Alcoa e a Xunta sabían desde febreiro de 2025 que o perigo dos residuos da planta de aluminio en Lugo se multiplica cando se seca

A Coruña.- A empresa Alúmina Española SA, propiedade da multinacional estadounidense Alcoa, e a Xunta de Galicia coñecían desde febreiro de 2025 que o perigo dos residuos almacenados no depósito de barros vermellos do seu complexo industrial en San Cibrao (Cervo) podía aumentar de forma significativa se os lodos perdían humidade e acababan convertidos en po en suspensión. Así consta nun informe técnico elaborado pola empresa AGQ Mining & Bioenergy e remitido por Alcoa á Administración galega ese mes con motivo do proxecto de recrecido da balsa de residuos da planta de alúmina e aluminio.

O documento, titulado Informe caracterización de barros roxos como residuo e de máis de 700 páxinas, analiza a clasificación de perigo dos residuos conforme a normativa europea e conclúe que os lodos almacenados poden manterse fóra das categorías máis graves de risco sempre que permanezan nas condicións nas que foron mostreados: húmidos e con escasa capacidade de dispersión. Pero o propio estudo advirte de que esa conclusión está condicionada a que o material non se transforme en po.

As mostras tomadas en xullo e agosto de 2024 presentaban unha humidade media do 38%, polo que os técnicos concluíron que non podían considerarse material particulado seco. «Non poden clasificarse como material particulado seco, senón que corresponden a unha matriz semisólida en forma de pasta», sinala o documento, que engade que «este nivel de humidade xera unha alta cohesión entre as partículas, reducindo significativamente a súa capacidade de dispersión no aire e, por tanto, minimizando o risco de inhalación».

Toxicidade específica e carcinóxena

A partir desa premisa, o informe mantén a clasificación dos barros vermellos como residuos perigosos HP4 (irritantes) e HP8 (corrosivos), pero exclúe as categorías HP5 (toxicidade específica en determinados órganos, especialmente por inhalación) e HP7 (carcinogenicidad). HP son as siglas de hazardous properties, propiedades perigosas, segundo o estándar da listaxe europea de residuos tóxicos que establece a lexislación europea. No caso dos da balsa de Alcoa, os autores do estudo introducen unha advertencia sobre a cualificación que certifican: «A proposta de non clasificación do material como HP5 nin HP7 está condicionada […] ao cumprimento dos criterios de humidade que determinan que o material non pode ser considerado un po, o que exclúe a inhalación como vía de exposición relevante».

O estudo engade que esa clasificación queda ademais vinculada á obrigación de adoptar precaucións específicas para evitar riscos derivados dunha posible dispersión: «Esta clasificación [HP4 e HP8] está suxeita á obrigación do produtor de incluír advertencias específicas sobre as medidas de precaución necesarias para a súa manipulación, co fin de mitigar calquera risco potencial asociado tanto á xeración de material particulado durante o seu uso como aos posibles efectos na poboación circundante derivados da súa dispersión no ambiente».

Imaxe do depósito de lodos vermellos de Alcoa en San Cibrao (Cervo, Lugo) o sábado 4 de xullo / Foto: Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde

O problema que denuncian desde hai anos os colectivos ambientais é precisamente que esas condicións de humidade poden deixar de cumprirse durante os episodios de calor e seca que afectan á comarca. Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde (EGAV), a asociación que denunciou ante a Xunta e o Seprona a emisión de po procedente da balsa, sostén que cando os lodos se secan e o vento arrastra as partículas cambia a natureza do risco ao que se enfronta a contorna.

«O problema é consecuencia directa dun modelo industrial contaminante que leva activo desde outubro de 1980, ano no que se inaugurou a factoría. Máis de 45 anos nos que a poboación, o mar e a terra veñen sufrindo as consecuencias sen unha resposta eficaz por parte das administracións», denuncia a asociación.

Unha balsa tan grande como 160 campos de fútbol

EGAV sostén que a balsa de lodos vermellos, cunha extensión equivalente a case 160 campos de fútbol, forma parte dun impacto ambiental acumulado durante décadas: «As nubes de po tóxico cando sopra o vento, as plantacións cubertas de residuos, o peche de negocios afectados, a degradación da paisaxe e da calidade do aire… Todo isto forma parte do día a día dunha contorna que leva décadas soportando un impacto ambiental constante», afirman os ecoloxistas.

EGAV acusa a Xunta e ao resto de administracións competentes de manter «unha actitude de permisividade e inacción, permitindo que esta situación se perpetúe». A organización achega imaxes do po vermello levantándose sobre a balsa e de bosques, plantacións e vías públicas próximas cubertas por un manto de partículas desa cor. Asegura que os danos á contorna  se estenderon ao gando e ás persoas, que, sosteñen, sufrirían nesa comarca unha incidencia de determinadas enfermidades moi superior á media.

Imaxe de arquivo do depósito de residuos de Alcoa en San Cibrao (Cervo, Lugo) / Foto: Ecoloxistas en Acción

A Consellería de Economía e Industria da Xunta, que dirixe María Jesús Lorenzana, asegura a Luzes-Público que tras as denuncias presentadas por EGAV abriu un período de actuacións previas a través da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas e que solicitou a Alcoa as medicións rexistradas nas estacións de calidade do aire situadas na contorna da balsa, así como os resultados das análises realizadas, aínda que non informou de se os recibiu ou non e de que niveis de toxicidade mostran.

«Xa o pasado ano se lle esixiu a implantación de medidas adicionais para o control do po», asegura a Consellería, que sinala que a compañía incorporou «un novo sistema de recirculación de auga, produtos fixadores, detectores portátiles autónomos de po e seguimento remoto mediante cámaras». O departamento dirixido por María Jesús Lorenzana engade que «continúa aberta a investigación sobre se, á vista dos feitos denunciados, estas medidas están a ser eficaces ou deben ser reforzadas con outras».

Caracterización de perigosidade

A Xunta, con todo, non respondeu ás preguntas específicas que lle fixo este diario sobre se a conversión dos lodos húmidos en po, como recolle o informe que lle enviou Alcoa hai máis de ano e medio, obriga a modificar a caracterización de perigo dos residuos, elevar as categorías de risco e, con iso, os plans de emerxencias, xestión e seguridade e riscos laborais. A Consellería de Economía e Industria tampouco responde a se solicitou a Alcoa unha nova avaliación específica sobre a nova situación.

Alcoa, pola súa banda, non se pronuncia sobre se prevé revisar a categorización de perigo de lodos, pero asegura que «está en cumprimento da normativa de xestión do residuo da instalación, en consonancia co establecido polas autoridades públicas competentes», aseguran fontes da dirección da empresa. «Igualmente, Alcoa está a implementar todas as medidas que lle foron esixidas polas Administracións Públicas e medidas adicionais para evitar a dispersión de po, e, en particular, as establecidas na declaración de impacto ambiental e nas autorizacións pertinentes», engaden.

En canto ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) da Xunta, con competencias na materia a través da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, que dirixe Antonio Gómez Caamaño, e cuxos técnicos participaron no deseño da mostraxe e das análises e estiveron presentes na toma de mostras, non respondeu a ningunha das preguntas formuladas por Luzes-Público sobre se coñece as denuncias, se avaliou os posibles riscos para a poboación, se considera necesario revisar a clasificación de perigo ou se prevé informar os veciños –só entre Cervo e Xove suman 7.500 habitantes empadroados– sobre os riscos asociados á inhalación de partículas procedentes da balsa.

Medio Ambiente tampouco responde

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático –a súa responsable é Ángeles Vázquez– tampouco respondeu a este diario sobre as cuestións que lle expuxo sobre o incremento dos efectos medioambientais dos tóxicos da balsa cando os lodos se converten en po. O departamento remitiuse á Consellería de Economía e Industria alegando que as competencias sobre o depósito corresponden á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas e non á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sustentabilidade.

Tampouco responderon ás solicitudes de información de Luzes-Público os concellos de Cervo e Xove, os dous municipios afectados directamente pola instalación. Este diario tratou sen éxito en varias ocasións de contactar cos seus alcaldes, Dolores García Caramés e José Demetrio Salgueiro Rapa, ambos do Partido Popular, e cos seus respectivos equipos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail