O xuíz arquiva a querela por prevaricación que abriu contra o presidente da Deputación de Ourense

A Coruña.- O xulgado de Instrución número 1 de Ourense acordou arquivar as dilixencias que abriu a finais do mes pasado contra o presidente da Deputación Provincial, Manuel Baltar, e outros dous deputados do organismo, acusados polo portavoz socialista, Rafael Rodríguez Villarino, de prevaricación por negarlle o permiso para compatibilizar o seu cargo coa docencia universitaria.

Na súa resolución, á que tivo acceso Luzes-Público, o xuíz Leonardo Álvarez Pérez considera que, a pesar de que a lei española establece o dereito dos cargos públicos a compaxinar o seu desempeño co da docencia, a decisión da Deputación de Ourense «non foi contraria á lexislación vixente» ou polo menos esa contradición non tivo «un carácter groseiro (…) que choque frontalmente e de forma inxustificable co contido da norma legal aplicable».

Rodríguez Villarino solicitara en 2020 a compatibilidade que a Deputación xa admitira en 2019 para dar clases no campus de Ourense da Universidade de Vigo. Contaba con todos os informes favorables e mesmo cunha proposta de resolución positiva asinada polo propio Baltar. Pero cando o grupo municipal socialista decidiu denunciar a suposta ilegalidade dunha liña de axudas do organismo apoiada por PP e Democracia Ourensana (DO), o partido do alcalde Gonzalo Pérez Jácome que goberna grazas aos votos do PP a cambio do seu apoio a Baltar na Deputación, estes decidiron cambiar o seu voto e denegar a compatibilidade ao socialista.

Rafael Rodríguez Villarino

No pleno daquel día, o entón vicepresidente Rosendo Fernández vinculou directamente o voto negativo do PP á denuncia do PSOE sobre as axudas da Deputación, e Miguel Caride, entón deputado de DO, explicou que o seu se debía a «unha cuestión persoal» con Rodríguez Villarino, a quen asegurou que non estaba disposto a facerlle«favores» sen gañalos antes.

A lei de incompatibilidades do persoal da Administración Pública prohibe que unha mesma persoa exerza dous traballos para ela, pero contempla entre as súas excepcións as dos profesores asociados das universidades públicas, como no caso do portavoz socialista. De feito, entre as probas achegadas por este na súa querela figura unha certificación da Deputación na que consta que nunca antes o organismo denegara unha compatibilidade como a súa.

Aínda que os xulgados do Contencioso-Administrativo declararon ilegal a decisión e restituíron ao portavoz socialista o seu dereito para dar clases, el decidiu querellarse ao entender que Baltar, Fernández e Caride adoptaran unha decisión inxusta adrede e coñecendo que o era, é dicir a definición do delito de prevaricación que dá o Código penal español.

O xuíz, que en decembro abriu dilixencias ao apreciar que os feitos denunciados e as probas presentadas facían «presumir a posible existencia de delito/s (sic) de prevaricación administrativa», entende dúas semanas despois que ese delito non existiu, a pesar de que non tomou declaración a ningún dos investigados nin practicado ningunha outra proba.

O xuíz, que en decembro presumía a posible existencia de prevaricación, sobreseeu a denuncia sen tomar declaración a ningún dos investigados nin ter practicado ningunha outra proba.

«Aínda admitindo que o voto emitido polos deputados provinciais do Partido Popular e de Democracia Ourensana opoñéndose á compatibilidade interesada por Rafael Rodríguez Villarino teña por obxecto castigar a conduta belixerante que ata a data o señor Rodríguez Villarino sostivo cara aos dirixentes dos devanditos partidos políticos, interpretación que doutra banda tampouco é desatinada, iso non os converte en acredores a unha sanción penal», sostén o maxistrado, que mesmo advirte unha intención política na denuncia do portavoz do grupo socialista.

«A presente querela utilízase como un instrumento de vendetta política orientado a xudicializar un conflito de mera natureza político administrativa dado que o determinar se unha resolución administrativa é ou non axustada a dereito é unha competencia que excede en moito da competencia que teñen os tribunais pertencentes á xurisdición penal», engade o xuíz.

A súa decisión non é firme e contra ela cabe recurso de reforma e subsidiario de apelación, ou recurso de apelación directo na Audiencia Provincial de Ourense. Rafael Rodríguez Villarino asegurou onte que discrepa da decisión do maxistrado e que a recorrerá.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail