Marcial Dorado sobre Feijóo: «Que non escape, que sexa valente»

Dous meses antes de que Feijóo pretenda convocar eleccións autonómicas en Galicia, a sombra de Marcial Dorado e unha das polémicas máis críticas da súa carreira política volven salpicalo. Sete anos despois da publicación da súa soada foto, a versión do narcotraficante sobre a relación e o fin da súa amizade contradí a do presidente da Xunta en Lo de Évole.

Jordi Évole entrevistou o narcotraficante galego Marcial Dorado. A data de emisión do programa sería o 15 de marzo e coincidiría coa campaña electoral galega, pero a crise da Covid-19 impediu a celebración dos comicios autonómicos. Antes de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, convoque eleccións en xullo para renovar o seu mandato na Xunta, a relación con Dorado volve incomodar o escenario político do mandatario.

A Marcial Dorado detéñeno en 2003 e, aínda que afirma que non lle gusta dar entrevistas, accede a un encontro con Jordi Évole, a primeira vez que se escoita da súa boca a relación co presidente da Xunta. Leva 13 anos no cárcere, pasou por 22 prisións, foi condenado por narcotráfico, branqueo de capitais e por suborno a dous axentes da Garda Civil. Aínda así, Dorado nega ser narcotraficante, e asegura que, de selo, «sería dos bos» e «non estaría no cárcere».

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

Ademais da súa actividade coas drogas, Dorado é coñecido pola súa relación de amizade co presidente da Xunta e por unhas fotos de 1995 publicadas en El País en 2013, onde se lles ve a ambos nun barco. Este feito marcaría a imaxe do actual líder autonómico ao vinculalo cun dos narcotraficantes máis populares das Rías Baixas. En canto ás fotos, Feijóo recoñeceu en Salvados que eran «difíciles de explicar» e que tivo que dar «moitas explicacións» sobre as mesmas. Agora tenta esquivalas coa escusa de que as imaxes teñen máis de 20 anos. E é que, durante a década dos 90, Feijóo e Dorado compartiron unha amizade, con viaxes a Ibiza, Portugal ou os Picos de Europa.

«Entre o señor Dorado e eu non hai nin unha amizade estreita nin ancha, nin unha relación directa, coñézoo a través dun compañeiro da Xunta de Galicia. Cando o coñecín non sabía da súa actividade nin nada», manifestou Feijóo ante os medios de comunicación cando o retrato saíu á luz. Dorado dixo que si o consideraba o seu amigo, e que, nese momento, o presidente «non estaba a falar co corazón senón co cerebro de político».

Na entrevista con Évole de hai dous anos, Feijóo conta que descoñecía os asuntos de Dorado aínda cando o arousán ocupou múltiples portadas de xornais galegos nunha época sinalada para o narcotráfico na comunidade, cando os grandes do contrabando de tabaco se pasaron á cocaína: «Vostede cre que se eu soubese isto… que gañaba eu», dixo Feijóo. Dorado percibiu a actuación do presidente e alegou: «Empáchase dunha maneira… Non soubo saír, púxose moi nervioso e non tiña por que». Cre que Feijóo non ten que arrepentirse, porque «nunca» falaron da súa actividade, asegura que «xamais» fixeron negocios e que non financiou ao PP galego con eles.

Aínda que o presidente lle reste importancia cada vez que os medios preguntan sobre a súa relación con Dorado, as contradicións tras a versión achegada na entrevista descobren que aínda queda moito por saber e que a verdade se descoñece. O presidiario asegura que a última vez que falou con Feijóo foi ao redor do 2000, con todo, o barón galego declarou ante os medios de comunicación que foi en 1997 cando rompeu relación, tras coñecer a actividade do seu compañeiro penado pola Xustiza.

Fotograma da entrevista en Lo de Évole

O condenado conta a Jordi Évole que ao redor de 2000 ou 2001 deixan de ser amigos e que é el o que decide distanciarse porque Feijóo «está moito en política». A última vez que se viron, segundo a versión do arousán, é o actual presidente quen o chama porque «é empresario» e quedaron. Agora, se o líder do PP galego entrase pola porta e se atopase con el, Dorado di que o «entendería» e que Feijóo «escaparía».

Considera que as fotos saíron para «queimar» a imaxe do mandatario autonómico sendo el «o sacrificado». Conta que foi condenado para «danar» a Feijóo e que cando as imaxes se publicaron denegáronlle os permisos penais. Segundo el, a foto tardou tantos anos en saír porque había que esperar a que estivese imputado para poder dicir «Feijóo, amigo dun narcotraficante».

Dorado revela que tivo visitas de ministros «mandados» do PP de Madrid para «lanzar merda» sobre Mariano Rajoy e Feijóo. Así mesmo, relata que, en 2005, por un recado dun ministro do PSOE, fixéronlle chegar que se facía unhas determinadas declaracións apartaríano do cárcere.

Na actualidade, o pontevedrés arrepíntese de venderlle un barco a Roberto Leiro, o mesmo onde se atoparon 6 toneladas de cocaína e polo que foi procesado. Dorado, segundo conta, está «en contra» do narcotráfico, e cre que todo é unha «vendetta», unha «trampa». Pensa que hai unha man negra detrás e que queren condenalo desde hai moitos anos. Sostén que todos os millóns en Suíza e paraísos fiscais «non son unha barbaridade» e que proveñen de negocios legais.

No caso de que poida votar nas próximas eleccións autonómicas, apostará por Feijóo. «Terei que votar ao que non é o meu amigo», responde a Évole, e recoñece que de haber outro candidato «coa honradez» do barón galego, o votaría. Despois de todo, ten claro que Feijóo era o «destinatario» do seu «lixo» e que desexa ser lembrado como «o fillo de Ramona», o que se foi á Illa de Arousa con sete anos.

Fotograma da entrevista en ‘Lo de Évole’

Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.
cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail