Radio Océano pon en marcha un «crowdfunding» para financiar «Un furioso silencio», o seu novo traballo

O único grupo punk da movida galega dos oitenta que segue en activo busca recadar 15.000 euros para editar un EP en formato LP con catro temas con poemas de Yeats e Lois Pereiro e referencias ao Prestige

A Coruña.- A banda punk coruñesa Radio Océano iniciou unha campaña de crowdfunding para conseguir 15.000 euros cos que financiar Un furioso silencio, o seu último traballo.

Radio Océano, un dos poucos grupos da movida dos anos 80 en Galicia que aínda segue en activo, fórmano Johnny Rotring, alias de Xosé Manuel Pereiro (voz); Ross Mero, de Santiago Romero (baixo); Renato 414, de Pablo Iglesias (guitarra), e Dani Punta (batería).

«Hai uns meses gravamos a versión Miña terra galega con Julián Hernández, Antón Losada e Antón Reixa e antes, cando o confinamento, sacaramos un vídeo de Revisando os danos», explica Rotring-Pereiro. «Animounos bastante ver que funcionaron, así que fomos engadindo material e novos temas e decidimos que era o momento de sacar un novo traballo», engade.

Un furioso silencio é un EP que se editará en formato LP con catro temas. Ademais de «Revisando danos», «Un furioso silencio», sobre a catástrofe do Prestige; «Un aviador irlandés prevé a súa morte», sobre o poema do mesmo nome de William Butler Yeats, e «Serás eterno (da droga sáese, de Facebook non)».

O traballo foi producido por tres discográficas galegas, e a campaña de crowdfuding realizarase a través de Ith Crowdfunding, unha plataforma vinculada á Fundación Uxío Novoneyra, que xestiona o legado do poeta galego.

Radio Océano formouse en 1982 na Coruña e alcanzou unha gran repercusión que culminou catro despois co LP Nin falta que fai, producido por Radio Nacional de España e convertido desde hai anos nun clásico grazas a temas como «O balcón», «Coma ou vento» e «Terra Chá», verdadeiros himnos xeracionais do punk galego.

A banda, que o ano pasado puxo en marcha a Xira do crowdfunding indecente, lembrando o Filthy lucre tour –«Xira do lucro indencente»– que os Sex Pistols fixeron en 1996, darase 40 días para recadar o diñeiro que precisa para sacar o seu novo traballo ao mercado.

Como peche, presentarán nun concerto para sesenta persoas, 25 das cales poderán optar, por 50 euros, a unha entrada, un exemplar do disco e unha camiseta.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail