A avalancha de megaparques eólicos que promove a Xunta enfróntase á contestación social

Douscentos colectivos convocan manifestacións para este sábado en vinte localidades esixindo ao Goberno de Feijóo que paralice os máis de trescentos proxectos que tramita

A Coruña.- Ao redor de douscentos colectivos veciñais, ambientalistas e sindicais de Galicia convocaron concentracións e actos de protesta para este sábado en vinte municipios da comunidade para esixir á Xunta a paralización dos preto de trescentos proxectos de parques eólicos que tramita actualmente o Executivo galego.

Agrupados na coordinadora Eólica Así Non e baixo o lema «En defensa das nosas montañas» -Nacións Unidas declarou en 1992 o 11 de decembro como día internacional das montañas-, os convocantes alertan da proliferación para a saúde e os ecosistemas dos parques de grandes aeroxeradores nas proximidades de zonas rurais habitadas.

«As montañas galegas son as principais vítimas desta aloucada e caótica onda, xa que constitúen os lugares preferidos das promotoras para colocar aos seus megaproxectos, desposuíndoas practicamente de todos os seus valores e funcións de carácter ambiental, paisaxístico, cultural e socioeconómico», aseguran.

Da montaña de Ourense á costa norte da Coruña, pasando polo sur de Pontevedra e Os Ancares lucenses, os megaparques eólicos son un negocio impoñente para as industrias eléctricas, que grazas ao sistema español de poxas poden producir enerxía ao custo máis baixo para vendela logo ao prezo marcado pola fonte máis cara, como as centrais de gas, fuel e carbón. E sen o sobrecusto engadido dos dereitos de emisión de CO2 que representan estas.

Concentración contra o parque eólico do Xurés / Foto: Stop Eólicos

«Pode parecer contraditorio, verdade?, persoas que se autodenominan ‘ambientalistas’ gritando contra o avance das enerxías renovables», advirte o Observatorio Eólico de Galicia, un proxecto liderado polo Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica, Agroecología e Historia da Universidade de Vigo, entre cuxos obxectivos figura axudar a «cambiar o modelo de desenvolvemento enerxético dando unha maior participación ás comunidades rurais».

«O impacto dos novos parques é brutal», sostén David Pérez, arqueólogo e portavoz da plataforma Stop Eólicos do Xurés-Celanova, que pelexa para evitar que Iberdrola levante muíños de 180 metros na contorna do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. «Hoxe é un monte en perfecto equilibrio natural e paisaxístico, pero a alteración será enorme, e tamén sobre o patrimonio cultural, porque aquí hai mámoas, fochas de lobo, petróglifos, camiños medievais…». «É un modelo de explotación colonial», subliña.

Os muíños que a finais do século pasado non se levantaban a máis de trinta metros de altura hoxe poden chegar aos douscentos. Obrigan a efectuar enormes e lesivos desmontes, e o seu impacto e as molestias e problemas de saúde que provocan onde se instalan multiplícanse en proporción á envergardura dos aeroxeradores.

En Galicia está permitido situalos a un mínimo de 500 metros dunha aldea, pero se as vivendas non están rexistradas como núcleo habitado, como sucede con frecuencia, as industrias aproveitan para recortar as distancias. E non é o mesmo ter un muíño de vinte metros de altura a medio quilómetro que uno de douscentos a pouco máis de cen.

Cartel contra os aeroxeradores no Alto da Gabiñeira, na Serra da Groba / Foto: Alba Tomé

Esa imaxe verde dos megaparques, que non da enerxía eólica, empezou a desmoronarse en Europa. A finais do pasado outubro un tribunal de Toulouse, na rexión de Occitania, ao sur de Francia, condenou ás empresas propietarias de dous parques a indemnizar con máis de 110.000 euros a Christel e Luc Fockaert, unha parella belga que habitaba nunha vivenda no parque natural do Alto Languedoc, onde se levantaron aeroxeradores situados a entre setecentos metros e 1,3 quilómetros da súa vivenda.

Os Fockaert tiveron que malvender a súa propiedade tras constatar os problemas de saúde que lles causaba vivir xunto a esas moles. Segundo a sentenza os danos non foron só físicos, como as dores de cabeza e os trastornos auditivos e visuais derivados dos sons, infrasons e vibracións provocados polos muíños e as redes de alta tensión que os conectan. Tamén psicolóxicos.

O tribunal recoñeceu que os Fockaert padecían o  «sindrome do vento». «As molestias acústicas e visuais que constitúen unha degradación das súas condicións de vida son constitutivas dunha perturbación de tal natureza que se traducen nunha molestia veciñal excesiva», decretou o xuíz.

A sentenza correu estas semanas como a pólvora polas redes das asociacións ambientalistas e veciñais de Galicia, que o pasado xuño xa reuniran en Santiago a miles de persoas en protesta contra os proxectos eólicos que promove a Xunta.

O Executivo de Alberto Núñez Feijóo fixo oídos xordos. O seu vicepresidente segundo e conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, alega que a partir do mes que vén o Executivo autonómico iniciará unha moratoria de ano e medio para a admisión de novos parques. Pero a estratexia ten truco, porque non impedirá que sigan a¡ tramitarse e se aproben os que se rexistraron en avalancha cando a Xunta anunciou ás eléctricas que habería unha moratoria.

Excavación en Corme para un aeroxenerador. Foto Sol Mariño

Conde di que a enerxía eólica debe ser «compatible co medio ambiente e o sector primario» e que os megaparques significan vida e desenvolvemento para as zonas rurais. Pero quen se opón a eles advirten de que o emprego que crean a nivel local é residual, por non dicir nulo, e lembran que o Goberno de Feijóo anulou o anterior plan eólico aprobado polo bipartito de PSOE e BNG, que obrigaba ás eléctricas a destinar o 15% dos beneficios dos aeroxeradores a proxectos industriais nas comarcas afectadas.

Segundo o secretario xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG), Paulo Carril, os máis de trescentos proxectos que tramita agora a Xunta sumarán 10.000 megawatts de potencia instalada, é dicir o 43% do obxectivo en potencia eólica previsto en todo o Estado español para o ano 2030. «Nin a Administración galega nin a estatal fixeron nada para frear esta invasión eólica», di Carril, quen opina que a Xunta e o Estado a facilitaron «con normas e con financiamento».

A oposición tamén se fartou de explicar que aínda que Galicia é unha das comunidades españolas con máis parques eólicos, está entre as que máis cara pagan a electricidade. De feito, resulta paradoxal o caso da fábrica de aluminio que a multinacional Alcoa tiña en San Cibrao, en Lugo, inmersa nun complexo proceso de peche porque os seus donos aseguran que o prezo que pagan pola enerxía lles resulta demasiado caro e lles impide ser competitivos. En cincuenta quilómetros á redonda da planta de San Cibrao hai máis de 1.600 muíños.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail