A Xunta exclúe ás mulleres das axudas aos traballadores para o coidado de fillos menores

O Goberno galego só bonificará aos homes das familias con proxenitores de distinto sexo que reduzan a súa xornada laboral para coidar dos bebés

A Coruña.- A Xunta de Galicia estableceu unha liña de axudas para os proxenitores que se acollan a unha redución de xornada laboral por coidado de fillos que no caso das familias non monoparentais formadas por persoas de distinto sexo só benefician aos cónxuxes homes. Así se establece nunha resolución da Consellería de Emprego do Goberno de Alberto Núñez Feijóo do pasado 15 de xuño, que o Diario Oficial de Galicia (DOG) fixo pública a principios de xullo.

A resolución da Secretaría Xeral de Igualdade di expresamente no seu artigo 5 que «no caso de unidades familiares non monoparentais, co obxectivo de fomentar a corresponsabilidade, poderán ser beneficiarios os homes que se acollan á redución de xornada laboral»”. No caso de familias monoparentais dun só cónxuxe, a Xunta si considera beneficiaria «á persoa, home ou muller», que desexe recibir a subvención.

As axudas van desde os 1.700 euros que recibirá un pai dunha familia mixta cun fillo a cargo e que reduza a súa xornada laboral entre un 12,5% e un 25%, ata os 3.700 euros que se lle entregarían se tivese tres ou máis descendentes ao seu cargo e minorara a súa xornada entre un 37% e un 50%. O importe global das subvencións é de 575.248 euros para este exercicio orzamentario, e o DOG establece que as axudas poderán ser financiadas ata o 100% con cargo ás partidas do Fondo Social Europeo destinadas a paliar os efectos económicos da crise sanitaria.

O feito de que a Xunta utilice a discriminación negativa privando ás mulleres dunhas axudas que só benefician aos homes para, supostamente, beneficialas, levantou as críticas das asociacións feministas e dos partidos da oposición.

«Non cuestionamos as boas intencións desta iniciativa, pero carece e perspectiva feminista porque acaba discrimnando ás mulleres e dotando de recursos a quen máis teñen», asegura Verónica Hermida, secretaria de Feminismos de Podemos Galicia. «As mulleres que decidan acollerse á redución de xornada terán que asumir unha perda de poder adquisitivo que, no caso dos homes, seralles compensada», conclúe.

María Jesús Lorenzana, conselleira de Emprego / Foto: Xunta

Pola súa banda, a Asociación Petra Maternidades Feministas anunciou que recorrerá a convocatoria das axudas do Executivo autonómico.

A Consellería de Emprego e Igualdade da Xunfa asegura que «en ningún caso se trata e dun programa excluínte», senón que, ao contrario, ten unha «finalidade concreta», que é avanzar na igualdade: «que os homes teñan tamén a posibilidade de implicarse no coidado dos seus fillos e fillas e que o feito de conciliar non recaia de forma exclusiva na muller».

«A finalidade última desta liña de axudas é alcanzar a igualdade entre mulleres e homes a través dos avances no campo da corresponsabilidade. Ten como obxectivo lograr o equilibrio entre mulleres e homes no que se refire ás responsabilidades familiares, para que haxa paridade e igualdade tanto no ámbito do coidado como no de asunción de tarefas domésticas», aseguran fontes da Consellería, que dirixe María Jesús Lorenzana Somoza.

Esas mesmas fontes aclaran que as axudas «teñen en conta os novos modelos de familia» como as integradas por cónyugres do mesmo sexo, aínda que o certo é que recoñecen que as mulleres só poderán acollerse a elas «nos casos en que sexan titulares de unidades monoparentais ou no caso de parellas formadas por dúas mulleres». Se se trata dunha parella formada por un home e unha muller, só o primeiro poderá ter acceso a elas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail