O 30 de abril de 1985 un pequeno grupo de galegas pechámonos en Lavacolla reivindicando o dereito das mulleres a decidir sobre o noso embarazo «aquí e non no estranxeiro»k, bloqueamos a saída dun avión a Tenerife e fomos desaloxadas pola policía. Uns meses despois, en xullo, aprobábase a primeira lei do aborto.
As señoras maiores do feminismo lembramos –e as novas lemos ou podemos ler– a historia do movemento, e desa historia podemos tirar aprendizaxes para encarar as novas realidades e obxectivos, lonxe do adanismo que ameaza sempre os movementos que medran rapidamente. Como naqueles debates binarios entre o feminismo da igualdade e o da diferencia que alimentaron a diversidade interna do movemento nos anos 70 e 80 do século pasado en España e tamén en Galicia, semella agora necesario escoller bando entre quen defende un feminismo identitarista cun suxeito político case biolóxico, e quen concentra o foco na reclamación do exercicio por igual dos dereitos de cidadanía aos que aínda temos un acceso limitado. Malia todo, e como daquela, unhas e outras, e tamén as que temos máis preguntas que respostas, recoñecémonos como feministas.
Cada persoa de esquerdas considera a súa (e só a súa) a verdadeira maneira de ser de esquerdas e combate, dentro do espazo, pola hexemonía desa súa verdade. Sentimos esa presión no espazo do feminismo
Lakoff explica a segmentación do espazo político da esquerda co argumento de que cada persoa de esquerdas considera a súa (e só a súa) a verdadeira maneira de ser de esquerdas e combate, dentro do espazo, pola hexemonía desa súa verdade. Sentimos esa presión no espazo do feminismo. Na competición por ser a verdadeira feminista, a máis feminista, nun proceso de clarificación ou decantación que reduce o conxunto en vez de amplialo, con descualificacións e exclusións sumando no armamento da batalla dialéctica. As posicións TERF, defendidas dende unha parte do movemento, son unha mostra deste proceso centrifugador que se atribúe a capacidade de dar a etiqueta feminista, incluso a etiqueta muller, con discursos como que «as persoas trans non poden ser feministas porque non son mulleres»… Así semella que non somos feministas se defendemos o dereito das traballadoras sexuais a sindicarse, se consideramos un avance da paridade a custodia compartida, se criticamos o carácter penalista das políticas contra a violencia machista ou se pensamos que se debe regular a xestación subrogada. Debates todos eles, entre outros, presentes dende hai tempo no seo do movemento feminista e que non impediron a unidade de acción, o medre da conciencia que vimos estes anos nas mobilizacións do 8M.
Semella que non somos feministas se defendemos o dereito das traballadoras sexuais a sindicarse, se consideramos un avance da paridade a custodia compartida, se criticamos o carácter penalista das políticas contra a violencia machista ou se pensamos que se debe regular a xestación subrogada
Dende 2006 as Andainas participamos en encontros e debates organizados dende a publicación do manifesto «Un feminismo que tamén existe», promovido por un grupo de activistas históricas, críticas coa orientación maioritaria do feminismo español. Nestes encontros xuntámonos persoas diversas, organizadas ou non (varóns CIS incluídos dende hai uns anos) procedentes de varios territorios do reino de España. Militantes feministas de toda idade e xénero a aprender e compartir, a coñecer novas ideas e iniciativas, analizar problemas e poñer en común propostas de acción. Nesta ocasión reflexionamos ao redor do suxeito político e ideolóxico do feminismo e as alianzas necesarias para continuar medrando, e dándolle outra volta ao dilema entre pracer e perigo que entraña a sexualidade.
Chamounos a atención unha sensación que se transmitiu en varias intervencións: a de participar nunha reunión clandestina para protexer as participantes desas etiquetas excluíntes. Non somos un grupo de arribistas, non acabamos de chegar, non somos irreflexivas nin intolerantes, non poñemos en perigo a loita das mulleres porque cuestionemos as tendencias mainstream. No propio encontro tiñamos unha foto da diversidade interna que enriquece o movemento e na que nos recoñecemos: aquelas que paramos o avión de Lavacolla e todas as que nos fomos incorporando co paso dos anos. Unha diversidade que precisamos articular, incorporar, facendo un esforzo de debate non sectario, como é tradicional na nosa historia. E así reivindicamos a alianza da diversidade interna do feminismo, lonxe da linguaxe bélica da competición pola hexemonía e máis a carón do debate e a busca de consensos á altura do tempo ilusionante, complexo e perigoso que nos toca xestionar.