Os traballadores da CRTVG volven á folga no arranque da campaña contra a manipulación do PP

A Coruña.- O persoal da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) celebrará este venres a súa quinta xornada de folga en defensa dos dereitos e a dignidade dos traballadores e contra os abusos e a manipulación informativa dos que responsabilizan á dirección, á que acusan de poñer os medios de información públicos ao servizo do Partido Popular.

A protesta, que nas catro xornadas anteriores logrou que non puidesen emitirse varios dos programas emblemáticos da radio e a televisión autonómicas, coincide co arranque da campaña electoral das eleccións municipais do 28M e con outro venres negro, a protesta que o persoal da corporación leva desenvolvendo desde fai case cinco anos contra o uso partidista da Televisión de Galicia (TVG) e a Radio Galega.

Os profesionais reclaman á dirección, que encabeza Alfonso Sánchez Izquierdo, que deixe de facer ese uso partidista dos medios públicos; que cese na súa actitude autoritaria e represiva contra os traballadores; que devolva aos seus postos aos catro xornalistas sometidos a traslados forzosos por expresar críticas contra a manipulación ou contra Alberto Núñez Feijóo e o seu sucesor, Alfonso Rueda; e que aplique de inmediato a lei galega do audiovisual.

Feijóo e Sánchez Izquierdo, nunha imaxe de arquivo / Foto: TVG

Esta norma, impulsada polo propio PP e aprobada polo Parlamento de Galicia en 2011, contempla que sexa esa Cámara a que elixa o director xeral da CRTVG por unha maioría cualificada, que os populares non teñen, así como a creación dun consello independente de informativos que vele pola pluralidade e a neutralidade nos seus programas e emisións.

Manifestación fronte ao Senado

A folga foi convocada polo Comité Intercentros da CRTVG, do que forman parte varios sindicatos, entre eles a maioritarios CIG, CUT, CCOO e UXT. Estivo precedida por unha manifestación o pasado mes de novembro en Santiago, secundada por miles de persoas. Na cuarta xornada de paro, o pasado 25 de abril, os traballadores viaxaron a Madrid para protestar fronte á sede do Senado, onde Alberto Núñez Feijóo, expresidente da Xunta e líder do PP, ocupa un escano por designación autonómica.

O Comité asegurou este mércores nun comunicado que fixo coincidir a folga co arranque da campaña do 28M -repetiraa o mesmo día das eleccións- «co obxectivo de favorecer que en cada acto electoral que se celebre en cada municipio galego se difunda e se informe á cidadanía do país da grave situación que atravesan os medios públicos de comunicación de Galicia».

Mayte Cabezas, xornalista represaliada da tele pública galega tras criticar a Feijóo: “Prefiren xente dócil e sen criterio”

Tamén alerta de que o clima laboral ao que están sometidos os traballadores provocou un elevado índice de baixas médicas que fan necesaria a realización dun estudo psicosocial destinado a coidar a saúde dos empregados.

Alfonso Rueda, nunha entrevista na TVG / CRTVG

Luzes-Público tentou sen éxito solicitar a versión da dirección da CRTVG, que ao peche deste artigo non respondera. Baixo a dirección de Sánchez Izquierdo, nomeado a dedo por Feijóo nada máis chegar ao poder en 2009 e cuxo cargo debería ser renovado hai case doce anos, o ente público autonómico acumula centenares de sentenzas en contra por vulnerar os dereitos fundamentais e laborais dos seus traballadores.

Nunha recente intervención na Comisión de Control da CRTVG, o director xeral achacou a folga ao uso tamén partidista que, ao seu xuízo, fai o Comité Intercentros dese dereito, e á proximidade das eleccións.

Condenas por vulnerar dereitos fundamentais e laborais

Aínda que en varias ocasións a CRTVG foi condenada por tentar rebentar as folgas con servizos mínimo abusivos e por vulnerar a pluralidade e neutralidade informativas a favor do PP en campañas electorais, os traballadores tamén acusan á dirección de impoñer outra vez servizos mínimos que vulneran o seu dereito á folga.

«Consideran como información esencial todos os contidos que eles mesmos se encargan de definir así con independencia da súa relevancia real», asegura Santiago Alvite, presidente do Comité Intercentros, quen advirte de que esa táctica permite ademais á dirección non contabilizar como folguistas aos traballadores que os cobren, nin tampouco aos que están de baixa. «Eles falan dun 30% de seguimento cando en realidade é de máis do 70%», apunta.

O presidente do Comité Intercentros asegura, con todo, que o compromiso do persoal coa folga «é firme», polo que manifestou a súa confianza en que, como sucedeu nas xornadas anteriores, lograrán «parar toda a programación non esencial» de TVG e RG. «A potestade da dirección ten límites, e estes son os dereitos dos traballadores e o dereito dos cidadáns para estar informados».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail