O Papa e a esquerda

Non entendo moi ben esa xente de esquerdas anoxada porque o Papa de Roma viñera visitar as Hispanias. Disque cómpre separar fe e política. Que é absurdo que o portavoz dunha superstición difunda as súas bobadas na sé da soberanía popular. Pero benditos! Seren de esquerdas nunha socialdemocracia liberal como a nosa tamén é só unha cuestión de fe, unha quimera, un imposible, unha andrómena de biosbardos e druídas.

A esquerda é revolución ou non é. A vía democrática non existe porque para gañar unhas eleccións precisas dos cartos e os cretos do capital e da patronal. Non quere dicir isto que avogue eu, como única vía, por guillotinar, fusilar, aforcar ou degolar os explotadores e oligarcas. Abondaría con metelos no cárcere, que razóns non faltan. Pero como os xuíces democráticos son tamén mercadoría deocrática e democrática, empregados destes oligarcas, se tentas tal exercicio de xustiza acabas ti no cárcere, e non o criminal.

Abonda co exemplo do estafador non convicto Juan Carlos de Borbón e o trobador preso Pablo Hásel, que leva seis anos de cárcere por cantalo delincuente. Por non falar dos activistas dos dereitos básicos entrullados por desorde pública. Daquela, non hai diferencia entre que un Papa fale monsergas sobre a santísima trinidade nun Parlamento a que un político de esquerdas latrique sobre liberdade, igualdade e fraternidade no mesmo ámeto.

Outra das malignas coincidencias entre os papas e as esquerdas é que ámbolos dous gozan impartindo sufrires e penas. Este León XIV, por exemplo, puxo ben cachonda á progresía sermoneando contra a codicia dos tecnoligarcas e advertindo contra os perigos da Intelixencia Artificial, que nos aboca a un mundo gobernado por microchips de evidente ideoloxía neonazi. Non sei se Avogados Cristianos ten na súa axenda demandar a ninguén por chamar neonazi a un microchip. Escribir hoxe en día é profesión de alto risco.

O caso é que o pontífice parecía modernísimo e a esquerda de salón reconverteuse en masa á fe cristiá. A piques estivemos de fundar o Partido Comunista Neocatecumenal e trocar A Internacional por Te ofrecemos señor nuestra juventud para o remate dos mítins. Pero deseguido retornou a voz da Santa Inquisición aos beizos do altísimo prelado para falarnos do imperdonable pecado da eutanasia. Quere o papa que agoniemos como deus manda, estordergando de dor nunha camiña de hospital situada nos váteres de sanidade pública, pois non hai leitos nin cartos e todos os patacos acaban nos petos dos menciñeiros quironantes.

O Partido Comunista Neocatecumenal foi entón disolto inmediatamente e escindiuse en catorce siglas que só teñen en común o seu compartido anceio pola unidade da esquerda. Mais o dereito á morte digna era innegociable. A esquerda loitou sempre en favor da eutanasia predicando co exemplo, como proba o feito de que adoita practicala acotío sobre si mesma.

Desde ben noviño, cada volta que un papa visitaba o país sentía eu unha certa fogaxe. E con León XIV, séculos despois, sucédeme o mesmo. Observar os máis conspicuos anticlericais do país sorrindo beatamente e repetindo, sempre, que este ou aquel novo papa si é progresista, mesturaba en min sentimentos de vergoña e carraxe a partes iguais. As gábeas da nosa terra están aínda cheas de cadáveres de homes e mulleres xustos e xenerosos asasinados coa complicidade e o pútrido alento dos ministros da fe católica, inimiga voraz de científicos e mestres, de trobadores e poetas, de mulleres e sexualidades disruptivas.

É coma se cargásemos cun ancestral complexo de culpa por non ser normais e comungables, multíparos e monógamos, temerosos de deus. Négome a falar de papas progresistas. O resumo de tódolos pontífices é que consagran doces hostias consagradas para os fillos do fascismo e aos revolucionarios só nos fostian, que é unha práctica litúrxica moi pouco caritativa. Non aprendemos que só o diaño vela por nós, pois deus eliciu xa hai milenios abondos á súa gavela.


Imaxe de cabeceira: o Papa León XIV durante o seu discurso no Congreso dos Deputados. Fonte: Vatican Media.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail