Hai agora nove anos, o 8 de febreiro de 2009, Compostela acollía unha das mobilizacións máis bizarras da súa historia (e mira que falamos dunha cidade con vocación de manifestódromo): a xa famosa marcha de Galicia Bilingüe encabezada por Gloria Lago («que mala centella a coma», como gustaba de apostilar o entrañable Avelino Pousa Antelo).
Aquel día, a Galicia Bilingüe chegáronlle reforzos de todas partes, sobre todo daqueles puntos alén do Padornelo onde o malvado gayego debía estar a piques de borrar do mapa a lingua de Cervantes. O máis salientable, o de Rosa Díez, daquela emerxente estrela dun españolismo que xa chamaba a superar o eixe esquerda-dereita.
O momento elixido para a mani non era casual: xusto tres semanas despois celebrábanse eleccións autonómicas e todo apuntaba que o resultado ía estar tan axustado como o que tres anos e medio antes desaloxara a Fraga de San Caetano, así que calquera cousa podía inclinar a balanza cara un ou outro lado. Unha presada de votos podían ser determinantes e o PP non ía permitir que os levase a (aparentemente) puxante UPyD.
Así que os conservadores tocaron a rebato. Feijóo estaba de precampaña na Arxentina e por iso foi o único que faltou. As imaxes daquel día amósannos, detrás de Rosa Díez –debía ser temible sacando cóbados para facerse sitio– a toda a cúpula do partido: Alfonso Rueda, Corina Porro, Ana Pastor… Como anécdota, ao nivel de Miguel Cancio, reseñábase a presenza daquel rapazolo catalán que tamén xogaba a inventar un novo partido, Ciutadans. Igual pasou desapercibido porque estaba vestido. El, como Cancio, tamén saltara á fama grazas ao destape…
Galicia Bilingüe é un xoguete roto, o Macaulay Culkin dos lobbies de presión
O 1 de marzo, tras a que seguramente fose a campaña máis sucia que se lembra no noroeste, o PP de Feijóo recuperaba a maioría absoluta subido na vaga dunha inexistente imposición lingüística coa que, iso si, viña disposto a acabar. O decreto do galego, as enquisas ás familias ou o bilingüismo harmónico™ foron algunhas das súas estratexias. As consecuencias están aí fóra para quen queira velas.
Nove anos despois, utilizada e logo desprezada como un Kleenex, Galicia Bilingüe é un xoguete roto, o Macaulay Culkin dos lobbies de presión; Rosa Díez, un mal chiste –en sentido pexorativo– convertido en icona dun Sargadelos empeñado en suicidarse; UPyD quedou reducido a grito de guerra dos fans de «La Vida Moderna», ao galego non pensedes que lle vai moito mellor.
9 de febreiro de 2018. Co seu nome convenientemente castelanizado, Ciudadanos sobe nas enquisas tras ser a forza máis votada en Cataluña. En Galicia segue sen representación, pero comeza a asustar. Nos discursos ante a súa parroquia, Feijóo ataca agora os laranxas como antes facía coas Mareas…
Neste contexto, C´s anuncia a presentación no Congreso dunha iniciativa que buscar prohibir que o coñecemento da lingua cooficial sexa requisito para ser funcionario. O PP, desexoso de dar cun elemento que o diferencie da súa marca branca/laranxa, podería atopalo na defensa da lingua, en retomar aquel «Galego coma ti» de Barreiro & Fraga. Pero, entre a pouca credibilidade que tería –con estes antecedentes– e o que está en xogo na vindeira cita electoral –as alcaldías, nomeadamente, as alcaldías urbanas, onde o galego é un valor á baixa– un só pode pensar xa que a historia está condenada a repetirse.
E, desta vez, non temos connosco a Avelino.