que leva o seu nome.

A alcaldesa pediu desculpas posteriormente por absterse, a pesar de que nun pleno anterior, no que os concelleiros do PP tamén se abstiveron ante outra moción para retirar cruces franquistas da época da guerra civil, lembrou o deber de cumprir a legalidade vixente e sostivo «que resulta normal que se quiten ese tipo de placas por respecto ás vítimas», tal e como figura nas actas da reunión.

Pouco despois da moción do xoves, con todo, a dirección provincial do seu partido reconviuna públicamante. O presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, lamentou a actuación dos seus edís en Cariño e reivindicou a figura do exministro de Gobernación franquista e fundador do partido.

Oito concellos do PSOE e dous do BNG

O PP ten as alcaldías doutros catro municipios galegos que contan con distincións franquistas en memoria de Fraga: Cervo, Ribadeo, Xove e O Vicedo. Pero hai outros oito con alcaldes de esquerda que manteñen honras similares: Pontedeume e Betanzos, na Coruña e con bastón de mando do PSOE; Viveiro, Foz e Vilalba, en Lugo –os tres primeiros están gobernados polo PSOE e o último polo Bloque–; e Verín (Ourense) e Tui (Pontevedra), os dous con rexedor socialista.

«Manuel Fraga tivo unha traxectoria de máis de 30 anos de militancia fascista», lembra o historiador Manuel Monge, membro do colectivo de presos e presas políticas da ditadura que promoveu a moción de Cariño e que logrou que concellos como Ferrol e Cedeira, na Coruña, lle retirasen os títulos honoríficos co apoio de socialistas e nacionalistas.

Monge lembra que Fraga era simpartizante e admirador da ideoloxía fascista e da negación do Holocausto xudeu, e que en 1971 asinou con outros significados ultradereitistas o manifesto do Comité Español para a Liberación de Rudolph Hess, lugartenente de Adolf Hitler e condenado a cadea perpetua en 1946 nos xuízos de Nüremberg por conspiración e crimes contra a paz.

«Fraga tivo unha traxectoria de máis de 30 anos de militancia fascista»

Os presos e presas políticas da ditadura franquista lembran ademais que Manuel Fraga deu sobrados «exemplos de falta de humanidade» como membro dos gobernos de Franco; que mantivo relacións de amizade con ditadores fascistas como Hugo Banzer (Bolivia) e Augusto Pinochet (Chile); que xustificou os crimes da banda terrorista GAL; que tras o intento de golpe de estado de 1981 xustificou que os seus autores «estaban cheos de boa vontade»; que participou activamente na represión contra o idioma galego e que defendeu a censura dos medios de comunicación.

Segundo o colectivo de presas, Fraga tamén foi declarado fillo adoptivo do municipio de Barreiros, en Lugo, aínda que a alcadesa,  Ana Ermida, do BNG, sostén que non tiñan noticia desa condecoración. «De feito, o ano pasado aprobamos un regulamento sobre honras e distincións porque non existía normativa algunha sobre o tema», asegura a rexedora.

Ese regulamento contempla a revisión de todos os títulos concedidos con anterioridade a 2024 e que non se axusten á legalidade vixente. «Se é verdade que Fraga foi nomeado fillo adoptivo durante o franquismo, revisarémolo e retirarémolo», afirma Ermida.

Luzes-Público dirixiuse ás deputacións da Coruña e Lugo para obter unha valoración dos seus portavoces, así como aos concellos desas dúas cidades e de Santiago, sen que ningunha das cinco institucións respondese ao ofrecemento á hora na que se terminou de redactar este artigo. Tamén se dirixiu a Marta Rouco, alcaldesa socialista de Vilalba, a vila natal de Fraga e a primeira en honralo declarándoo fillo predilecto en 1949. A rexedora tampouco atendeu a petición deste medio de comunicación.

As honras franquistas a Fraga

Estes son os títulos de distinción outorgados a Manuel Fraga polas institucións locais e provinciais de Galicia durante o franquismo que constan no rexistro elaborado pola plataforma de presos e presas políticas da ditadura, co nome e partido dos gobernantes actuais.

19 de xullo de 1949. Fillo predilecto de Vilalba (Lugo). Marta Rouco (PSOE).

3 de decembro de 1964. Fillo adoptivo de Cervo (Lugo). Dolores García (PP).

13 de febreiro de 1965. Fillo adoptivo e medalla de honra de Santiago (A Coruña). Goretti Sanmartín (BNG).

27 de novembro de 1965. Fillo adoptivo da provincia da Coruña. Presidente da Deputación da Coruña: Valentín González Formoso (PSOE).

11 de febreiro de 1966. Medalla de prata de Betanzos (A Coruña). María Barral (PSOE).

10 de agosto de 1968. Fillo adoptivo de Verín (Ourense). Gerardo Seoane Fidalgo (PSOE).

24 de decembro de 1968. Fillo adoptivo da Coruña. Inés Rey (PSOE).

1968. Fillo adoptivo de Tui (Pontevedra). Enrique Cabaleiro González (PSOE).

27 de agosto de 1970. Medalla de ouro de Lugo. Paula Alvarellos (PSOE).

1970. Fillo predilecto e medalla de ouro da provincia de Lugo. Presidente da Deputación: José Tomé (PSOE).

1972. Colexio de educación infantil e primaria de Cariño (A Coruña). Ana María López Fernández (PP).

Fillo adoptivo de Barreiros (Lugo). Ana Ermida Igrexas (BNG).

Fillo adoptivo de Foz. Francisco Cajoto Caserío (PSOE).

Fillo adoptivo de Pontedeume (A Coruña). Bernardo Fernández Piñeiro (PSOE).

Fillo adoptivo de Ribadeo (Lugo). Daniel Vega (PP).

Fillo adoptivo de Xove (Lugo). José Demetrio Salgueiro Rapa (PP).

Fillo adoptivo do Vicedo (Lugo). Jesús Novo Martínez (PP).

Fillo adoptivo de Viveiro (Lugo). María Loureiro García (PSOE).

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail