A compañía alegou que os golpes, os insultos machistas e o intento de atropelo que sufriu Ángela Vázquez Romero en agosto do ano pasado foron «un incidente illado»
A Coruña.- A Inspección de Traballo e Seguridade Social ordenou á compañía Prosegur que active con carácter inmediato o seu protocolo de acoso para protexer a Ángela Vázquez Romero, a vixiante de seguridade que denunciou un intento de agresión e de atropelo por parte doutro empregado da compañía cando realizaban o cambio de quenda nun edificio do campus de Ourense da Universidade de Vigo.
Os feitos ocorreron en agosto pasado, cando o agresor golpeou a Ángela e tentou atropelala co seu coche causándolle diversas feridas, tras unha discusión na que o home proferiu insultos e xestos machistas sen que o supervisor de Prosegur na zona nin outro vixiante que acudiu ao lugar dos feitos fixesen nada por axudala.
Finalmente, a agredida puido chamar á policía, que á súa vez chamou unha ambulancia que a asistiu nun primeiro momento. Os médicos de dous centros santiarios distintos constataron esa mesma noite as lesións físicas e psíquicas que sufriu, e emitiron senllos informes que certifican que eran compatibles coa agresión no ámbito laboral que denunciara.
A pesar diso e da gravidade da denuncia da súa empregada, que está a ser investigada polo Xulgado de Instrución número 1 de Ourense, Prosegur negouse a activar o seu procolo de acoso asegurando que o que sucedeu non podía considerarse acoso dado que se tratou dun «incidente illado».
Por mor dunha denuncia da Confederación Intersindical Galega (CIG), da que Vázquez Romero é delegada, a Inspección de Traballo do Ministerio de Traballo e Economía Social abriu unha investigación que concluíu co requirimento á empresa para que active o citado protocolo.
«En base ás actuacións inspectoras levadas a cabo, formúlase requirimento á empresa para que leve a cabo a inmediata aplicación do Protocolo de Acoso Laboral, nos termos que se indican no código de prevención do acoso laboral e procolo de actuación en caso de denuncia de acoso no Grupo Prosegur», reza a resolución da inspectora de Traballo asinada o pasado 4 de xaneiro e á que tivo acceso este diario.
Luzes-Público dirixiuse a Prosegur para coñecer a opinión da compañía sobre as medidas que prevé adoptar tras a resolución da Inspección, pero ao peche desta información non houbo resposta.
En outubro pasado, a empresa anunciou que abrira unha investigación interna sobre o caso que encargara a un consultor externo, pero non quixo informar das conclusións dese expediente. Vázquez Romero asegura ademais que ninguén da empresa nin ninguén no seu nome se puxo en conctacto con ela nestes case cinco meses, nin para interesarse polo seu estado nin para coñecer a súa versión dos feitos. Aínda por riba, e con ela de baixa, Prosegur designou ao seu presunto agresor para cubrir o posto que ela desempeñaba.
A CIG emitiu onte un comunicado no que valora a resolución de Traballo, pero no que lamenta «tanto a tardanza da actuación inspectora como a ausencia de acta de infracción e proposta de sanción por negarse a empresa á aplicación do citado protocolo, a pesar de pedilo expresamente desde a CIG e tamén a propia traballadora».
«Esperamos agora que a Universidade [de Vigo] deixe de mirar a outro lado e interveña dunha vez nun asunto da gravidade e magnitude do que nos ocupa, e esixa da empresa apartar ao acusado de agresión das instalacións universitarias», engade o sindicato.
«A vítima desta dilatada actuación inspectora e xudicial é a traballadora agredida, que catro meses e medio despois segue de baixa e a tratamento das secuelas psíquicas que padece desde os feitos daquel 20 de agosto, sen que a mutua, nin o INSS teñan recoñecido aínda a día de hoxe a situación como derivada de accidente de traballo», conclúe o comunicado.