Cando se fodeu Vargas Llosa?

Non sei cando te fodiches, Pichulita Vargas. Non sei cando te converteches nese vello Chicago-playboy que es hoxe. Cheguei a pensar se non che devorara a entreperna un can rabioso no colexio de curas ao que fuches en Lima, e que che emasculara o cerebro de xenio. Porque non me negarás que tes parte do cerebro na entreperna. Se non, como explicar o teu primeiro matrimonio coa irmá da túa tía dez anos maior ca ti; o segundo coa túa curmá e sobriña da túa exmuller; e o terceiro coa visitadora da prensa rosa que pasou polo chibo a ditadura, a transición e a democracia sen solución de continuidade?

Quizais naciches xa fodido, cos teus pais divorciándose antes de bautizarte. Ou foi que a túa nai e o teu avó te condenaron a unha infancia en shock ocultándoche ata os dez anos que o teu pai estaba vivo. Era un cabrón a quen lle repugnaba a túa vocación literaria, e ao pouco de coñecervos mandoute a un internado militar para que cha borrasen a sopapos. De alí saíu a túa primeira novela. Pero eles, a túa nai e o teu avó, tamén se pasaron. Escolleron a indignidade de dicirche que el morrera, antes que confesar que enganara a súa muller.

O teu avó. O que te levou a vivir a Piura porque o seu primo, presidente da República, fixérao prefecto alí. Favor con favor se paga, así que despois, na Universidade, renegarías do comunismo e do Grupo Cahuide para afiliarte ao Partido Demócrata Cristián. Dezasete anos e xa eras demócrata cristián, Pichulita. Dálo crido? Igual xa entón querías chegar a presidente.

Imaxínalo? Ti de presidente. En 1990 non pensabas noutra cousa, e tivéchelo ao alcance da man. Fujimori era un descoñecido e ti gañaras a primeira volta. Unha mágoa que ao final o Antonio Conselheiro daquela guerra de fin de século era el, e non ti, León de Natuba, deforme e impasible o aceno da derrota. Vas perdoar, Pichulita, pero foi aí cando se fodeu o Perú. Cando os peruanos tiveron que escoller entre Fujimori mais ti. Fodéronse. Logo viñeches ti a España, a foder con UPyD, e con Ciudadanos, e co PP. Pero esa é outra historia.

Para min que xa te tiñas fodido moito antes da praza de Colón, cando escribiches para Planeta aquel relato filoesotérico sobre Sendero Luminoso. Ti, que xa gañaras o Rómulo Gallegos, o Biblioteca Breve e o Premio da Crítica, que xa tiñas a Lexión de Honra de Francia e o Príncipe de Asturias, que xa sabías, como sabiamos todos, que antes ou despois che ían dar o Cervantes, e o Nobel, e o que houbese que darche. Deixácheste levar por Lara e Carmen Balcells. Como fixo Cela un ano despois e como non se deixou facer Delibes, que rexeitou escribir ao ditado daquel premio de xurado fake. Ti, que poderías ter feito unha xenialidade con Abimael Guzmán, como fixeches con Trujillo e con Castillo de Armas. Non sei que pensarían Cerebrito Cabral, Santiago Zavala e Johnny Abbes García daqueles personaxes insulsos e desconstruídos cos que gañaches os 50 millóns do Planeta de 1993.

Viñas fodido da casa, pero a min ben me fodiches domingos enteiros coas «Pedras de Toque» nas que defendías as mesmas políticas clasistas e austericidas que mataban a xente no teu país, e que acabarían matándoa no meu. Na última que che lin –non perdo a esperanza, Pichulita– pedías o voto para Keiko Fujimori, que se presentou ás eleccións en Perú co único propósito de sacar do cárcere o seu pai, condenado a máis de cincuenta anos por malversación e violación dos dereitos humanos.
Fujimori ordenou ao s(t)eu exército secuestrar, torturar e asasinar un profesor, oito estudantes, un xornalista e un empresario, e mandou metrallar quince supostos terroristas. Eran inocentes veciños dun barrio pobre, e entre eles había un neno de oito anos, Pichulita. E vas ti e pides o voto para que a filla do asasino saque o pai da cadea. Iso non está ben. Por moi vermello perigoso que sexa Pedro Castillo.

Ai, Pichulita! Non sei cando te fodiches. Sigo a lerte, regalarte, prestarte e recomendarte. Pero boto de menos a conversa que temos pendente.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail