Outros 20.000 rapaces europeos veñen de gañar billetes de tren para percorrer Europa nos vindeiros meses. Poderano facer dende agosto ata xaneiro. Súmanse ao 14.500 que os conseguiron de balde no outono pasado, e a outros 15.000 en xuño de 2018.
Son europeos, teñen dezaoito anos e queren coñecer o continente onde viven, non o seu país. Porque ese é un dos requisitos para acceder ao miles de billetes sorteados por Bruxelas en tres quendas. É o Discover EU, o Interrail de balde que a UE ofrece dende hai ano e medio para viaxar só ou en pequenos grupos de ata cinco persoas, durante un máximo de trinta días principalmente por tren, aínda que gastos como barcos ou ferris tamén se poderían incluír de seren necesarios. O propósito é claro, fomentar a cidadanía europea.
AUE ofrece dende hai ano e medio o Interrail de balde para viaxar só ou en pequenos grupos de ata cinco persoas, durante un máximo de trinta días, principalmente por tren
Quen non coñece a un estudante que percorreu Europa no verán cos seus amigos? Quen non ten unha curmá, un sobriño, fillas e fillos que fixesen o Interrail? Apareceu nos anos 70 como xeito de animar aos menores de 21 anos a explorar Europa. Hoxe pódense escoller 40.000 destinos en trinta países europeos e cada ano, principalmente no verán, son máis de 250.000 viaxeiros. Agora, parte deles montarán no tren grazas ao Discover EU.
En Italia foi onde máis novos solicitaron as viaxes gratis pola Unión. Máis de 27.000 rapazas e rapaces dese país se apuntaron ao Discover EU, o dobre que en Francia, case catro veces máis que no Reino Unido ou Alemaña. Segundo o criterio de poboación, os catro socios comunitarios con máis dereito á ter prazas neste Interrail. Malta é o que menos, apenas goza de dezanove fronte ás 3.232 xermanas. En toda a UE houbo 95.000 solicitudes, cinco veces as prazas ofertadas.
Italia foi onde máis solicitudes houbo. Máis de 27.000 rapazas e rapaces dese país se apuntaron, o dobre que en Francia, case catro veces máis que no Reino Unido ou Alemaña
O interrail de balde naceu no Parlamento Europeo hai dous anos entre dúbidas sobre a súa eficacia e críticas e porque era «malgastar» o diñeiro da UE. Mais o ano pasado custoulle doce millóns de euros e, neste, a partida ascendeu a outros dezaseis millóns, dentro dun orzamento anual xigantesco de 165.000 millóns de euros. Penauts!!!, como diría un inglés, só unhas moedas para o peto comunitario.
Entre os seus impulsores estivo Manfred Weber, o alemán que hoxe é o candidato do PP europeo para presidir a Comisión. Malia que non é un político carismático nin unha persoa que namore diante da cámara, e co xersei azul de pico co que aparecía no vídeo, o bávaro estaba a anos luz da imaxe tradicional do rapaz que se bota o macuto ás costas, come latas e bocadillos e dorme nunha praia para aforrar os cartos dunha noite de albergue, Weber sacou adiante á proposta.
Hoxe, Discover EU semella xa outro éxito máis, aínda moi pequeno, da UE, outro que sumar á recente eliminación dos custos extra por chamar ou navegar polo móbil dende o estranxeiro, ou ao máis antigo Erasmus. Entón, outro político tomara tamén a iniciativa individual de converterse nun dos seus impulsores, o español Manuel Marín, quen como vicepresidente da Comisión Europea á fronte da carteira de Educación conseguirda sacar adiante no 1987 ese programa estudantil. Preto de dez millóns de universitarios foron Erasmus e, soará incrible, pero xa naceron un millón de bebes europeos dos namoramentos neses intercambios. Igual que co Interrail, alguén non coñece a un Erasmus se é que non o foi el mesmo?
Preto de dez millóns de universitarios foron Erasmus e xa naceron un millón de bebés europeos dos namoramentos neses intercambios
Para os próximos presupostos comunitarios, entre 2021 e 2027, a Comisión quere que o Discover EU beneficie a 1,5 millóns de novos adultos cuns fondos de só 700 millóns de euros, xusto cando se supón que o Reino Unido deixará de ser completamente un tripulante do barco europeo e de participar nos seus programas. Os british máis novos quedarán excluídos destes sorteos ferroviarios.
En tempos de liortas políticas con Trump , euroescepticismo e eleccións ou crises económicas, ás veces os xornalistas que vivimos en Bruxelas, como todos os europeos, esquecemos iniciativas tan sinxelas e atractivas como estas viaxes. E por un mísero custe para as arcas da UE espallan ata o último recuncho do continente o sentimento de pertenza a unha identidade común.
No referendo británico de 2016, preto dun 70% dos votantes entre 18 e 24 anos apostaron pola permanencia na UE. Entre os de 25 e 49 anos foron case un 55%, e a tendencia seguiu baixando ata o 35% dos maiores de 65 anos que quería ficar na UE. Virán derrotas como o Brexit, porén paga a pena axudar a que os máis novos canten de balde dende a xanela dun tren.