A resaca das primarias afonda na división dos socialistas galegos

O novo secretario xeral, Valentín González Formoso, que gañou na Coruña e Lugo, enfróntase á dificultade de coser o partido co sector de Gonzalo Caballero, maioritario en Ourense e Pontevedra e que acusa ao seu rival de iniciar unha «purga» coa axuda de Ferraz

A Coruña.- Os socialistas galegos espertan das primarias que celebraron hai dez días cunha desagradable sensación dunha resaca das gordas. E é ben certo que as eleccións internas sempre teñen un alto custo emocional e político en calquera partido. Pero no caso do PSdeG, as feridas que deixou o proceso están demasiado abertas e supuran a impresión de que seguirán así moito tempo. Ata o punto de que a dirección estatal en Ferraz ten intervido para tratar de evitar que a situación se agrave.

A quen lle toca pechalas é ao gañador, Valentín González Formoso (As Pontes de García Rodríguez, 1971), alcalde da súa vila e presidente da Deputación provincial da Coruña, que obtivo o 58,7% dos votos -preto de 7.400 militantes participaron na elección- fronte ao 40,2% do actual secretario xeral e portavoz no parlamento galego, Gonzalo Caballero (Ponteareas, Pontevedra, 1975).

Unha vitoria rotunda que con todo non supuxo o peche de filas ao redor do seu liderado, e que apunta a unha profunda división territorial do socialismo galego. Formoso gañou con folgura nas provincias do norte, A Coruña e Lugo, onde obtivo o 68,7% e o 74% dos votos respectivamente. Pero Caballero fíxoo no sur, en Ourense cun 55,5% e, sobre todo, en Pontevedra cun 63%.

Os próximos a Formoso aseguran que a idea do ganador é «coser» o partido e negociar unha executiva aberta na que caiban afíns a Caballero no congreso que se celebrará na ponte de decembro. Pero para estes a declaración e só un brindis ao sol.

Valentín González Formoso / Foto: Deputación de A Coruña

O pasado luns, a dirección nacional en Madrid destituíu ao comité organizador do congreso que designara a Executiva do portavoz parlamentario, para nomear outro comité a proposta do novo líder. Unha «purga» en toda regra, en palabras do deputado autonómico Martín Seco, secretario de Acción Electoral de Caballero, quen ese mesmo día cualificou a situación de «lamentable», e de «absurda» a decisión de Ferraz de non respectar os tempos e impedir que a executiva saínte organice o congreso para dar substitución ao sucesor.

«O rival político é Feijóo, non son Gonzalo Caballero e os 3.000 compañeiros e compañeiras que o votaron», dixo Seco. No outro bando, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, lembrou aos afíns do aínda secretario xeral -seráo ata o congreso- que «hai que saber perder».

O certo é que Caballero xa dixo que non deixará o seu escano, insinuou que a súa intención é seguir na Cámara autonómica ata o final da lexislatura, e ten deixada aberta a posibilidade de manter a portavocía parlamentaria. A idea que deixan entrever fontes da súa contorna é que non descarta a posibilidade de presentarse de novo ás primarias na que os socialistas elixirán ao seu candidato á Presidencia da Xunta.

Aí é onde Formoso se enfronta a contracións que debe aclarar. O seu grao de coñecemento en Galicia é escaso fóra da provincia da Coruña, e non conta coa posibilidade de acceder ao Parlamento, a plataforma mediática por antonomasia, porque non foi nas listas das autonómicas. Pero manter a Caballero ou algún dos seus deputados afíns como referencias na Cámara supón un risco evidente de perder protagonismo.

Gonzalo Caballero

Pola contra, se sitúa no posto a un ou a unha deputada das súas para que traballe cun perfil baixo que non lle faga sombra ao seu propio, acrecentará o perigo de que pareza que a única oposición ao PP a exerce Ana Pontón (BNG), a figura de moda na política galega, que se levantou sobre as cinzas das Mareas e que podería seguir crecendo a costa da crise socialista.

Nas súas primeiras intervencións tras as primarias Formoso situouse nunha posición na que é difícil saber se sobe ou se baixa na escaleira que o levaría a encabezar a candidatura socialista á Xunta. Asegura que está disposto a subir ese chanzo, como parece de toda lóxica dado que se presentou a secretario xeral e gañou. Pero acto seguido aclara que tamén podería dar un paso atrás para que outro «compañeiro ou compañeira» poidan armar «un proxecto gañador» se constata que o seu non o é.

A esa ambigüidade, que podería acabar minando as posibilidades electorais do PSOE se se mantén en exceso no tempo, engádese que a dirección nacional en Madrid parece preferir de candidato ao ex alcalde de Ames e delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, quen tamén se postulou como futurible, ou a un perfil feminino que puidese contrarrestar con máis garantías o auxe de Pontón.

O PSOE nunca presentou en Galicia a unha muller para competir pola Presidencia da Xunta, e algunhas fontes sinalan que Ferraz non descarta elevar ao posto a unha personalidade máis ligada á xestión que ao barro político, e que, aínda que non sexa do gusto das dúas faccións en liza, polo menos non esperte demasiados receos en ningunha delas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail