Volve pasar con Marta Lois (Vigo, 1969) como con tantas outras galegas (e galegos) que migran á política estatal: ninguén sabe quen son ata que chegan a Madrid. Ben, o certo é que non só ocorre coa xente do noroeste da península, con que veñan de máis alá da M-30 é suficiente.
As rotativas entran en frenesí e xógase a un Quen é quen? curioso que a xente de provincias observamos desde a distancia, moitas veces con flocos de millo na man. O que aquí se sabe desde hai anos, alá sorprende. Chámase aos e as xornalistas que non exercen en medios estatais, ou que facéndoo non viven na capital, que habelos, hainos, e no Mare magnum que se monta descubrimos, por exemplo, que a presidenta do Movemento Sumar foi concelleira en Santiago de Compostela durante case nove anos, desde 2015. Por aquela época falábase dos «ayuntamientos del cambio» e Lois estaba en Compostela Aberta, unha confluencia de varios partidos de esquerdas apoiada por Podemos. Anda que non choveu.
O contrario, con todo, pasa menos: en moitos lugares sabemos máis do alcalde da capital que do noso propio, ou coñecemos máis nomes de ministras que de conselleiros. A centralidade non é só un concepto que concirna á ideoloxía: a centralidade caníbal, como termo xeográfico, provoca que interioricemos cousas como que aterrar na política estatal é ascender a primeira división, aínda que ninguén o diga. Imaxinan o rexedor de Vilacoba do Medio confesando que a súa vila é só un medio para ascender? Difícil. Con este imaxinario colectivo, que un político ou política regrese ao ámbito local (non falamos de retiros dourados en Sanxenxo, coidado) vívese como un fracaso (non o queren nin en Madrid!) ou como un sacrifico (quérenos tanto que renuncia a Madrid!).
Volve pasar con Marta Lois (Vigo, 1969) como con tantas outras galegas (e galegos) que migran á política estatal: ninguén sabe quen son ata que chegan a Madrid.
Porén, como todo nesta vida, na escala de negros e brancos tamén existen grises, persoas para as que a gobernanza do Estado non é primeira, senón segunda división. Lois parece ser desas, aínda que ela mesma se descartase para liderar Sumar Galicia en varias ocasións. Xa non estou aquí é un libro de Iria Misa, pero tamén podería ser un resumo perfecto da súa traxectoria nos últimos meses.
En Sumar case nin lles deu tempo de poñerlle un despacho en Tetuán: en xuño, tras as municipais de maio, deixa de ser concelleira e noméana presidenta do partido, previo paso pola presidencia da Asociación Cidadá; en agosto sae elixida deputada; logo, convértese en portavoz nacional; en decembro, que quedo pero que marcho, porque Rueda tamén estaba que se eleccións si, que se eleccións non. En xaneiro, a principios, líder e portavoz de Sumar Galicia; a finais, abandona a portavocía no Congreso dos Deputados (e Deputadas). Aínda que Yolanda Díaz a quería ao seu caró, pois é da súa máxima confianza, Lois finalmente colleu o tren de volta. Sorte que non vive en Lugo.
O reto non é sinxelo: hai moito que sachar, que dicimos en galego. A maioría de enquisas deixan a Sumar Galicia fóra do parlamento. Só as máis optimistas lles dan, como moito, dous escanos, os mesmos que obtivo nas xerais de xullo de 2023.
«Sumar non suma», escóitase por aquí con retranca. E é que as chamadas para concentrar o voto apelando á súa utilidade non veñen só do PP por causa de Vox: a esquerda galega ten demasiados partidos entre os que elixir e o medo a que a cidadanía meta papeletas na urna que finalmente non se materialicen en escanos está aí. Pablo Iglesias chegou a pedir aos galegos e galegas que prescindísemos de Sumar e que votásemos ao BNG cando as bases de Podemos foron preguntadas por se aceptaban o pacto para presentarse ás eleccións á Xunta co partido de Marta Lois. Naquela época, o divorcio no Congreso dos Deputados xa se materializara, se é que algunha vez ese matrimonio fora real e non só unha ficción literaria. O resultado da consulta foi claro: o 62,3% das rexistradas rexeitou a unión. A líder de Sumar Galicia dixo respecto diso: «Os cidadáns farán balance de que significa remar a favor ou non facelo». Está por ver.
Sumar non suma, escóitase por aquí con retranca. A esquerda galega ten demasiados partidos entre os que elixir e o medo a que a cidadanía meta papeletas na urna que finalmente non se materialicen en escanos está a
Pero Sumar non só sacha por non perder voto polo lado de Podemos: coa reconciliación de Anova e o Bloque as cousas se póñenselles aínda un pouco máis difíciles. Hai que lembrar que a etapa de Lois como concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo no goberno municipal de Santiago de Compostela, de 2015 a 2019, foi baixo o mandato do alcalde Martiño Noriega, o mesmo que aparece na foto asinando a paz con Ana Pontón hai un mes escaso. E cando chegue o tempo / hei queimar os farrapos de outrora / en Compostela, escribía a poeta Luz Pozo Garza na súa obra Códice Calixtino en 1986. Outra visionaria das nosas letras.
Marta Irene Lois é doutora en Ciencia Política e profesora da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela. Ata o curso pasado impartía clases e dirixía traballos de fin de grao. Tamén foi profesora na Universidade de Vigo e realizou estancias nas Universidades de Essex, Georgetown e Chicago. O seu compromiso feminista está presente en todos os seus estudos sobre xénero, teoría política contemporánea, identidades e políticas públicas de igualdade.
Tamén o está entre as súas últimas lecturas: As malas mulleres, Premio Nacional de Narrativa 2022, de Marilar Aleixandre, ou Todo isto antes era noite, de Lucía Aldao. Pero non só le: tamén é co-autora de varios libros froito da súa actividade investigadora, por exemplo: ¿Han conquistado las mujeres el poder político? Un análisis de la presencia de las mujeres en las instituciones autonómicas. (M. Lois e I. Diz, Catarata, 2012), e editou outros, como o famoso Vindicación de los derechos de la mujer de Mary Wollstonecraft (Edicións Istmo, 2005).
O compromiso feminista de Lois está presente en todos os seus estudos sobre xénero, teoría política contemporánea, identidades e políticas públicas de igualdade.
Nun destes traballos, Lois pregúntase se é posible falar dunha contribución distintiva das mulleres en política, se existen actitudes e valores propios femininos que marquen unha diferenza neste campo. Faise esa pregunta porque non hai suficientes estudos para responder afirmativa ou negativamente á cuestión, aínda que os que existen si apunten a un impacto diferenciado de xénero. Non obstante, o que si saberemos pronto é se a contribución de Sumar en Galicia marca un antes e un despois na nosa comunidade.