O vento e as togas: o traslado de xuíces sacode o TSXG

O vento sempre tivo mala fama literaria en Galicia. Encadea borrascas, atrae chuvias torrenciais, arrastra o salitre quilómetros terra dentro… Nos invernos máis duros mesmo levanta tellados e derruba paredes. Agora tamén parece capaz de tombar xuíces e erosionar as bases do que entendemos por xustiza, en minúscula.

Iso é o que sospeita, cunha sólida base indiciaria, unha parte nada menor do ecosistema xudicial, político e social galego, tras o traslado de dous maxistrados da sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Luís Villares e María Dolores López López, e doutros dous da sección cuarta, á que os primeiros foron destinados, sen consulta previa. Un movemento que aparenta formalidade administrativa e que en condicións normais pasaría por unha nota burocrática e un bocexo corporativo inaudible para a sociedade. Claro que falamos de vento, e hai quen di que en Galicia mesmo pode arrastrar á loucura a quen se expón demasiado a el. No que se refire ao sector eólico, hai décadas que o país non vive en condicións de normalidade.

O que debería ser unha reorganización interna banal converteuse nunha tormenta institucional. A nova presidenta da Sala, María Azucena Recio González, decidiu mover a Villares e a López desde a sección terceira, que viña resolvendo boa parte dos litixios sobre autorizacións eólicas, minería, industria e contratación administrativa, cara á cuarta, especializada en materias tributarias, taxas e catastro. Ao tempo, outros dous maxistrados desta facían o percorrido inverso. A decisión chegou apenas uns días despois da toma de posesión de Recio e sorprendeu non só polo momento en que se produciu, senón tamén polo contexto: Villares acababa de competir con Recio pola presidencia da Sala do Contencioso-Administrativo. El e López integraban unha sección que nos últimos anos paralizara ducias de proxectos eólicos impulsados ou avalados pola Xunta, o que xerou un choque frontal co Goberno galego, coa patronal enerxética e con boa parte do discurso oficial do PP sobre a transición verde.

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na Coruña / Luzes.

En abril de 2024, a Xunta xa tentara sortear eses mesmos maxistrados: Alfonso Rueda cambiou a estrutura do seu Goberno e transferiu as competencias sobre autorizacións de parques eólicos desde a Consellería de Economía e Industria á de Medio Ambiente. Segundo as normas de funcionamento interno do TSXG, os asuntos ambientais recaen na sección segunda, presidida pola propia Recio. O intento non funcionou daquela, pero a nova presidenta asinou un acordo para reinterpretar as normas de repartición e asegurarse de que sexa esa sección segunda, a súa, a que decida nos procedementos sobre parques eólicos.

«É un escándalo. Como non se fían de que o desmantelamento da sala terceira sexa suficiente para que as cousas saian como eles queren, trata de levar eses asuntos á súa sección para encargarse directamente deles», afirma un xuíz que pide manter o anonimato e que advirte de que na operación «non está só ela [Recio]: tamén está o presidente do TSXG [Ignacio Picatoste Sueiras] e polo menos un membro do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX)», lamenta. Fontes do TSXG negan que exista esa relación nin esas intencións.

O pasado 13 de marzo, a nova presidenta xustificou o cambio de López e Villares con argumentos organizativos. Segundo a versión oficial que deu o TSXG, o obxectivo dos movementos era «reforzar o bo funcionamento da sala» e «salvagardar a imparcialidade» da mesma, aludindo implicitamente ao pasado político de Villares, exlíder de En Marea e xefe da oposición no Parlamento de Galicia. Non pola súa posición sobre os parques eólicos, senón polas súas críticas á privatización do hospital Álvaro Cunqueiro, con cuxa concesionaria a Xunta mantiña un antigo conflito polo impagamento do imposto de bens inmobles (IBI). Entre liñas non era difícil interpretar o traslado de Villares como un castigo pola suposta parcialidade que se lle atribuía. Pero a pena non se canalizou mediante o correspondente procedemento sancionador no que, polo menos, tería dereito a defenderse da acusación. Recio escudouse en «razóns organizativas e funcionais» e o TSXG negou calquera relación cos procedementos eólicos ou coa polémica do hospital.

«Maxistrados incómodos»

Esa explicación non convenceu nin dentro nin fóra do tribunal. «Están apartando maxistrados incómodos», denunciou Xuízas e Xuíces para a Democracia (XXpD), asociación á que pertence Villares. Ambos presentaron recurso de alzada contra a decisión ante o CXPX. Nin Villares nin López se pronunciaron e ambos manteñen un discreto silencio, pero Xuízas e Xuíces para a Democracia sostivo que os traslados adolecían «de graves defectos» formais, que se produciron «sen audiencia previa aos afectados» e que cuestionaban a inamovibilidade xudicial garantida na Constitución Española.

O pasado 22 de xullo, o CXPX resolveu ambos os recursos e avalou os traslados. Fíxoo por once votos a dez. Eses dez vogais que se pronunciaron en contra da decisión de Recio redactaron todos un voto particular, algo absolutamente inusual na historia do Consello. De feito, no caso do recurso presentado por XXpD, o relator redactara un pronunciamento favorable ao recurso da asociación que outro vogal deberá refacer agora para soster a polémica decisión colexiada. O pleno votarao este mes, e é previsible que os dez vogais acheguen de novo o seu voto particular contra ela. Fontes da contorna de Villares confirman que o maxistrado vai recorrer agora ao Tribunal Supremo. Ten ata o 31 de outubro para facelo.

O TSXG, a Xunta e a patronal eólica desacreditan a Villares aludindo ao seu «vitimismo político» e lembran que «os xuíces non son inamovibles dentro dunha sección concreta».

Xustiza e Sociedade de Galicia, unha asociación de xuristas que reúne máis de douscentos avogados, procuradores, xuíces, fiscais, letrados da Administración de Xustiza, inspectores de traballo, graduados sociais, funcionarios xudiciais, etcétera, foi moi contundente co caso: «Atopámonos ante un episodio gravísimo contra a independencia xudicial». A asociación reclama a inmediata suspensión do traslado, a apertura dunha investigación sobre o procedemento e a revisión da súa legalidade.

«É escandaloso, calquera que coñeza a mecánica da organización xudicial sábeo», sostén outro maxistrado galego con preto de tres décadas de experiencia nos xulgados. «Os traslados de compañeiros sempre se producen de forma voluntaria, cando o xuíz ou a xuíza pide ou acepta o cambio, mediante concurso… Pero, de forma forzosa? Contra a súa vontade? Sen sequera informalos previamente? Nunca ao longo da miña carreira vin outro caso no que se fixera así», engade.

O maxistrado Luis Villares.

A todo iso súmase a denuncia por prevaricación presentada pola Confederación Intersindical Galega (CIG), o maior sindicato de Galicia en delegados e afiliados, e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, que a Fiscalía galega admitiu a trámite e remitiu á do Tribunal Supremo. «Resulta perentorio que o Ministerio Fiscal investigue se detrás da alteración arbitraria das normas de repartición de asuntos» ordenada por Recio, «feitas en paralelo ao traslado de maxistrados da Sección Terceira da Sala, existen motivacións espurias, presuntamente relacionadas con satisfacer o interese presentado pola Xunta de Galicia e as empresas do sector de apartar determinados maxistrados dos procesos xudiciais relativos a proxectos eólicos e liñas de alta tensión», aseguran as citadas organizacións nun comunicado conxunto.

A sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG convertérase nun pesadelo xurídico para a Xunta e para as grandes eólicas. Nos últimos anos, López e Villares paralizaran numerosos proxectos de complexos de muíños por deficiencias ambientais, por afectar o patrimonio ou, sobre todo, pola fragmentación artificiosa dun megapoxecto en varios parques supostamente diferentes. Unha estratexia coa que a industria pretende simular un impacto ambiental por separado moito menor do que se avaliaría se se estudase a afectación integral deses complexos fragmentados ao territorio conxunto ao que afectan. Entre os casos máis coñecidos figuran resolucións sobre parques como Campelo, Bustelo, Corme, Sasdónigas, Monte Toural, en proxectos vinculados a grandes promotoras como Iberdrola, Greenalia, Naturgy, Enel Green Power, Capital Energy…

A liña argumental das resolucións de Villares e López insistía en algo que irritaba profundamente a Xunta e as promotoras: non abondaba con presentar expedientes formalmente correctos; había que xustificar adecuadamente todos os impactos sobre a biodiversidade, a paisaxe, o patrimonio histórico e cultural, a forma de vida dos habitantes das poboacións veciñas, a participación pública… Traducido á linguaxe política: alguén estaba freando unha maquinaria que levaba anos funcionando a favor do vento cunha notable comodidade.

O despregamento eólico, política estratéxica

Pero o vento non nace da nada. Durante os gobernos de Alberto Núñez Feijóo, o PP galego converteu o despregamento eólico nunha política estratéxica: simplificación administrativa, impulso desregulador e un discurso baseado na competitividade, na soberanía enerxética e na atracción de investimentos. Con Alfonso Rueda, esa folla de ruta non cambiou: acelerouse. Aínda que Galicia non sacase nada en limpo. Os habitantes das aldeas invadidas por muíños —hoxe hainos de case 200 metros de altura— pagan a electricidade ao mesmo prezo, aínda que esta se produza á custa dos recursos naturais que eles levan séculos coidando. Algúns sofren cortes recorrentes de subministración. Aínda quedan vivendas habitadas ás que non chega a luz. Centos de quilómetros de tendidos de alta tensión atravesan o país para trasladar a enerxía á meseta, sobre todo a Madrid, unha comunidade que non ten nin un só muíño, mentres en Galicia a industria electrointensiva, como a do aceiro, ameaza con deslocalizar as súas plantas polo elevado custo enerxético que asume.

A Xunta defende que Galicia non pode quedar «fóra da revolución renovable». O Goberno do PP e o seu presidente insisten en que a comunidade necesita seguridade xurídica e axilidade administrativa, e negan calquera presión sobre a xudicatura. Portavoces do PP sosteñen que falar de represalias contra os xuíces é «unha teoría conspirativa sen fundamento».

Con todo, o propio Rueda criticou en varias ocasións nos últimos dous anos o «bloqueo xudicial» a proxectos estratéxicos, saltando a norma non escrita que insta os poderes executivos a non deslexitimar as decisións dos xuíces e a non converter a discrepancia en presión directa sobre o seu traballo.

Toma de posesión de María Azucena Recio como presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

«Imaxinen se, cando se descubriu petróleo nos Estados Unidos, houbese un territorio no que se decidise non buscalo por mor dunha sentenza», chegou a dicir o presidente da Xunta só catro meses antes do traslado de López e Villares, nunha comparecencia na que valorou un dos seus fallos: «Agora mesmo, que tan de moda está falar de lawfare, poño de manifesto a situación que temos. Estamos sometidos a uns criterios xudiciais que non se están aplicando en ningunha outra comunidade», lamentou.

Rueda e Villares nunca se levaron ben. Durante a etapa deste último como portavoz de En Marea e líder da oposición no Parlamento galego, co primeiro como vicepresidente de Feijóo, mantiveron varias polémicas. Pero cando Villares abandonou a vida pública e se reincorporou tras a súa excedencia ao TSXG, fíxoo en silencio e con discreción. Deixou de conceder entrevistas e de facer declaracións públicas, e mesmo eliminou as súas contas nas redes sociais. Non pediu que o destinasen á sección terceira da sala do Contencioso-Administrativo, simplemente incorporouse á praza que lle asignaron.

«É unha decisión absolutamente arbitraria, inxustificada e a golpe de decreto que compromete a independencia xudicial» (BNG)

O elemento máis delicado de toda esta historia é precisamente ese cruzamento entre a biografía política e a actividade profesional de Villares como xuíz. Porque Recio argumentou que o seu traslado tamén respondía á necesidade de evitar futuras controversias tras varios pronunciamentos do Tribunal Supremo sobre as recusacións relacionadas co hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Ese caso é outra peza clave do crebacabezas. Villares levaba asuntos relacionados coa privatización do hospital, un dos maiores símbolos da externalización e privatización da sanidade en Galicia durante os gobernos de Feijóo e Rueda. O Supremo anulou varias sentenzas, algunhas das cales daban a razón á concesionaria nas súas reclamacións ao Sergas e á Xunta, ao apreciar dúbidas sobre a imparcialidade derivadas das manifestacións públicas previas do maxistrado como dirixente político.

O pasado 15 de xullo, con todo, o TSXG anunciou que os novos xuíces da sala terceira fallaran no mesmo sentido en que o fixera Villares nas súas antes do seu traslado. «Iso demostra que o argumento da súa parcialidade que se utilizou para apartalo da sala era unha calumnia», advirten fontes da súa contorna, que subliñan esa tese lembrando que o propio Tribunal Supremo acaba de anular o pasado xullo a licenza doutro megaparque eólico en Moeche (A Coruña) empregando a mesma base argumental que López e Villares desgranaban nos seus fallos.

O relevante non é só iso, senón a trama empresarial que sobrevoa o litixio. O despacho madrileño que representaba a concesionaria era Clifford Chance, un bufete internacional que tamén asesorou en distintos procedementos e operacións corporativas as grandes empresas eléctricas con intereses no mercado renovable español e galego. Para os sectores críticos, a coincidencia alimenta o relato dos vasos comunicantes entre o poder económico, a estratexia reguladora e a arquitectura xurídica. «Non digo que pase nese despacho en concreto, pero se un revisa o persoal dalgúns bufetes, verá apelidos que coinciden cos dalgúns xuíces e fiscais», engade unha das fontes da xudicatura galega consultadas para esta peza.

Independencia xudicial

Para o BNG, a operación na sala terceira «é unha decisión absolutamente arbitraria, inxustificada e a golpe de decreto que compromete a independencia xudicial». A súa viceportavoz no Parlamento de Galicia, Olalla Rodil, asegura que «xa nin sequera agochan que o poder das eléctricas e os tentáculos do PP interferindo na xudicatura son cada vez máis extensos». O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cualifica de «gravísima» a situación xerada, alerta de que pon en entredito a «inamovibilidade xudicial» e a imparcialidade do TSXG, e esixe que Rueda explique no Parlamento se se exerceron presións e se houbo «desviación de poder».

Asociacións ambientalistas e plataformas veciñais como Ecoloxistas en Acción, Stop Eólicos e Ecoloxistas Galicia Atlántica e Verde tamén denuncian, como a CIG e Adega, que a operación transmite «unha mensaxe intimidatoria» sobre os xuíces. «Non hai que descartar que a cidadanía pense que as reiteradas presións políticas e empresariais están detrás do cambio», afirman os portavoces de Ecoloxistas Galicia Atlántica e Verde. Advirten de que iso «pode levar a cidadanía a pensar que se elixen algúns xuíces e xuízas en función do resultado das resolucións xudiciais que se pretenden obter en determinados litixios», e mesmo «socavar a actuación independente dos membros do Tribunal, ao verse intimidados pola ameaza de traslados forzosos ou doutras posibles represalias».

O TSXG, a Xunta e a patronal eólica rexeitan de plano esas acusacións, desacreditan a Villares aludindo a un suposto «vitimismo político» e lembran que «os xuíces non son inamovibles dentro dunha sección concreta». Formalmente teñen razón, aínda que o debate, xurídico pero tamén político, non é se pode haber cambios internos na organización do tribunal, senón como, cando, por que e para que se fan. E aí o calendario importa.

Competencia

A principios de xaneiro deste ano, Recio e Villares competiran pola presidencia da sala do Contencioso-Administrativo do TSXG. Ela gañou o posto, de libre designación polo CXPX, e foi nomeada apenas 15 días despois. Unha das súas primeiras decisións foi asinar o traslado de quen acababa de ser o seu rival.

Villares e Xuízas e Xuíces para a Democracia discuten cuestións de procedemento, falta de audiencia previa, criterios non explicitados e posible desviación de poder. Pero o caso xa transcendeu o meramente corporativo. Porque, no fondo, a polémica non trata só sobre eles, senón sobre quen arbitra conflitos cando o modelo económico dun país depende, cada vez máis, de sectores hiperregulados, intensivos en capital e estreitamente conectados co poder.

Non é a primeira vez que se observa este patrón de presións e represalias dos poderes económicos e políticos do Estado contra xuíces incómodos. Quizais non exactamente do mesmo xeito que no caso de Villares e López, pero si dunha maneira recoñecible. Baltasar Garzón é o símbolo máis evidente, pero tamén están Mercedes Alaya, apartada de facto do corazón do caso dos ERE de Andalucía; ou José Castro, convertido durante anos nunha anomalía xudicial por levar ata o final a investigación do caso Nóos contra a filla e o xenro de Juan Carlos de Borbón. Ou máis recentemente, Nuria Ruiz Tobarra, maxistrada do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Catarroja, en València, que instrúe o caso polas vítimas da DINA. A diferenza é que estes son casos individuais. No caso de Villares e López, a decisión de Recio afectou órganos colexiados desmantelados sen rodeos. E aínda que non son casos idénticos, comparten unha ensinanza: en España, a independencia xudicial celébrase sobre todo cando non incomoda o poder. E aínda que á batalla xurídica polo caso de Villares e López lle queda un longo percorrido —é probable que o Supremo non resolva o seu recurso en menos dun ano ou ano e medio—, o dano reputacional xa está feito. Aos afectados e á institución, pero tamén á Xustiza, con maiúsculas.

Recio e Villares competiran pola presidencia da Sala do Contencioso-Administrativo. Ela gañou o posto, de libre designación polo CXPX. Unha das súas primeiras decisións foi asinar o traslado do seu rival.

Ese é o núcleo do asunto. Non fai falta demostrar unha presión directa para que o sistema produza un efecto disciplinario. Ás veces abonda con que as decisións se encadeen dunha forma suficientemente opaca como para que medio país tire conclusións sobre por que e para que se toman. En Galicia, onde hai poucos fenómenos que teñan unha reputación literaria tan pouco hospitalaria, o vento sempre o explica todo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail