Cousa de bruxas

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Teño a sensación de vivir entre tebras e perder contacto co mundo real. Debido ao COVID e ao meu traballo, que implica comunicarme virtualmente só con xente que vive alén do Atlántico, empezo a dubidar se as noticias sobre as mesquindades da dereita españazi serán verdade. Se de morta aínda queren fusilar a Almudena Grandes, se o virus será un fillo bastardo de Bill Gates ou se, como claman os paladíns das conspiracións, o mundo deixaría de ser redondo e eu en bata e zapatillas, criando canas en Berlín do Leste, sen decatarme de que vai isto, editando libros de texto para perpetuar a ignorancia dos rapazolos bilingües dos Estados Unidos. Pero, a pesar da miña sensación de desconexión, aprendín que hai xente que vai moito máis adiantada ca min.

En Alemaña, por exemplo, agora vivimos entre o réxime da estupidez e o do 3 G, que non se refire á posibilidade de conectarse a Internet a velocidade X, senón ao status sanitario dun individuo. 3 G representa Geimpft, Genesen e Getestet, ou sexa, quere dicir que un está vacinado ou recuperado da enfermidade e cun test. Hoxe, por exemplo, o meu status é 2 G (vacinada ou recuperada), pero se quero ir tomar unha birra a un local onde haxa máis de 10 persoas, terei que converterme en 3 G. O cal non é gran problema porque hai estacións de Schnelltest (test rápido) por todo Berlín, onde che leva 10 minutos facer un test gratis e recibir os resultados no teu móbil, unha media hora máis tarde. Con todo, a pesar das súas dotes organizativas, este país tan culto e educado está a demostrar ser unha terra de cafres, onde unha altísima porcentaxe da poboación se nega a ser vacinada. Os razoamentos en contra da vacina son tan exasperados e variados que tratar de explicalos causaríame unha hemicrania insoportable.

O outro día, por exemplo, chegou á miña casa un señor que coñezo desde fai quince anos, porque nos vemos brevemente cada mes de novembro, cando vén facer a lectura da calefacción. Non me cabe dúbida de que a Herr Hellige, (cuxo nome significa «santo» e xuro que non o invento), gústalle o seu traballo. O señor Santo sempre entra cun sorriso e algunha lambetada para o can, que o recibe coma se fose Papa Noel vestido de obreiro. Este ano, con todo, descubrín que Herr Hellige non é que pareza un feliz traballador da antiga DDR, senón que baixo a súa roupa de obreirete simpático, escóndese un paisano supersticioso da Idade Media. Herr Hellige non cre que a Terra sexa redonda.

Hai unhas semanas o Medievo chamou á miña porta e entrou riseiro. Saudoume exultante coma se acabase de presenciar algunha virguería milagrosa e fíxolle unhas garatuxas a Pepe, como sempre, agás que esta vez o home non levaba máscara. Como coñece o apartamento, deseguida foi ao baño para medir o radiador mentres eu pechaba a porta da entrada, pensando que algo non me cadraba. En canto saíu cara á cociña pregunteille: «Herr Hellige, e que hai da súa máscara?». Pero o home seguiu traballando, agachándose en cada radiador para ler os díxitos cun aparello que me lembrou a un deses termómetros automáticos. Namentres o can o cheiraba e eu seguíao polo meu piso insistindo en interrogalo sobre por que non levaba máscara. Por fin, deixou de ignorarme, encolleuse de ombreiros e soltoume que el nin máscara, nin vacina, porque tiña un bo sistema inmunolóxico.

O diálogo que se desenvolveu a continuación obrigoume a explicarlle que vivimos nunha comunidade onde existen normas sociais; que na miña casa mando eu, que aínda que estou vacinada, tamén sufro dun problema inmunolóxico e que meterse entre as miñas catro paredes sen avisarme da súa condición sanitaria, era xogar á ruleta rusa coa miña saúde, etc. Herr Hellige miroume con moito desprezo, coma se estivese a piques de prenderlle lume á pira onde, previamente, ataran á bruxa do pobo, esa vella tola que no inverno insiste en bañarse espida no río xeado, porque clama que estar limpa protéxea da peste. E cando só quedaron as ascuas fumarentas, o can da menciñeira aínda seguía ladrando.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail