O PSOE galego entra en pánico pola denuncia por acoso contra o presidente da Deputación de Lugo

A Coruña.- A denuncia por acoso contra José Tomé, alcalde socialista de Monforte, presidente da Deputación de Lugo e tamén do partido na provincia, provocou a maior crise no PSOE galego desde o regreso á dirección rexional hai ano e medio de José Ramón Gómez Besteiro, persoa de plena confianza do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e á vez amigo íntimo e mentor político do acusado.

Tomé anunciou este mércores pola tarde que dimitía como presidente da Deputación e que abandonaba os seus cargos orgánicos no PSOE, pero que seguirá á fronte do Concello dado que se considera inocente das acusacións de comportamento inapropiado –comentarios e chamadas subidas de ton, mensaxes e imaxes de contido sexual e mesmo tocamentos– que varias compañeiras denunciarían a través das canles internas do partido, sen que a dirección fixese nada.

Esas acusacións foron desveladas o pasado martes pola noite por un programa de televisión, Código 10, de Cuatro, no que tanto o secretario xeral galego, antecesor de Tomé na presidencia da Deputación de Lugo, como a súa secretaria de organización autonómica e exalcaldesa da capital, Lara Méndez, como Pilar García Porto, alcaldesa de Antas de Ulla e secretaria provincial de organización, negaban ter coñecemento das denuncias. O presentador dese espazo, o xornalista Ignacio Abad, desmentiunos categoricamente –«Temos probas de que Besteiro o sabía, Pilar García o sabía e Lara [Méndez] tamén», dixo–, pero sen achegar nada que o demostrase.

Noite de mensaxes cruzadas

A emisión do programa, en plena polémica polas acusacións similares sobre o exasesor do partido Francisco Salazar e o exsecretario xeral de Torremolinos (Málaga), Antonio Navarro, deixou en shock o socialismo galego e derivou nunha noite de pánico e de mensaxes cruzadas ata a madrugada. Na mañá do mércores, o departamento de comunicación do PSdeG tentou aparentar tranquilidade e, ante as reiteradas demandas de información dos medios, anunciou que tanto Besteiro como Méndez farían en breve declaracións de reacción durante os actos que tiñan previstos ese día. Pouco despois, con todo, o secretario xeral anunciou que cancelaba a súa axenda, sen explicar os motivos, e que a súa dirección daría a coñecer en breve un pronunciamento «contundente» sobre as denuncias contra Tomé.

Posteriormente, Lara Méndez anunciou o mesmo nunha comparecencia no Parlamento de Galicia na que sinalou que as acusacións lle producían «tristeza e repugnancia», mentres o portavoz socialista no Congreso, Patxi López, auguraba medidas inmediatas, tamén «contundentes», e a dirección de comunicación de Ferraz –a sede socialista en Madrid– pedía calma antes de ofrecer valoracións oficiais, alegando que só recibira unha denuncia que entraría «na canle antiacoso» (sic) poucas horas antes.

José Tomé / Deputación de Lugo

Pola tarde, despois de que Tomé anunciara que deixaba a Deputación de Lugo, a executiva de Besteiro enviou un comunicado redactado «en coordinación coa dirección federal do PSOE» no que aseguraba que el mesmo pedira a suspensión de militancia e que, por tanto, xa non tiña «vinculación algunha co Partido Socialista». O texto non mencionaba, con todo, que Tomé aínda se mantén como alcalde de Monforte, onde goberna con maioría absoluta cos votos do PSOE. Segundo fontes próximas á dirección, o xa expresidente provincia informaría á contorna de Besteiro da súa intención de pasarse ao grupo municipal dos non adscritos cos outros nove concelleiros que o apoian.

A nota da executiva tamén anunciaba o apoio do PSdeG ás «vítimas de calquera tipo de conduta machista». «Todas elas contan co noso afecto, apoio e solidariedade, somos o partido que sempre deu pasos fronte á desigualdade, caia quen caia. Tolerancia cero», subliñaba o comunicado, no que a dirección de Besteiro reiteraba que non só non tivo noticia das denuncias contra Tomé, como afirman as mulleres que aseguraron a Cuatro que si que llo transmitiron, senón que nin sequera as ten agora, polo menos de maneira oficial. «Non temos coñecemento de ningunha denuncia na canle contra o acoso porque non podemos telo, ao garantir o anonimato [das denuncias] o protocolo que activa o partido», sinala o texto.

Advertencia do BNG

A saída de Tomé da Deputación era unha condición básica para que o PSOE puidese manter a presidencia do organismo, xa que o seu socio nesa institución, o BNG, apresurouse a advertirlle que sairía do Goberno provincial se iso non sucedía. «Como muller, prodúceme unha indignación tremenda que a estas alturas da nosa vida vexamos como hai quen cre que por estar nun cargo que lle dá poder pode abusar das mulleres. A impunidade ten que acabarse», dixo a última hora da mañá a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

Inés Rey, alcaldesa de A Coruña: «Hai que actuar con firmeza e contundencia, e sobre todo con rapidez e coa máxima celeridade e dilixencia para protexer ás vítimas (…) Que se sintan apoiadas por quen ten a responsabilidade de facelo».

José Ramón Gómez Besteiro, líder da facción maioritaria do socialismo lucense á que ata hoxe mesmo pertencía Tomé, accedeu por segunda vez ao mando do PSOE galego en 2024 –xa foi secretario xeral entre 2013 e 2016– co apoio, entre outros, do sector coruñés do partido, que encabezan a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o seu tenente de alcalde, José Manuel Lage Tuñas, e o presidente da Deputación desa provincia, alcalde das Pontes e exsecretario xeral autonómico, Valentín González Formoso.

De feito, foi Inés Rey a primeira voz do socialismo galego que se pronunciou sobre as denuncias contra Tomé, ás que se referiu á primeira hora da mañá cunha advertencia de velada crítica a actuación da dirección rexional do partido: «Lamentablemente o sistema patriarcal segue estando presente na nosa sociedade (…) Hai que actuar con firmeza e contundencia, e sobre todo con rapidez e coa máxima celeridade e dilixencia para protexer as vítimas. Que non se sintan soas, que se sintan apoiadas por quen ten a responsabilidade de facelo».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail