A falta de sanitarios colapsa as urxencias e atrasa meses as probas de oncoloxía nos hospitais de Santiago

A Coruña.- A falta de profesionais derivada dos recortes no orzamento sanitario colapsou de novo as urxencias dos hospitais públicos da área sanitaria de Compostela, segundo unha denuncia da Asociación de Usuarias e Pacientes do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

A mesma organización denunciou tamén que continúan os atrasos de meses nas citas de pacientes de oncoloxía, que alertaron da situción que padecían un día antes de que fose cesada a anterior xerente da área sanitaria, Eloína Núñez Masid, prima do presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo. O seu substituto é Ángel Facio Villanueva.

Durante a etapa de Núñez Masid ao mando da área sanitaria entre 2017 e o pasado maio rexistráronse constantes e repetidos episodios de colapsos no servizo de urxencias, sen que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) paliase a falta de profesionais sanitarios nin empredese medidas eficaces para evitalos.

Os pacientes do CHUS aseguran que en días pasados chegou a haber ata 20 pacientes graves repartidos polos corredores e salas de espera de urxencias en padiolas e cadeiras de rodas, agardando a ser atendidos, mentres máis de trinta con ingreso asignado en planta seguían á espera dunha cama.

Dereito á intimidade

«A nova xerencia continúa coa inercia da anterior e está a permitir que se vulnere o dereito á intimidade dos pacientes, colocados en zonas de paso e expostos a persoas que nada teñen que ver co servizo», afirma a asociación, que acusa ao Servizo Galego de Saúde de utilizar as urxencias «como un almacén de pacientes» provocando «dano moral e físico» aos enfermos.

«A saturación é consecuencia, entre outros factores, da falta de camas libres no centro sanitarios e dunha xestión pouco eficaz das mesmas», engade. Segundo os datos dos pacientes e usuarios, o nivel de ocupación de camas eses días no CHUS foi do 59%. «Existe un exceso de capacidade dispoñible de 614 camas que na práctica permanecen pechadas mentres non se doten de persoal sanitario» para que poidan ser ocupadas.

«Hai 614 camas que na práctica permanecen pechadas mentres non se doten de persoal sanitario»

As asociación de pacientes do CHUS tamén alertou que continúan os atrasos nas citas dos pacientes de oncoloxía, que en maio deste ano denunciaron que as súas consultas se demoraban meses poñendo gravemente en perigo a súa saúde.

A organización recolleu o testemuño dunha afectada: «Desde que terminei a quimioterapia e fun operada sufro atrasos continuos nas miñas consultas de revisión. Hai uns meses, tras presentar reclamacións no servizo de atención ao paciente, a xerencia da área sanitaria e mesmo a Valedora do Pobo —figura equivalente á do Defensor do Pobo— […] fun atendida con cinco meses de demora».

Sen cita

«Nesa mesma consulta», prosegue esa persoa, «a miña oncóloga solicitou que se me citase para a seguinte revisión en tres meses, que sería en agosto deste ano. Dado que agora a diario non se dá cita, pasei de novo ao servizo de ‘caixa de correos’, pendente de que me chegue unha mensaxe coa cita, tanto para a consulta como para un TAC. Hoxe, cun mes de atraso, sigo esperando, de novo, pola miña consulta, que se debería ter producido o 29 de agosto».

«Sigo esperando, de novo, pola miña consulta, que se debería ter producido o 29 de agosto».

Segundo os últimos datos publicados polo Sergas en decembro do ano pasado, 15.874 pacientes do CHUS esperaban nesa data á realización dunha primeira proba diagnóstica, cifras que, segundo a asociación de pacientes, non toman en conta aos miles de enfermos que agardan por unha segunda ou sucesivas probas de control e avaliación e que non figuran nas listas de espera que publica a Administración sanitaria.

«En termos absolutos, as persoas en espera por unha proba aumentaron en 831 en 2022. Con respecto ao ano 2019, o aumento foi de 7.154, un 82%». «As cifras mostran só unha parte da degradación do sistema, non o sufrimento e o dano causado polos atrasos na atención nin a relación existente na gravidade da doenza e a espera pola realización dunha proba».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail