A Coruña.- O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, confirmou a súa intención de nomear para un cargo directivo na Consellería de Política Social e Igualdade a Eloína Núñez Masid, prima carnal do presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, e a quen este promocionou profesional e politicamente con cargos na Administración sanitaria galega e no Partido Popular durante os seus anos á fronte do Executivo galego.
O mes pasado, Luzes-Público desvelou que Núñez Masid, xerente dos hospitais públicos da área sanitaria de Santiago ata febreiro pasado, tramitara dous concursos do Servizo Galego de Saúde (Sergas) por valor de case catro millóns de euros en favor de Eulen, a empresa que dirixe en Galicia e o noroeste de España a súa prima e irmá do líder popular Micaela Núñez Feijóo.
Este martes pola mañá, o BNG anunciou que, a pesar dos vetos do PP, forzaría a apertura dunha comisión no Parlamento de Galicia para investigar esa adxudicación e todas as que beneficiaron a persoas da contorna familiar do líder popular e doutros cargos do partido.
Rueda confirmou esta semana que Núñez Masid será nomeada subdirectora xeral de Envellecemento Activo e Prevención da Dependencia e Innovación Sociosanitaria da Consellería de Política Social, que é, despois do Sergas, a segunda entidade da Xunta que máis adxudicacións entregou ás sociedades do grupo Eulen durante os mandatos de Feijóo.
Ascensos no Sergas e carreira no PP
Eloína Núñez, nacida en Ourense en 1961, igual que o seu curmán, é médica e ten praza de técnico de saúde no Sergas. Foi concelleira do PP nesa cidade e Feijóo nomeouna xerente dos hospitais de Ourense ás poucas semanas de acceder á presidencia da Xunta. En 2017 ascendeuna á dirección dos hospitais de Compostela e O Barbanza, e en 2021 incluíuna na Executiva do PP galego, onde Rueda a mantén.
O pasado 11 de maio, sábado, foi destituída do seu cargo no Sergas despois de que as pacientes de cancro da súa área sanitaria denunciaran nunha rolda de prensa esperas de ata oito meses nas citas para as súas revisións. Pouco despois, a Xunta concedeulle un permiso con soldo de seis meses de duración ao que, segundo a lexislación autonómica, non ten dereito.
O propio Rueda defendeu os seus «méritos» o pasado luns para negar que tivese con ela trato de favor: «Falamos dunha funcionaria que tivo postos de responsabilidade importantes e, por tanto, atesourou unha experiencia importante tamén. Seguro que había outros candidatos posibles, pero tamén seguro que [Núñez Masid] cumpría os requisitos que ten o posto», dixo o presidente en declaracións recollidas polo diario dixital Galicia Press, que anunciou hai días o seu nomeamento.
Ademais das adxudicacións á empresa que dirixe a súa prima e das protestas das pacientes con cancro, Eloína Núñez protagonizou varias polémicas. Os seus hospitais chegaron a ser os que acumulaban as peores listas de espera cirúrxicas de Galicia, con colapsos recorrentes nos servizos de urxencias que despachou expedientando a unha das médicos que os denunciaron. Tamén afrontou varias folgas e protestas dos galenos, con dimisións de varios xefes de servizo incluídas, e durante a epidemia de covid enfrontouse a eles tras culparlles de promover a transmisión do virus por asistir a congresos.
A Xunta non aclarou se Núñez Masid esgotará ou non o permiso retribuído que lle foi concedido nin cando se incorporará ao seu novo posto na Consellería de Política Social, que dirixe Fabiola García e onde traballará nas políticas relacionadas cos maiores.
Protocolo de non derivación de maiores aos hospitais
Nese sentido, a asociación SOS Sanidade Pública criticou o seu nomeamento, que considera «escandaloso» xa que a acusa de ser a xerente dunha área sanitaria do Sergas «que máis claramente deu instrucións ás residencias para impedir que os casos máis graves de covid fosen derivados ou atendidos nos hospitais públicos».
En marzo de 2022, unha investigación de Luzes-Público desvelou numerosos exemplos de nomeamentos, ascensos e destitucións a dedo en organismos públicos da Xunta presidida por Feijóo coincidentes no tempo con adxudicacións a Eulen.
SOS Sanidade: «Eloína Núñez deu instrucións ás residencias para impedir que os casos máis graves de covid fosen derivados ou atendidos nos hospitais públicos»
Despois do Sergas, o organismo da Xunta que máis contratas asignou á sociedade para a que traballa Micaela Núñez Feijóo foi o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, adscrito á Consellería de Política Social e ao que Feijóo cualificou de «chiringuito» antes de obter a súa primeira maioría absoluta en 2009. Durante os mandatos do actual presidente do PP, o Consorcio asignou a Eulen máis de seis millóns de euros en contratos públicos.
O pasado 20 de decembro, o organismo adxudicou a esa empresa o maior encargo que lle fixo ata a data: a xestión de varias residencias e centros de día de maiores por un prezo de máis de 7.250.000 euros en catro anos se esgota as prórrogas legais e as modificacións de ata o 20% do seu orzamento previstas nas condicións de licitación.