A todas* nos chamaron putas algunha vez

Comentábao esta finde con miña irmá. Ela díxome: «a min á cara, nunca». É incrible como temos interiorizado que por detrás si, por unha cousa ou outra. Dá igual que sexa «puta ninfómana» que «puta fríxida». Vale tanto para o tute como para a brisca, a verdade.

«Putas, salid de vuestras madrigueras, conejas… sois unas putas ninfómanas, os prometo que vais a follar todas en la capea». Isto foi o que berraron no súper-mega-elitista colexio maior Elías Ahuja de Madrid do que xa veriades 200 veces o vídeo. O primeiro que pensei eu ao escoitalo foi que xa podía sumar un insulto animal máis á lista de cousas bonitas que nos din ás mulleres, que nunca te deitarás sen saber algo novo. Zorra, vaca, perra, loba. Nin que dicir ten que en masculino non significan o mesmo, aínda que haxa termos como «galiña» que se aplique a eles tamén. Coella. Ben, vale, a lista xa é grande abondo, un máis non se nota. A segunda cousa que pensei foi que que carallo era unha capea. E é que o resto xa o tiña moi visto.

Lembro unha escena da miña adolescencia, entre amigas. Saïamos dunhas aulas particulares unha tarde, non estabamos todo o grupo, e non sei como a conversa derivou en falar dunha das rapazas que faltaban. Que bebía moito os sábados pola noite. Que iso non quedaba igual de ben nunha muller que nun home. Non fumaba, por aí si que non podía criticala. Que a ela (á que falaba e dicía todas esas cousas da súa suposta amiga) algún dos rapaces da nosa clase lle comentara que claro, que a outra se liara xa con moitos tíos. Borracha e puta, vamos, non?, quería responder eu, toda indignada. Pero calei. Calei coma unha puta, que tamén é unha expresión fermosísima.

Congratúlame ver que hoxe en día os medios de comunicación poñen o grito no ceo ante situacións coma as do colexio maior. Congratúlame algo menos escoitar ao director do centro dicir que é indignante, pero que eles non sabían nada, que é a primeira vez que pasa, sen inmutarse. Non sei se me congratula ou volvo sentir esa indignación de pequena cando saen rapazas que estiveron hai anos no Santa Mónica, o centro feminino ao que se dedicaban esas marabillosas palabras, dicindo que o de «Mónicas putas» era o pan de cada día.

O que si que non me congratula é que se volva poñer o foco nelas, en nós, as mulleres. Outra vez. E outra máis. Os energúmenos son eles, pero a ver que teñen que dicir as rapazas ás que chamaron putas ninfómanas e coellas. Pregúntome: e que vas facer cando te chaman puta? Isto leva pasando por-los-siglos-de-los-siglos-amén. Aprendes a non darlle importancia, claro. Se te chaman puta a diario e ninguén fai nada, ninguén se indigna, ninguén o ve como algo anormal, que vas facer ti. Ser Wonder Woman? Pero se os que nos insultan son eles, a min déixame ser unha unidade de persoa que ten que presentar o trimestre esa semana e pagar as facturas, con iso xa teño o cupo de superheroína cuberto, grazas.

Quizais, e só quizais, deberiamos pensar que estamos a facer mal como sociedade (homes e mulleres) para que un grupo de machirulos crea que por berrar iso e facer esa performance de manada non hai ningún problema, no canto de centrarnos en criticar que as mulleres teñamos isto asumido. Culpa nosa OUTRA VEZ? Xa perdín a conta. «É que elas xa o teñen interiorizado, deféndenos» ou «as rapazas do Santa Mónica din que si, que está mal, pero que só é unha broma e que son os seus amigos». Ver isto nos medios, desde logo, non me congratula un carallo. Mentres, eles irán a uns cursiños e farán unhas tarefas de voluntariado que, seguro-segurísimo, lles farán cambiar unha mentalidade que levan alimentando desde que naceron. E é que a socialización é unha forza moi poderosa, e a sociedade na que vivimos é a que é.

E é a que é non por culpa das cousas que interiorizamos as mulleres, que quede claro. Nós só intentamos sobrevivir. Na última Macroenquisa de Violencia contra a muller (datos recollidos durante o ano 2019) aparece ben clariño: unha de cada dúas de nós (máis da metade, de feito, xa que é un 57,3 %) sufriu algún tipo de violencia machista en España. En España, eh? Non en Irán, Emiratos, ou nalgún país perdido de África a onde mandan pastar a Irene Montero cada vez que di que no estado español hai machismo. Como se desexarlle a ablación do clítoris a unha muller, por moi ministra que sexa, por denunciar que vivimos nun sistema patriarcal non fose o máximo expoñente dese sistema. Ou acaso alguén lle desexa a Pedro Sánchez que lle corten os seus órganos sexuais masculinos? Ai, amigas, é que por moi malévolo-comunista que sexa o Presi, ten pene, e iso une moito. Que llo pregunten se non á manada do Elías Ahuja.

*CUÑAD@S ALERT: se cando les «todas» o primeiro que pensas é «a todas non» ao estilo de «not all men», por favor, busca no dicionario o termo «hipérbole». A primeira clase é gratuíta, a partir de aquí cobrarase atendendo ao nivel de cuñadismo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail