Non, este artigo non vai de reguetón, como podería parecer polo título. Pero a pegañenta canción de Becky G, lonxe de facerme pensar, como pretende, en cabaleiros que che abren a porta e che regalan flores, lévame a reflexionar sobre o perfil de home co que algún día terei fillos (se é que os teño, e se é que decido telos en parella… que nunca se sabe).
Explícome. Teño case 28 anos e non quero ter fillos. Non polo de agora. Son nova, malia que a bioloxía me vaia lembrando que xa non tanto, e que se pretendo ter bebés propios non debo esperar dez anos máis. O caso é que, por unha cuestión xeracional, adoito relacionarme afectivamente con homes da miña idade, máis ou menos. Pero a diferenza con respecto a eles é máis que obvia: á meirande parte nin lles pasa pola cabeza ter un fillo nos próximos 5 ou 7 anos. Lóxico. Non teñen ningunha presa.
Pois igual que os homes da miña idade, eu tampouco teño presa ningunha en poñerme a ter bebés (sorpresa!). Excepto por unha cuestión biolóxica, claro. E ese aspecto non é ningunha tontería. Sabémolo todas.
A presión das mulleres que rondamos os 30 por termos fillos cedo é inversamente proporcional ás ganas que teñen a maioría dos homólogos homes en seren papás antes dos 40. Por ese motivo, moitas da miña quinta xa saben o que teñen que facer para ser mamás: emparellarse cun home dez anos maior (ano arriba, ano abaixo) que xa teña na cachola a teima de deixar descendencia.
A bioloxía feminina, sumada á incorporación das mulleres ao mundo laboral e á democratización do lecer, está a motivar unha fenda de intereses entre mulleres e homes na senda dos trinta. E o discurso que impera, totalmente machista, non axuda: «Josito, coidado onde metes a pirola, a ver se vas facer un bombo… E aínda a imos ter!». O que vén sendo un «Josito, non teñas bebés que aínda vas ter que facerte cargo».
Con frecuencia as mulleres de vinte-trintaetantos somos sinaladas pola nosa condición de «buscabebés». Coma se calquer parella nos servise. Coma se non existise unha presión biolóxica.
Pero, non o esquezamos, tamén está esa presión social por cumplirmos coa nosa función «indispensable» de sermos nais. E se non queremos ou non o conseguimos, entón somos defectuosas. Total, para iso existimos, non?
«Parir ou non parir, esa é a cuestión». Pois non, eu non quero ser mamá. Non polo de agora. O que quero é vivir, viaxar, saír de festa ata as 7 da mañá dun martes tonto sen remordimentos de conciencia. Pero de aquí a uns anos, se sigo querendo ser nai, terei que comezar a pensalo en serio. E tanto por discurso como por falta de medidas de conciliación, os homes da miña quinta sairán correndo ao son do tic-tac do meu reloxo biolóxico. E teranme que ir gustando os homes maiores. Digo eu.