Franquismo sen Franco: o BNG leva á Eurocámara o debate sobre o legado autoritario do ditador 50 anos despois da súa morte

A Coruña.- O Bloque Nacionalista Galego, xunto a varios partidos con representación no Parlamento Europeo, organizou para este martes unhas xornadas de debate na Eurocámara sobre o legado autoritario do franquismo e as reivindicacións das organizacións de memoria. Nas conferencias e coloquios participarán eurodeputados e eurodeputadas, historiadoras e investigadores, xuristas, académicos e representantes das vítimas e das asociacións memorialistas.

Segundo informou a formación nacionalista nun comunicado, as conferencias, baixo o título Franquismo sen Franco: legado autoritario, impunidade e esquecemento, celébranse no marco do 50 aniversario da morte do tirano e do décimo aniversario do Grupo de Memoria Histórica Democrática do Parlamento Europeo. Este está formado por deputadas e deputados de catro grupos da Eurocámara –Os Verdes Alianza Libre Europea; Socialistas e Demócratas; Renovar Europa e A Esquerda–, e por representantes de partidos do Estado español, entre eles , ademais do BNG, ERC, Compromís, Comúns, Podemos, Sumar, EH Bildu, PSOE e PNV.

«Quero destacar o apoio que sempre mostrou o grupo de Memoria Histórica Democrática do Parlamento Europeo na recuperación do pazo de Meirás e na loita antifascista», subliñou a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, respecto do traballo desenvolvido no últimos dez anos. «Cando se cumpren 50 anos da morte do ditador, é máis necesario ca nunca lembrar que non hai democracia plena sen memoria, nin xustiza sen verdade e reparación das vítimas», destacou.

As xornadas contarán con dous paneis temáticos: o primeiro, Marco lexislativo do Estado español e desafíos do legado autoritario, abordará os límites e as reformas legais necesarias para enfrontar a vía criminal contra os crimes do franquismo e a falta de xustiza transnacional. Contará coa participación de Manuel Monge, escritor e expresidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña; Rafael Escudero, doutor en Dereito e profesor de Filosofía do Dereito; Irene Álvarez, avogada do equipo xurídico da Coordinadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina (Ceaqua) contra crimes do franquismo en Galicia; Gustavo Socorro, fundador do Centro de Estudos Xustiza e Democracia, produtor e director de cinema; Neus Roig Pruñonosa, doutora en Ciencias Humanas e Sociais e Presidenta do Observatorio das Desaparicións Forzadas de Menores; Maider Maraña, investigadora sobre o acomodo normativo dos sitios de memoria; e Rosa Pérez, profesora de Dereito da Universidade de Valéncia.

Revisionismo e desmemoria

O segundo panel, Memoria activa fronte ao revisionismo histórico e á desmemoria, reunirá activistas e vítimas nun debate sobre as estratexias de resistencia ante o negacionismo e o esquecemento. Nel participarán Flor Baena, irmá de Xosé Humberto Baena, un dos últimos fusilados polo franquismo; Rosa García Alcón, activista da Comuna, Asociación de Presos e Ppresas e represaliados e represaliadas do Franquismo; Floren Aoiz Monreal, presidente da Fundación Iratzar; Lola Sierra, vicepresidenta da Asociación Sociocultural La Desbandá; Angelita Cueva, vítima da represión franquista en Asturias e concelleira de memoria democrática en Langreo; e Maria Antònia Oliver, presidenta da Asociación Memòria Històrica de Mallorca (MdM).

Tras estes paneis terá lugar o acto conmemorativo do décimo aniversario do Grupo de Memoria Democrática da Eurocámara, presentado por Ana Miranda e polo eurodeputado de Compromís Vicent Marzà, e no que intervirán exeurodeputadas e exeurodeputados como Willy Meyer, Raül Romeva, Izaskun Bilbao Barandica e Jordi Sebastià. Ademais, Miguel Urbán, exeurodeputado e un dos fundadores do Grupo, presentará os traballos realizados na súa primeira década de existencia, entre os que destacan iniciativas como as visitas ao Pazo de Meirás, Cuelgamuros, Pico Reixa, Paterna e a tumba de Lluís Companys.

A continuación, celebrarase un coloquio con algunhas das asociacións memorialistas que traballaron co Grupo de Memoria do Parlamento Europeo, no que participarán, entre outros, Carlos Babío, investigador, coautor do ensaio Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio; Soledad Luque, presidenta da Asociación Todos os Nenos Roubados son tamén os meus Nenos; e portavoces de Irídia Centre per La Defensa dels Drets Humans, que denunciou ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos as torturas na comisaría de Via Laietana de Barcelona durante o franquismo.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail