O deputado Pablo Arangüena denuncia o proxecto para peonalizar con fondos europeos o tramo de estrada no que viven o presidente da Deputación Provincial de Ourense e varios dos seus parentes
A Coruña.- O deputado autonómico socialista Pablo Arangüena presentou unha iniciativa no Parlamento de Galicia na que reclama á Xunta que paralice a obra de construción dunha senda peonil no municipio ourensán de Esgos, no tramo que comunica a vivenda do presidente da Deputación Provincial e do PP de Ourense, Manuel Baltar, coas de varios dos seus familiares, entre eles o seu pai, os seus sogros e a súa cuñada.
Segundo informou Luzes-Público, a Consellería de Infraestruturas do Goberno de Alberto Núñez Feijóo anunciou o pasado 18 de abril que ía construír tres quilómetros de sendas peonís en dous tramos da estrada OU-536, un dos cales, o de Esgos, dun quilómetro de lonxitude, corresponde ao treito que comunica o palacete no que vive Baltar cos chalés de varios dos seus parentes.
Segundo o proxecto da Consellería de Infraestruturas, que dirixe Éthel Vázquez, o citado tramo comeza xusto na vivenda do seu pai, José Luis Baltar, expresidente da Deputación e do PP provincial ata que cedeu ambos os cargos ao seu fillo.
A obra, orzada en 1,1 millóns de euros que financiará nun 80% o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, inclúe dúas escalinatas de acceso á casa de Baltar pai, xunto á que se atopa a nave onde garda a súa colección de coches clásicos e de alta gama.
«Chama poderosamente a atención que dos 71 quilómetros que ten a estrada entre Ourense e Pobra de Trives sólamente vaian peonalizar tres quilómetros, e que deles un kilometro sexa precisamente o que comeza na porta da casa do señor Baltar e que pasa xustamente por diante das dos seus familiares, que quedan perfectamente comunicadas», advirte Pablo Arangüena.
«A Xunta está a facerlle unha obra a medida á familia Baltar con diñeiro público», engade o deputado socialista. Arangüena engade que a obra «ten unha relación custo-beneficio moi negativa excepto para o presidente da Deputación».
Esgos, un municipio de 1.300 habitantes do que Baltar fillo é tamén concelleiro, está situado a vinte quilómetros da cidade de Ourense, á que está unido pola OU-536. O tramo que peonalizará a Xunta é un dos máis despoboados da estrada ata o núcleo de Esgos.
Ademais das escalinatas á casa de Baltar pai, a obra da Xunta non prevé só o mero acondicionamento de beirarrúas, senón a construción e asfaltado de senllas de dous metros de ancho mínimo con cuneta revestida, elementos de separación para os peóns como bordos e sebes de vexetación natural, preinstalación de iluminación pública e marquesiñas de espera. En total, máis de 366.000 euros por quilómetro.
A asociación Ribeira Sacra Denuncia advertiu de que o proxecto supoñerá ademais unha diminución na seguridade do tráfico rodado nese treito, debido a que obrigará a reducir a anchura dos carrís da estrada.