Da pandemia dixeron que iamos saír mellores. Despois da catástrofe humana que supuxo a Covid-19 e dos milleiros de persoas falecidas, especialmente nas residencias de maiores, todo o mundo saíu do confinamento convencido de que nada sería igual. E eu pregúntolles ás lectoras e lectores: que mudou?
En Galiza as residencias de maiores continúan con idéntica regulación á que había antes da pandemia, unha Orde de 1996 —nin sequera ten rango de decreto— que regula as condicións arquitectónicas e de persoal. As mesmas rateos que hai vinte e oito anos.
O Servizo de Axuda no Fogar, a peza clave do sistema de coidados con máis de 25 mil persoas usuarias, a piques de quebrar por falta de financiamento e un deseño de hai quince anos malia atender oito veces máis persoas que daquela.
Máis de 1.400 persoas con dereito recoñecido a un servizo de dependencia mais sen acceso a el e 16.000 pagando na privada o recurso que a pública non lles dá. A alternativa á institucionalización nunha residencia ou á prestación de servizos en precario é que te coide alguén da túa contorna por un módico prezo de 430 euros ao mes que paga a administración. Tanto ten que falemos dunha persoa autónoma que precisa algo de axuda para poder entrar na ducha que se se trata dun grande dependente con demencia avanzada. O custe para a Xunta é o mesmo.
Dicían que iamos saír mellores, pero en materia de coidados, en vez de avanzar, retrocedemos. Lonxe de camiñar cara á construción dun sistema público do benestar, o Goberno do Partido Popular arrástranos cara a un modelo perverso sostido no negocio privado ou no coidado en precario.
O dereito a unha vida digna, especialmente na vellez, non pode ser un lucrativo nicho de mercado nin tampouco un acto de beneficencia. Ao igual que o dereito á educación e á saúde, o benestar debe ser garantido a través dunha rede pública de coidados. Porque é o público o que proporciona equidade e xustiza fronte a modelos privatizadores que dividen a poboación e as súas condicións de vida en función do diñeiro que teñan na conta bancaria.