A Coruña.- A campaña das eleccións galegas do 18F entra na súa recta final con máis dúbidas que certezas ao redor da disxuntiva que se lles expón aos electores: ou ben Alfonso Rueda mantén a maioría absoluta que herdou hai dous anos, ou se abrirá paso a un Goberno progresista de BNG e PSOE poñendo ademais en dúbida o liderado de Alberto Núñez Feijóo á fronte do PP estatal, tras quince anos ininterrompidos de gobernos populares na Xunta.
Cando anunciou que adentalaba os comicios cinco meses -deberían celebrarse en xullo-, as enquisas daban a Rueda varios escanos por encima dos 38 da maioría absoluta. Este luns, o Centro de Investigacións Sociolóxicas reduxo ese arco a entre 34 e 38 deputadas. A que se coñeceu o domingo de 40db para El País e a Cadena SER, rebaixan a súa pinza de expectativas ata un chan de 36 escanos.
Se os augurios do CIS se cumpriran o vindeiro domingo na opción máis beneficiosa para a oposición, entre o BNG de Ana Pontón, que lograría entre 24 e 31 actas, e o PSOE de Gómez Besteiro -que lograría 15- terían a maioría absoluta, co que a Rueda nin sequera lle serviría o apoio do de Democracia Ourensana, o partido de alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, que se presentou ás eleccións coa idea de facerse coa chave do Goberno da Xunta.
A lei electoral prohibe a publicación de enquisas a partir deste luns ás 23.59 horas, pero ao longo desta semana seguirán aparecendo sondeos nas redes sociais sobre os que a Xunta Electoral non dispón de ferramentas para impedir que se difundan. Se referendan esa tendencia do PP á baixa, o BNG á alza e o PSOE a medias augas que protagonizou a precampaña e a campaña, o escenario para o PP non será nada bo.
A campaña estivo marcada pola consolidación da imaxe presidenciable da candidata nacionalista, mentres o presidente en funcións da Xunta optaba por unha estratexia de tan escasa exposición pública que non só é que a súa cartelería pareza deseñada para esconder as siglas do partido, senón ata para minimizar a súa propia imaxe nela.
Rueda decidiu desaparecer tamén dos debates e optou por ningunear aos diarios alleos á rede clientelar mediática do PP galego. Negoulle unha entrevista a Luzes-Público, negouse a acudir ao debate con Pontón e Besteiro o vindeiro mércores na TVE, rexeitou un cara a cara coa aspirante do BNG na SER…
O sucesor de Feijóo fía as súas opcións para rodearse de afíns en actos convencionais de perfil baixo, como o da pasada tarde en Vilagarcía de Arousa, onde diante algo menos de 400 persoas volveu tinguir o seu discurso co debate da política madrileña. «Non quero que nos convertamos noutra máis das sucursais independentistas que apoia o PSOE», dixo.
Rueda empeñouse en estatalizar a súa campaña con ese discurso do medo ao independentismo que pretende evitar, sen éxito segundo indican todas as enquisas, que parte do electorado que cría propiedade do PP se pase agora ao nacionalismo de bo rolo de Ana Pontón.
Tratar de identificar a aspirante do Bloque con Puigdemont parece un exceso argumental que tampouco está a lle dar rédito algún ao PP, porque Pontón conseguiu erixirse na candidata que máis confianza inspira na cidadanía galega, varios puntos por encima de Rueda segundo o CIS.
Rueda: «Non quero que nos convertamos noutra máis das sucursais independentistas que apoia o PSOE»
A líder do BNG apelou precisamente a esa parte do electorado galeguista que podería pasarse á súa opción e convertela en presidenta en dous actos en Ferrol e A Coruña, onde utilizou o mesmo ton sosegado e eficaz que mantivo ao longo de toda a campaña: «Dá igual o que votasen noutras ocasións, leste é o momento de que todas as persoas que queren cambio e un tempo novo en Galicia aposten pola papeleta do BNG».
Tras a demostración de forza do PSOE o pasado sábado en Vigo, onde o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, encheu o Auditorio do Mar na cidade máis grande de Galicia para situar a José Ramón Gómez Besteiro na Presidencia da Xunta lembrando a súa remontada nas xerais do 23J, Besteiro estivo no Carballiño, Ourense.
Alí, nunha vila rural da Galicia máis interior, sinalou que a igualdade de todos os cidadáns, da que tanto bota man o PP na súa batalla contra a lei de amnistía, significa algo moi distinto que en Madrid: a igualdade de acceso aos servizos públicos de calidade, habítese nunha gran cidade ou na Galicia baleirada.
Pola súa banda, o ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, Pablo Bustinduy, acompañou á candidata de Sumar, Marta Lois, a un acto na localidade coruñesa da Pobra do Caramiñal, na marxe noroeste da ría de Arousa.
Alí goberna Nós Pobra, unha formación local afín ao partido de Yolanda Díaz, en coalición co BNG e o PSdeG, e alí Bustinduy e Lois quixeron visualizar a utilidade que tería a entrada o seu partido no Parlamento de Galicia para asegurar as posibilidades dun Goberno de coalición progresista.
Tamén na provincia da Coruña, pero en Pontedeume, xa nas rías altas, a candidata de Podemos, Isabel Faraldo, visitou o parque natural das Fragas do Eume, un espazo de bosque atlántico onde defendeu as propostas ambientais da súa formación tras reunirse con propietarios de terras do parque.