A Xunta multiplica por catro desde 2022 os contratos a dedo cos grandes grupos da sanidade privada

A Coruña.- A Xunta de Galicia multiplicou por catro en apenas catro anos a cantidade de diñeiro que entrega mediante contratos rexistrados como menores e que foron adxudicados aos grandes grupos da sanidade privada española que xestionan hospitais, clínicas e laboratorios na comunidade. Nos últimos catro anos, a cantidade elévase a máis de 6.400 euros de media ao día.

Entre Quirón, Hospitales de Madrid (HM), Ribera Salud, Vithas e Recoletas, que administran máis dunha vintena de centros sanitarios en Galicia, facturaron á Xunta entre 2022 e febreiro deste ano 9.748.361 euros, a través de máis de 570 contratos subscritos polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) da Consellería de Sanidade do Goberno de Alfonso Rueda, fronte aos 2.350.019 euros do período comprendido entre marzo de 2018 e finais de 2021. Así o reflicte a información á que tivo acceso Público-Luzes a través da plataforma de adxudicacións da Xunta.

O procedemento da contratación menor establece un máximo de 15.000 euros (18.150 con IVE incluído) para que as administracións públicas poidan eludir o concurso público e adxudicar directamente a prestación de servizos, entre eles os relacionados coa sanidade. Por iso son coñecidas como adxudicacións a dedo. Ademais, preto do 60% da facturación mediante esa modalidade dos grandes grupos sanitarios á Consellería de Sanidade, que dirixe Antonio Gómez Caamaño, tramitouse mediante 39 adxudicacións que superan ese tope. Suman 7,27 millóns que se repartiron Quirón, HM, Ribera Salud e Recoletas.

Vinte contratos de máis de 100.000 euros

En ocasións, a cantidade licitada e finalmente adxudicada multiplica con fartura o máximo establecido na Lei de Contratos do Sector Público para a contratación menor. Segundo a información á que tivo acceso Público-Luzes, polo menos 22 contratos asignados entre 2022 e 2026 a esas compañías superan os 100.000 euros. Oito deles sobrepasan os 250.000 e dous incluso exceden o medio millón de euros.

A Xunta limitouse a dar acceso no seu portal de transparencia ao importe, obxecto xenérico e datas de anuncio de todos eses contratos, pero en ningún dos de maior importe figura a documentación relevante dos expedientes, como as súas memorias xustificativas, pregos de condicións e resolucións das mesas de contratación, nin tampouco as razóns que, no seu caso, xustifican a elección dunha modalidade de contratación non contemplada pola lei para eses importes.

Consultado ao respecto por Luzes-Público, o Sergas asegura que as citadas adxudicacións non son en realidade contratos menores, senón que «responden, principalmente, á prestación de servizos con medios alleos mediante autorizacións de uso», unha figura, segundo o Sergas, «regulada no artigo 74 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de Saúde de Galicia, prevista especificamente na normativa sanitaria», engade o organismo, e que «se emprega, polo tanto, con dito amparo legal». Ese precepto non se refire porén ás autorizacións de uso, senón aos contratos de servizos sanitarios, e non establece excepción ningunha para que poidan adoptar a forma de contratos menores cando o seu importe supera o máximo legal.

O hospital Ribera Povisa, en Vigo / Foto: Ribera Povisa

O Sergas, con todo, reafírmase en que se trata de «facturacións de autorizacións de uso, non sendo contratos menores do artigo 118 da lei de contratos», e que se a súa plataforma de transparencia os recolle como tales é porque «no programa de contabilidade aparecen codificados como gasto menor ao non existir un contrato programa nin unha tipificación propia para esta figura específica da autorización de uso». «Ao ter esa codificación de gasto menor, os pagamentos transmítense con esa denominación ao portal de transparencia e á plataforma de contratación mediante un procedemento automatizado desde o programa contable, non de maneira manual. Constan pois con dita cualificación de «contrato menor» por motivo do código que teñen asignado, aínda que realmente non se corresponden con esta figura», conclúen as fontes do Sergas.

O estudo da información dispoñible si permite deducir que o organismo responsable da sanidade pública en Galicia incrementou notablemente a contratación menor cos hospitais privados desde que as multinacionais se fixeron con eles.

Ribera Salud

O grupo fundado en 1997 en València baixo a cobertura do Goberno autonómico de Eduardo Zaplana (PP), propiedade hoxe da multinacional francesa Vivalto Santé, é o máis beneficiado polos contratos que a Xunta rexistra como menores. Desde 2022 facturou ao Sergas 4.928.423 euros mediante 178 adxudicacións deste tipo, das cales 21, que suman 3,86 millóns, superan os 15.000 euros do máximo legal. O incremento con respecto ao período de marzo de 2018 a finais de 2021 (1,22 millóns) supera o 300 %.

Ribera administra tres hospitais en Galicia, entre eles Povisa, en Vigo, que o grupo adquiriu en outubro de 2019 á sociedade Nosa Terra XXI, propiedade do navieiro José Silveira Cañizares. Povisa mantén desde hai décadas un concerto coa Xunta para facerse cargo de máis de 100.000 pacientes da sanidade pública na área sanitaria de Vigo, por un importe superior aos 195 millóns de euros no período 2025-2026. Á marxe desas cantidades concertadas, Povisa levou desde 2022 máis de 1,03 millóns en contratos que a Xunta rexistra como menores.

O Sergas asegura que tampouco son tales «aínda que figuren codificados deste xeito polo tipo de documento contable tramitado», e que «responden ao pagamento de hemoderivados [elaborados a partir de compoñentes do sangue humano] e ás regularizacións previstas nos propios pregos que rexen o contrato de servizos».

Ribera Salud facturou á Xunta 4,9 millóns de euros desde 2022 mediante 178 contratos sen concurso, dos cales 21, por 3,86 millóns, superan o máximo legal dos contratos menores.

En novembro de 2020, Ribera fíxose con outro hospital privado en Galicia, a clínica Polusa, en Lugo, ata daquela propiedade da familia Lence, dona dun dos máis importantes grupos lácteos da comunidade. Baixo propiedade dos Lence, o centro apenas obtiña contratos sen concurso da Xunta –14.700 euros entre marzo de 2018 e novembro de 2020, menos de 460 euros ao mes de media–. Desde que Ribera o comprou, esas adxudicacións disparáronse: 3,72 millóns, é dicir, máis de 50.000 euros mensuais. A partir de 2023 son polo menos 15 por enriba dos 15.000 euros do máximo legal. As dúas últimas, anunciadas polo departamento de Antonio Gómez Caamaño en outubro de 2024 e abril de 2025 baixo a epígrafe «Concertos con entidades privadas», ascenden a 704.158 euros e 846.677 euros, respectivamente.

A última adquisición de Ribera en Galicia foi o hospital Juan Cardona de Ferrol, que comprou en xuño de 2021 á Fundación Santo Hospital de Caridade, unha organización benéfica que ata daquela obtiña da Xunta unha media duns 2.200 euros ao mes en contratos menores. Desde esa data, a facturación por ese concepto elevouse ata os 4.200 euros mensuais, e suma 1,9 millóns desde entón ata agora.

Luzes-Público dirixiuse a Ribera para interesarse tanto polo incremento da súa facturación á Xunta como polo uso da modalidade da contratación menor en adxudicacións por importes que superan o máximo legal. A empresa asegura que todos os contratos «se tramitaron en todo momento conforme á normativa e aos procedementos establecidos». «Trátase de actuacións que responden a necesidades asistenciais concretas do Sergas dentro do marco de colaboración habitual entre a sanidade pública e os centros concertados, e sempre baixo os criterios e supervisión da Administración sanitaria», afirman fontes da compañía, que engaden que «a evolución no volume de contratos responde precisamente a esa maior actividade asistencial e á capacidade» dos seus centros «para dar resposta ás necesidades do sistema en cada momento».

Quirón

A compañía propiedade da multinacional alemá Fresenius é a segunda máis beneficiada polos contratos menores da Xunta, que pasaron dos 530.000 euros do período 2018-2021 a máis de dous millóns entre 2022 e a actualidade, cun incremento de case o 280 %. As tres filiais de Quirón en Galicia que dispararon a súa facturación por ese concepto son IDCQ Hospitales y Sanidad SL, que a aumentou un 456 % ao pasar de menos de 260.000 euros a máis de 1,44 millóns; Instituto Policlínico Santa Teresa –de 100.000 euros a 353.000, un 252 %– e Quirón Prevención Hospitales y Sanidad SL –un 27 %, desde os 170.000 euros en contratos menores entre 2018 e 2021 aos 217.000 entre 2022 e xaneiro de 2026–.

Un dos hospitais de Quirón na Coruña. / Foto: Quirón Salud

Dez dos 348 contratos que a Xunta adxudicou sen concurso desde 2018 ás empresas de Quirón superan o tope máximo legal da contratación menor. Seis multiplícano case por dez e superan os 150.000 euros. Os máis elevados ascenden a 321.893 e 306.111 euros.

Luzes-Público dirixiuse a Quirón para coñecer a súa versión sobre estas cuestións, pero non recibiu resposta.

Hospitales de Madrid

A empresa da familia Abarca Cidón xestiona sete centros sanitarios en Galicia. O que máis contratos cualificados como menores na plataforma da Xunta obtivo é o hospital HM Modelo da Coruña, que adquiriu en 2014 e que pasou dos 98.600 euros por esa modalidade no primeiro período a máis de 383.000 no segundo –un incremento próximo ao 290 %–. Dúas desas adxudicacións, publicadas pola Consellería de Sanidade en febreiro e marzo de 2025, superan amplamente o tope legal para os contratos menores: 278.282 euros e 70.365 euros, respectivamente, con IVE incluído.

A outra filial de HM en Galicia que obtivo contratos menores da Xunta é o Instituto Policlínico La Rosaleda, de Santiago de Compostela, que o grupo comprou en outubro de 2016. Apenas facturou cantidades relevantes mediante esa modalidade: seis contratos por algo máis de 5.300 euros entre 2018 e 2021 e ningún desde entón.

Luzes-Público púxose en contacto coa dirección de HM para pedir unha valoración do aumento desas cantidades: «Non entramos a facer valoracións sobre o incremento ou non da actividade concertada polo Sergas, pero si debemos aclarar que non é a través de contratos menores», indican fontes da empresa.

Os seus portavoces explican que o Hospital HM Modelo asinou en 2020 «un contrato para a prestación de asistencia sanitaria especializada cunha duración bianual máis tres prórrogas anuais», pero aseguran que os importes citados «non gardan relación con contrato menor ningún, senón co contrato asinado en 2020 co Sergas».

Recoletas Salud

O Grupo Recoletas Salud é propiedade do empresario valisoletano Amando Rodríguez, que a través da sociedade Red Hospitalaria Recoletas SL adquiriu a finais de 2022 e principios de 2023 os hospitais Cosaga e El Carmen, ambos en Ourense, para os que creou ademais unha unión temporal de empresas (UTE). Desde entón, as tres sociedades incrementaron a súa facturación á Xunta un 689 %, ao pasar de 212.521 euros en contratos do Sergas entre 2018 e finais de 2021 a 1.678.504 millóns entre 2022 e febreiro de 2026.

Hospitales Cosaga SL, que entre 2018 e 2021, cando era unha cooperativa, non obtivera nin un só contrato rexistrado como menor polo Sergas, obtivo 14 adxudicacións por 456.184 euros no período seguinte, cando xa estaba en mans da compañía de Rodríguez. No caso de Centro Médico El Carmen SA, obtivo 212.521 euros no primeiro período. Despois de que Recoletas a comprase, facturou 816.209 euros nos últimos catro anos. A UTE Cosaga-El Carmen non recibira adxudicacións ata este ano, no que só entre xaneiro e febreiro leva 406.110 euros.

O hospital Cosaga de Ourense, propiedade do grupo Recoletas / Foto: Recoletas Salud

Dos 84 contratos subscritos desde 2018 polas filiais de Recoletas en Galicia e rexistrados na modalidade de contratación menor pola Xunta, 19 superan os 18.150 euros con IVE do tope legal. Suman 1,4 millóns de euros e sete superan os 50.000 euros.

Público-Luzes dirixiuse a Recoletas Salud para obter unha valoración sobre o relatado neste artigo, pero non obtivo resposta. En canto ao Sergas, sostén que as facturas con Centro Médico El Carmen SA e Cosaga en 2026 son pagamentos que «foron tramitados mediante ADOK [un documento contable único que se emprega para simplificar a xestión en operacións onde se cumpren simultaneamente todas as fases da adxudicación]» e que por iso «aparecen como [contratos] menores cando se trata de pagamentos dentro doutro acordo marco».

En canto aos de 2024 e 2025, correspóndense, segundo o Sergas, «ao período previo á adxudicación do acordo marco» anterior, «tramitándose os correspondentes ADOK para pagamento das facturas dos servizos amparados polas autorizacións de uso», unha figura, segundo a Administración sanitaria, «prevista legalmente» e que «deixou de empregarse no momento en que se adxudicou o contrato licitado mediante acordo marco».

Vithas

Vithas é propiedade da familia Gallardo a través do holding de investimentos Goodgrower, e ningunha das adxudicacións sen concurso que obtiveron da Administración galega as súas filiais Vithas Hospitales SL e Vithas Lab Análisis Clínicos SL nos últimos oito anos supera os límites legais da contratación menor. Pero ambas viron incrementada notablemente a súa facturación coa Xunta mediante esa modalidade. No primeiro caso, un 206 % nos períodos analizados –de 206.000 a case 630.000 euros–, e no segundo, un 45 % –de 77.000 a 112.000 euros–. A empresa tampouco quixo valorar ese aumento.

Na súa resposta a Luzes-Público, e malia descartar que exista irregularidade ningunha no aumento da contratación menor cos hospitais privados nin no uso desa modalidade para adxudicacións que superan o límite legal, o Sergas afirma que «está traballando nos últimos anos para proceder á licitación destas prestacións mediante procedementos da lei de contratos do sector público, existindo diversos exemplos de expedientes recentemente adxudicados e en execución».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail