Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
Na última sesión de control, o mércores 9 de maio, o presidente do Goberno español afirmou que unha deputada galega «dedica su tiempo de asueto a romper retrovisores de coches».
No Congreso dos Deputados, no «templo» da democracia española, Mariano Rajoy mentiu gravemente e calumniou a unha representante do pobo, membro do Parlamento galego. E fíxoo adrede. É dicir, mentiu con solemne vileza, con iso que en termos xurídicos se denomina «aleivosía».
Estas foron exactamente as súas palabras: «Una diputada de mi pueblo, mi pueblo es Galicia, que es de Podemos, que dedica sus merecidos tiempos de asueto a romper espejos retrovisores de personas que tienen la osadía de aparcar sus coches en las calles por las que ella transitaba» (Europa Press, 9 de mayo de 2018).
Mariano Rajoy replicaba así ás acusacións de corrupción sistémica no seu partido.
É verdade que hai máis de 900 cargos do Partido Popular imputados por corrupción, con arredor de 150 investigacións abertas en Galicia.
Non é verdade que ningunha deputada galega rompera retrovisores.
Paula Quinteiro, a quen se refire, non rompeu ningún retrovisor. Nin intentou rompelo. Nin adrede nin por accidente. Nin de bromas nin de veras.
Paula Quinteiro, viguesa de 28 anos, diplomada en Enfermería, é membro do Parlamento galego, elixida na candidatura de En Marea pola provincia de Pontevedra en 2016.
Mariano Rajoy, santiagués de nacemento, de 63 anos, Rexistrador da Propiedade, leva ocupando cargos políticos no Estado español dende 1981. Agora, a máis alta responsabilidade na Presidencia do Goberno.
Non coñezo persoalmente, nin teño ningunha relación, nin con Mariano Rajoy nin con Paula Quinteiro.
Pero agora sei que Mariano Rajoy é un mentireiro.
En Galicia sábeno todos.
O presidente do Parlamento galego. O presidente da Xunta de Galicia. Deputadas e deputados de todos os partidos. Os responsábeis municipais de todos os lugares por onde pasa Paula Quinteiro nos tempos de asueto ou de traballo. O persoal da Xustiza e os funcionarios das diferentes policías. O valedor do Pobo. Xornalistas e comentaristas de todos os medios de comunicación de Galicia.
Todos saben que Paula Quinteiro non rompeu ningún retrovisor.
Paula Quinteiro non cometeu ningún delito. Paula Quinteiro non está a ser investigada por ningún delito. Toda esta historia deriva dunha manipulación noxenta dun incidente na noite do 17 ao 18 de marzo no que Paula Quinteiro se limitou a identificarse como parlamentaria cando uns coñecidos seus estaban retidos por unha dotación da Policía Local de Santiago. Tampouco ningunha desas persoas foi acusada ou inculpada por rotura de retrovisores. Entre as funcións dos parlamentarios electos está a de intentar mediar en caso de estar presentes cando se produce un conflito.
Todos saben que Paula Quinteiro non anda a romper retrovisores.
Todos saben que Mariano Rajoy mentiu.
Pero todos calan.
Nin sequera o presidente do Parlamento de Galicia tivo até o de agora a mínima coraxe de saír en público e dicir ben claro, a quen queira oír, que nin Paula Quinteiro nin ningún representante electo do pobo galego andan a romper retrovisores.
Que vergoña.
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán