A patoloxía do 10%

Na constitución da asociación de Mulleres Xornalistas este sábado, volvía escoitarse esa cifra nas intervencións de compañeiras de diferentes sectores de actividade: deporte, ciencia, traballo social, dereito, comunicación… Semella que estamos ancoradas no dez por cento do recoñecemento profesional en case todos os ámbitos, agás no político onde se cumpre esta norma sen discusión: ten que haber unha  presenza de entre un 40/60% de ambos os sexos nas listas electorais, con alternancia para evitar desprazamentos que deturpen a representatividade real. No resto, a Lei de Igualdade é un fracaso, puro papel mollado que non depara consecuencias puníbeis a quen a incumpre decote. No caso da comunicación, algo máis do 89% dos postos de dirección están ocupados por homes. Por redondear, o resto, un 10%, son por mulleres. Na opinión, outro tanto. Son dúas esferas de poder innegables, a primeira pola capacidade executiva e de decisión e a segunda pola de influír e ser un recoñecemento da autoridade de quen opina. E non somos o peor sector.

Na comunicación, algo máis do 89% dos postos de dirección están ocupados por homes. Na opinión, outro tanto. Son dúas esferas de poder innegables, a primeira pola capacidade executiva e de decisión e a segunda pola de influír

Cando falamos de facer xornalismo con perspectiva de xénero é imprescindible ter isto en conta. Non só para esixírmonos un tratamento informativo xusto, respectuoso, non tendencioso, cando contamos o que acontece: feminicidios, en particular, termos a disposición listaxes de expertas para participaren en debates ou enquisas, camiñarmos cara a unha linguaxe inclusiva…Temos que demandar -esixir- o acceso aos lugares de decisión. Somos a maioría moi maioritaria das licenciadas e da forza de traballo dos medios de comunicación que o 8 de Marzo demostramos que, se nós paramos, os medios paran. É inxusto e anómalo que quedemos atrás (sabendo que ser muller non é unha garantía para que un medio funcione coa visión inclusiva do feminismo, pero que temos o mesmo dereito tamén até a facelo mal porque é un paso cara a normalidade da nosa visibilización). 

Lexitimadas para ocupar as cabinas de mando

O 10N, máis de cen compañeiras deron un exemplo de valentía e disposición a dar unha batalla imprescindible nesta hora, e nas que virán. Logo de deixar repousar as emocións, as complicidades, e mesmo, a alegría que alí compartimos, quero facer fincapé, desde a cualificación que confire a experiencia, en que deben sentirse dispostas e lexitimadas para tomar o timón, porque unha nave non cambia o rumbo se a maioría da tripulación e da cabina de mandos decide o contrario. A democracia baséase nas decisións da maioría. Maioría absoluta é o 50% máis un dos votos emitidos nunha asemblea. Só un voto máis é quen de mover o mundo e esa norma está validada por todos os países desenvolvidos como algo incuestionable. 

As mulleres non poderemos ocupar o lugar que nos corresponde se os homes seguen pegados con Loctite ás poltronas e ás cadeiras. Hai que ir marchando… amiguiños

A ver cando aceptamos que é unha patoloxía democrática que quen somos o 52% da poboación esteamos infra representadas e sigamos a ter unha presencia residual nos consellos de administración, nos postos directivos de empresas xornalísticas e das outras, nas organizacións gobernamentais e non gobernamentais, nos ateneos ou nos sindicatos. Estamos aquí, somos ben visibles, ben capaces, estamos ben preparadas, temos experiencia, temos ganas, sabemos, pero non sempre nos animamos a dar esta loita porque temos dupla ou tripla xornada, porque queremos ter vida familiar, porque o sacrificio no noso caso é extraordinario e ademais seremos estigmatizadas e criticadas. Pero desde aquí lémbrolles que o apoderamento demóstrase -sobre todo- perdéndolle o medo a competir e a vindicar.  E aos compañeiros non llo lembro: convócoos a dar un paso atrás: a deixar sitio. As mulleres non poderemos ocupar o lugar que nos corresponde se os homes seguen pegados con Loctite ás poltronas e ás cadeiras. Hai que ir marchando… amiguiños. A pelota está no voso tellado, porque nós si queremos estar e temos ben gañado un dereito que, ademáis, está recoñecido por lei.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail