Matilda e a Ciencia da Costura: nesgos no tecido

24 pensamentos sobre o entrelazamento ciencia-literatura-sociopolítica-arte, a xeito de calendario de Advento de 2025. Homenaxeando tanto as 24 sekki ou microestacións do Calendario nipón (con 72 kō en total, procedentes de antigos tratados de astronomía chinesa), como os Mintireiros Verdadeiros e outros calendarios agrícolas da Galiza, coa súa curiosidade polos cambios sutís nas estacións. Porén, máis que Xeórxicas virxilianas, Uránicas da Urania, os ceos e as súas correlacións terrestres, pois somos un pouco fillas rosalianas do asombro.

 

19 de Decembro

✨ De todos os planetas posíbeis- e van máis de G000 exoplanetas detectados, claro que non todos habitábeis-, tocouche este; de todas as épocas, velaquí. E aínda así, quéixaste porque non che fan o casiño que cres que che deben. A vida faiche caso. De verdade que si.

O Sol saíu ás 09:04 h e púxose ás 18:00 Estaba tan preto o solsticio que o movemento solar en declinación era case nulo. Helios, Ra, Amaterasu, Belenus… a piques todos de se deter no ceo.

☾ A Lúa era filigrana. Sorriso de gato de Cheshire. Ao día seguinte, plop, desaparecería. Era unha oportunidade para ver a vella lúa nos brazos da nova, ese fenómeno de luz reflectida polo noso planeta Terra (o Earthshine ou luz cincenta) que torna visíbel o lado escuro. Seguro algunha vez te preguntaches por que en ocasións ves unha Lúa crecente cunha sombra que a completa en gris. É porque o noso planeta actúa de espello. O que ves é un cacho directamente iluminado (o crecente) e o resto indirectamente iluminado, coa luz rebotada da Terra.

🍂 Calendario microestacional do Xapón: Últimos días do salmón. Na Galiza entrariamos, seica, no tempo do «orballo cuántico». Esa chuvia que non cae, senón que está ocupando todo o espazo probabilístico ao teu redor sen mollar o chan, pero enchoupando os ósos. No calendario chinés están no terceiro e último hou (período de cinco días) do termo solar Daxue (大雪, «A Gran Neve»). No momento de maior dureza climática, o mundo exterior semella paralizado e silencioso baixo o xeo.

☪ Calendario Islámico: era 28 de Jumada al-Thani de 1447.

🇫🇷 Calendario Revolucionario: foi 29 de Frimario, día da Oliva (Olive). Enerxía a piques de. A aceituna é unha pequena batería solar para tempos asolados.

⚓ O Mintireiro Verdadeiro: ese día era San Nemesio e, por se resultase un santo remoto, eu si coñecín unha Nemesia. Un nome interesante, que alude á Némese, á vinganza. Pero o máis relevante dun 19 de Nadal calquera é a súa natureza de Véspera de Vésperas. Todo é vesperancia. E quen vespera non desvespera. Na cosmoloxía, sería a Época da Recombinación: o universo arrefriou abondo para que os electróns e protóns se coñecesen, pero aínda non se acenderan as primeiras estrelas. Día para prensar o aceite, acender lámpadas e desafiar a entropía con calorías vexetais.

🎨 Pangalaicotone do día: Violeta de Invisibilidade (Matilda Violet)

Nun arco da vella non oficial o Violeta Matilda é unha frecuencia que o ollo afeito á autoridade non procesa ben. A cor da tinta que se borrou nos índices, a sombra que proxectan os grandes bustos de bronce sobre as mulleres que lles serviron de andamiaxe. Unha cor que nos ensina que a visibilidade é, moitas veces, unha trampa de luz. Porque, ao final, o asombro non é o que nos din que miremos, senón o que descubrimos cando equilibramos as luces coas que outros fixeron fogonazo.

Supernova Casiopea A, Cas A, bordada en punto escocés pola astrofísica Cecilia Payne-Gaposchkin, 1972

 

Matilda e a Ciencia da Costura: nesgos no tecido

Ou como o sistema cultural funciona estilo obradoiro de costura con luz escasa, tesoiras afiadas para algúns e un patrón que se repite desde hai séculos.

para quen segue cosendo e para quen le con contafíos

 

Gusto, Desgusto, Amor, Carta e Declaración. Un por cada picada nun dedo da man, empezando polo polgar. Mamá repítemo aos 10 anos, cando no colexio feminino de monxas nos aprenden de repente a coser, facer dobras e punto de cruz. Estou a apenas uns meses de ter o primeiro Amstrad CPC 4G4 de G4 KB na casa e programar un bombardeiro en BASIC, cousa que me alucinará. Levo tamén uns anos escribindo moito a máquina. Digamos que novelas. Nun ano pasarei de artesanías milenarias a linguaxes novas. Os sutís entrelazados do saber. Que volven.

Pero volvamos: sedíame eu o sirgo torcendo, unha tarde, pode que decembro. Gusto, desgusto…Carafío, axiña caio en que o máis probábel é picar no dedo índice. O desgusto. Contan que ese xogo de costura das picadas en dedos ten que ver co antigo costume de contar pegas ( unha é gusto, dúas, desgusto…).

Costureiriña bonita

dáme unha agulla de prata…

Labores de bordado e punto de Emilia R. Río García, contra 19G4.

Mamá apréndeme algo do que sabe, que é moito, pese a mala costureira (con fío longo de folgazá, sen dedal, remates sen xeito…) que ten por filla. Tea panamá. Fío Gütermann. Por exemplo, toda costureira sabe que a tea ten un fío. Non é metáfora: é física. O fío da tea é a dirección natural das fibras, e cando cortas contra el, a peza queda torta, non cae ben, defórmase co uso.

Logo de moito tempo, rescato aquel saber ao bies para pensar en algo que tamén vai á contra e non lle senta ben. A quen?Á nós. Á industria social. Á cultural.

Os sesgos ou nesgos, as falacias socioculturais funcionan de xeito costureiro. Son cortes contra o fío que se dirían correctos sobre a mesa pero que co tempo revelan a escordadura. Van ao nesgo. Bias. Bies. A etimoloxía da palabra é a mesma, do francés: biais, oblicuo, á súa vez do provenzal antigo.

A metáfora pasou de algo mal cortado a algo mal pensado. Máis que mal, torcido. Que se desvía e aproveita de.

A diferenza da física newtoniana, que traballa con forzas visíbeis, a ciencia da costura, como a cuántica e a cosmoloxía, traballa co que non se ve: o entreforro, ese tecido interior que lle dá corpo á peza sen aparecer no exterior. Non é decorativo nin secundario. É estrutural. Sen forro, o traxe proe na pel. Sen recoñecer o que sostén por baixo, o sistema cultural proe tamén.

Hoxe é un día para un pequeno mostrario de teas con nesgo inconsciente e patróns de comportamento sociocultural conscientes. Non é completo: ningún tear o é. Vai feito co amor que me moveu sempre: a literatura, os libros (non necesariamente en papel), a edición, a exploración, a tradución, ás que se chega por un sistema instaurado de relacións sociais, capital simbólico e relacional. O caso do galego é, ademais, precario. Un ecosistema a preservar que ás veces reproduce os vicios e manierismos de sistemas máis grandes, máis corruptos. Por mímese ou por medo?

Creo que somos un pobo capaz de palilladas mellores. Por iso, saberemos desenfiar os trucos de:

O Efecto Mateo, ou O Patrón que Se Reproduce a Si Mesmo

Toda costureira experimentada sabe que o patrón máis perigoso non é o difícil: é o cómodo. O que xa cortaches mil veces. O que vai por inercia, o que vai só.

O Efecto Mateo ten algo dese patrón. O sociólogo Robert Merton —que coser non cosía pero seica lía o Evanxeo— bautizou con nome bíblico o que todo taller coñece de sobra: ao que xa ten fío, dáselle máis fío. «Porque a todo aquel que ten, daráselle e terá en abundancia; pero ao que non ten, incluso o que ten se lle quitará», di o evanxeo de San Mateo, por raro arrouto que pareza. Unha máxima financeira de acumulación capitalista aplicada sen pensar a todo.

Circula o azueiro de que o nome se lle ocorreu á súa dona, Harriet Zuckerman, antiga alumna súa ademais e autora de moitas das entrevistas a académicos e Premios Nobel simultaneamente ás que basearon o estudo de 19G8. O cal implica que cando publicou o famoso artigo sobre o efecto Mateo, Merton estaba levando o mérito acumulado e deixando na sombra a Zuckerman, a dona que igual tamén lle zurcía os calcetíns. Toda unha proeza: bautizar o efecto Mateo perpetrando un no mesmo paper bautismal. O que viría sendo un efecto Matilda no efecto Mateo. Pero iso sería outro cantar (e coser).

En síntese pasa iso que, a pouco que nos fixemos, acontece coa fama acaparadora na arte: artistas xa laureados -mesmo con laureados forzados- reciben convites a festivais, bolsas, sen que ninguén examine con distancia e perspectiva crítica se o seu traballo as merece. O prestixio acumúlase sobre o prestixio, di Merton, como capas de tea, dirías, mamá, até que ninguén diría que o emperador vai nu.

Pero en moitas ocasións vemos que si, que vai nu. Por que calamos e, coa nosa aquiescencia, lexitimamos? Cálase seguindo outro patrón, esta vez en espiral, ao que Elisabeth Noelle-Neumann denominou a espiral do silencio: as persoas que perciben que a súa opinión é minoritaria tenden a non expresala, por medo ao illamento social. E ao calaren, fan que esa opinión semelle aínda máis minoritaria, o que leva a máis silencio… En bucle. Noelle-Neumann formulou este modelo nos anos setenta para explicar como as maiorías percibidas silencian as opinións minoritarias. Non é que ninguén vexa as costuras ceibas do emperador: é que cadaquén pensa ser só el quen as ve, e non solta prenda. O prestixio acumulado crea a ilusión de consenso, e a ilusión de consenso protexe o prestixio, merecido ou non. O patrón que se cose a si mesmo.

O talento periférico ou marxinal, mentres, cose sen patrón. Ou con patronaxes non validadas. Cose igual de ben, mellor ás veces, pero cos dedos que lle quedan libres despois de facer todo o demais —todo o que é non vivir de prestixio acumulado—.

Au! Desgusto.

O Efecto Matilda, ou O Zurcido invisíbel

O zurcido invisíbel é a técnica máis difícil da costura. Consiste en reparar unha peza de xeito que a reparación non se vexa: que a tea quede como se nunca rachara, como se nunca ninguén tivese traballado nela. A perfección do zurcido invisíbel mídese pola súa propia desaparición.

O Efecto Matilda —nomeado por Margaret Rossiter en honra a Matilda Joslyn Gage— é o zurcido invisíbel aplicado ás mulleres na ciencia, na cultura. O traballo está. A peza está. Impecábel, de feito. Só que na dobra, non hai nome. Ou o nome é doutro. Ou éche tan pequeno que necesitas lupa, e u-la lupa?, buscas por ela, nunca está onde debería, a lupa.

Cecilia Payne-Gaposchkin foi a primeira en saber de que estaban feitas as estrelas, hidróxeno e helio, e expúxoo na súa tese de 1925. A comunidade científica (que é «a comunidade científica»?) liderada por, oh casualidade, Henry Norris Russell rexeitou esas conclusións.

Ben, ata aí podería ser. As estrelas tiñan «composición parecida á Terra», no argumentario trabucado da época. Vale. O asunto é que anos despois, el mesmo publicou un artigo breve corroborando que si, que estaban compostas de hidróxeno e helio. Pero mencionou a Cecilia Payne de pasada, nunha liña. Oh, ho!

En 197G, Cecilia Payne recibiu un premio denominado, si, Premio Norris Russell.

Jocelyn Bell descubriu o primeiro púlsar en 19G7. En 1974 o Nobel foi, oh, azar inclemente, para Anthony Hewish, o seu director de tese. Lembremos que Hewish se resistía a tomar en serio a descuberta de Bell, tiñan que ser interferencias terrestres, ho! Á hora de recibir o galardón sueco, por enésima casualidade, non fixo mención a ese momento. Fíxose o sueco talvez? A peza-púlsar quedou preciosa. O zurcido, invisíbel. Durante décadas, Bell foi a anécdota da historia, non a historia. Ela mesma bromeaba nunha memorábel charla na Coruña: «xa me chaman por aí Jocelyn No-Bell.»

A literatura pode tirar do mesmo fío. A muller que dá a idea e nin aparece nos agradecementos. A que leva unha carreira notábel pero aínda non é suficiente. A que cobra menos por sistema. Non se lle nega o traballo. Négaselle o valor. A firma. E sen firma, o traballo a quen pertence, ho?

Aquela obra de teatro que Matilda ganduxou unha vez para unha orquestra sinfónica e apareceu recensionada sen firma, e aqueloutro traballo máis… A idea, o traballo, a quen pertencían?

No noso efecto Matilda colle tamén a Primacía ignorada. Marcarse un Norris Russell. Nun sistema cultural ocorre cando este (corpus de crítica, publicacións, premios) recoñece unha boa idea só cando se fai tendencia ou moda. Cando voces próximas aos núcleos de poder editorial ou mediáticos retoman os temas de Matilda, o sistema saúdaos como novidade e borra a xenealoxía (a xenialoxía?) que ela xestou.

Ai! Amor.

O Gatekeeping, ou Quen vixía o Cancelo

A Matilda perséguena os nesgos. O nesgo é o corte en diagonal: rompe o fío recto e dálle á tea unha caída diferente. Usado con intención, moldea. Usado sen conciencia, deforma.

Os gatekeepers ou canceleiros/as operan en dous planos á vez: cara a fóra, deciden que representa un sistema cultural ante o mundo; cara a dentro, deciden que encarna correctamente o que esa cultura debe ser. En ocasións reclaman apertura exterior e aplican celoso peche interior. A marxinalidade non produce solidariedade: produce fíos de xerarquías máis tensas, porque o pano é escaso e cada reberete se disputa.

O problema específico dun sistema minorizado coma o noso é que as canles escasean e solápanse. A mesma man que corta asesora, premia e recensiona. Nun sistema grande, un corte torto ten arranxo. Aquí, pode deixar a peza inutilizábel.

A isto engádese o nesgo defensivo: décadas xustificando a propia existencia fronte ao sistema dominante construíron un patrón fixo, un canon que funciona como argumento de supervivencia. Quen cose fóra dese patrón non só non encaixa: ameaza a coherencia do que se construíu para resistir. Velaí vén o canceleiro a cortar polo san, convencido de que protexe algo fráxil. E non mente de todo. Pero a fraxilidade non explica por que quedan sempre fóra os mesmos: algunhas escritoras e escritores, Matilda, as voces da diáspora, os rexistros experimentais, quen non ten rede previa, nin axenda…

Ai! Carta!

Cando alguén nomea o nesgo, o sistema responde en masa: non por conspiración, senón porque cuestionar o corte é cuestionar a man, e a man non adoita mirarse. Actívase o que en inglés se chama dogpiling: unha acumulación de respostas que polo miúdo serían manexábeis, pero que no colectivo funcionan como presión de clausura. Non é necesariamente coordinado. É máis ben un reflexo compartido: quen interiorizou os criterios do sistema deféndeoos cando se cuestionan, porque cuestionalos implica cuestionarse a si mesmo.

A pregunta que nunca se fai é a única que importa: que tea existe fóra e que non vimos porque nunca pasamos as tesoiras de certo marco?

O Dogpiling ou Matilda e a Manda

Toda cultura produce os instrumentos da súa propia crueldade e despois lexitímaos como formas de participación. O dogpiling é, quizais, o exemplo máis revelador que a era dixital nos regala deste mecanismo. Matilda coñéceo ben. Hai non tantos anos case un cento de comentarios anónimos dedicáronse con sumo pracer a esnaquizar unha «escritora de borralla que non ten nin puta idea de nada, a «elementa esa», «pseudo-intelectual» e a facelo «sen acritude», «;) ».

Mesmo alguén, namorado do seu propio paternalismo (wo)mansplainer, escribiulle á nosa Matilda un correo privado vendendo aquilo como un favor que lle brindaban. O de trabala entre ducias, o da chacinería de prexuízos, o do dogpiling sen porqué.

Porque «aqués que ten fama de honrados na vila…»

Ei! Declaración!

Convén primeiro desmontar a ilusión máis persistente sobre o fenómeno: a de que se trata dun acto de xustiza. O dogpiling, esa digamos ladranzada contra unha persoa que cuestiona ou se defende soa, preséntase sistematicamente como resposta, como corrección, como exercicio colectivo de responsabilidade moral. Autopercepción nada inocente, por certo. Xusto a que lle permite existir sen culpa.

O que distingue o dogpiling da crítica lexítima non é a intensidade nin sequera o contido, senón a estrutura. A crítica opera nunha lóxica de interlocución: supón unha outra capaz de responder, de refutar, de modificar a posición propia. Lonxe diso, o dogpiling, opera nunha lóxica de saturación: o obxectivo non é convencer nin ser convencido, senón ocupar todo o espazo posíbel até que a voz atacada quede, funcionalmente, silenciada. Non pola forza dun argumento, non: aquí pésache o mesmo unha enxurrada de razóns mediocres, insultos e agresións.

Hai na ladranzada un pracer que, malia non compartir, cómpre nomear: o pracer de pertencer, de estar do lado correcto, de participar nun acto que se sente asemade moral e social. A multitude non precisa coordinarse porque comparte unha gramática: a do escarnio con carimbo cultural, a da humillación presentada como pedagoxía.

O que desacouga non é que sexan ou non persoas crueis. É que o dogpiling non require crueldade. Require só a suspensión momentánea da empatía: a incapacidade ou a negativa a representarse o que significa estar no outro lado. Esa suspensión é cómoda. É breve. E é, en termos de dano producido, eficaz.

A pregunta que quizais a nosa cultura non quere facerse é esta: que tipo de suxeito moral estamos construíndo cando normalizamos a participación en mandas, en linchamentos? Non o suxeito que ataca con violencia, ese é facilmente condenábel, senón o que rechía, comenta, engade a súa mexada territorial á morea coa conciencia ben tranquila. Ese suxeito, multiplicado, é o fenómeno. E case nunca se recoñece nel.

O Mito do Xenio Solitario ou Costureira e Nai, Non

O mito do xenio solitario ten os marcos ben chantados. A ver quen llos move. Matilda? Poderás?

No marco dese mito, a nosa nai Matilda —un organismo de anatomía cambiante, embarazo exhibido, unha lactancia en plena presentación dun libro de sciencepunk, recitando da man dun cativo que sorbe os mocos— vese como unha especie de anti-xenio solitario.

Para empezar, soa nunca está. O xenio —ese pantallazo mental de acertar non no que todos ven senón no que ninguén viu antes— non semella visitala tanto, ocupada como está en cambiar cueiros, non durmirse no choio…. Ademais, podemos pasar por este planeta de terceira fila (literalmente, iso é) elixindo ter ou non ter fillos porén, ser, todos somos fillos de alguén. E imaxinar as nosas nais como xenias de algo… vaites. É raro.

Muller fiando mentres apacenta a vaca, Buscás, Gustav Henningsen. Gustav Henningsen.O danés curioso en Ordes, aCentral Folque, 2018

Como vai ser a nosa nai Matildiña —media cebola e tres dentes de allo— unha criatura raptada pola xenialidade e devolta despois a esa mesma cociña, a esa gabeta de calcetíns que emparella, a eses lentes que lle caen de medio lado cando se nos dorme no sofá baixo feixe de papeis e web aberta da AEAT?

A menos que estea en boa posición ou dispoña dun novelo tupido de axudas e aias…non, unha nai nunca será unha xenia. Non é solícita, para empezar, ao contrario: solicita. Pide cousas —auga para o peque, aquí mentres escribo isto, por favor?—. Como vai ser xenia se non ten dispoñibilidade plena, tempo para esas longas xeiras promocionais que sustentan a industria cultural, facilidade para estar hoxe en China, mañá en Milán…photocalls e reels e chills e blurbs. A ver, poder pode. Pero todos sabemos que non dá feito.

Sabemos que unha nai non dá feito. Ese é o seu verbo principal. Nondarfeito. Nada que ver cunha xenia. Xa temos a Marie Curie e a Rosalía, por favor. Circulen. Arg, gusto!

Seguinte nesgo:

O Idadismo Cultural, ou O Fast Fashion do Talento

Sexo e idade son as dúas variábeis que parecen cruzar e definir (ou condenar) a todo ser humano social. A discriminación por sexo, o sexismo, fómolo aprendendo a distinguir e, por tanto, mal que ben a evitar. Cando nos peta, claro. Seguimos no proceso, parece que o saboreamos, e como todo proceso ten os seus vaivéns. Co da idade non o temos tan claro. Ou si, pero dános igual porque non hai mecanismos nin presión social.

A industria da fast fashion funciona sobre un principio simple: importa menos a calidade da peza que a velocidade coa que se renova. A peza non debe durar: debe ser substituída. A durabilidade é un inconveniente de mercado.

O idadismo cultural aplica esta lóxica ao talento humano. Consume mocidade como combustíbel fósil: rápido, sen pensar no mañá, cunha fe cega en que o seguinte xacemento xuvenil xa aparecerá. As «novas voces» —categoría de mercado disfrazada de descuberta— deben ser novas no sentido máis literal: pouca vida vivida, perfil fotoxénico, biografía que colla nun post. Que ben nolo sabemos! Matilda foi costureira emerxente uns 25 anos e pasou de emerxente a decadente entre un martes ás 5 e un xoves ás 3.

As mans vellas que saben, por fin, como remenda unha agulla son descartadas. Coser, non cosen peor.

A costura tradicional funciona ao revés: o coñecemento acumúlase. Hai saberes que só existen no corpo despois de décadas de práctica, que non se aprenden en manual, non se transmiten en vídeo ningún. A costureira de 80 anos que fai encaixe de Camariñas leva invernos de intelixencia acumulada en cada micro-xesto. O mercado cultural, tea mariñeira, é aínda quen de soltarlle: «precioso é, pero sen marca persoal, sen premios no estranxeiro, sen falogüers no Instagram…»

E, como sempre, o idadismo leva engadido o xénero. Xa sabemos quen é un patriarca. A el envellécelle a voz, torna sabio. A ela avelléntalle o corpo, e iso, no mercado, é unha tara que vai ao caixón de saldos, ao último andel da libraría (que ninguén a vexa, a non ser que pregunte por ela) , á serie de descatalogadas.

Desgusto!

O Extractivismo Cultural, ou Tapiz que Se Leva Sen Pagar

O extractivismo cutural e literario é unha mala praxe máis, un unfair play. O poder que se achega á periferia non para escoitar e dar a coñecer, senón para arrepañar material. Colle o fío —a voz, o imaxinario, a tradición oral, a idea primordial— e lévao ao seu taller. Alí pespunta, corta, remata. Cose o seu nome na etiqueta e presenta a colección como propia ou, no mellor dos casos, como «inspirada en».

A periferia recoñece ás veces aquel tecido seu. Pero o vestido xa non lle acae. A Matilda véndenlle a súa propia vaca pola que, ademais, non lle pagaran un can.

Esta é Pintadiña, di Matilda. Crieina eu!

Confundes. Atende por Spotted Couture Se queres leite, son 100 pavos.

Rara vez a vaquiña polo que vale.

O problema non é a influencia —toda literatura é tecido de influencias—. O problema é a asimetría: quen cobra as regalías, quen vai á feira do libro, quen entra no canon. Non acontece só de centro a periferia: voces con máis foco mediático ensartan fíos alleos e introvertidos nunha especie de plaxio baixo palio. A Matilda dinlle que ese tecido tan espléndido (que ela cortou e coseu hai dez anos) é o que se leva agora, que debería probalo.

Amorrr!

Non sempre ten mala fe. O extractivismo. Ás veces é que o centro non ve a periferia como suxeito: véa como recurso. E os recursos non teñen dereitos de autor. Os recursos non van aos simposios. Non cobran regalías. Vaia, que ten boa fe pero con ghotas.

A costura ética paga o fío. A cultura ética cita a fonte, comparte o beneficio, recoñece a orixe. Pero a ética non é, digamos, o fuso que fai xirar os mercados. Nin a moita xente no allo.

Muller fiando na Cruz, Ardemil, Gustav Henningsen. Gustav Henningsen.O danés curioso en Ordes, aCentral Folque, 2018

A Policía do Ton, ou As Tesoiras que Cortan a Rabia

Existe no obradoiro de costura unha tiranía discreta que non ataca o deseño nin a técnica: ataca a actitude. «Así non se cose», «Moito te queixas, ti», «O que ti queres dicir é isto».

A Policía do Ton —ou tone policing, en inglés, que soa máis técnico e máis lexítimo, vaiavostedeasaberporqué— é o mecanismo polo que o sistema invalida o contido dun argumento atacando a forma en que se presenta. Non di que esteas equivocada. Di que te queixas. Di que a carraxe invalida a razón. Reformula o que dis noutro marco, desactivándoo.

É un corte perfecto: mantén o control sen parecer que o mantén. Non censura a mensaxe — sería demasiado obvio—. Censura o ton, e ao censurar o ton invalida a mensaxe enteira. A costureira que protesta porque lle furtaron o deseño é «histérica». De quen furta non se fala.

En calquera cultura que sobrevive en condicións de presión estrutural, tamén na galega, a Policía do Ton cose cun fío especialmente tenso. A rabia lexítima diante do espolio lingüístico, do infrafinanciamento, da invisibilización sistemática ou do encaixe constante nun nicho de folklore é de continuo redirixida. Como se a rabia non fose tamén, e desde sempre, un dos materiais da arte. Como se Castelao non calcetase furioso. Como se Rosalía non che digo nada, pero vaia. Como se torcer o morro non fose ás veces o único sirgo que torcer.

As tesoiras da Policía do Ton finxen cortar a tea. É unha luz de gas, un gaslighting. Quen recibe o corte é a costureira.

Carta e declaración.

Poderiamos seguir recamando esta serie ao bies e ao revés con ducias de nesgos e pespuntes ruíns: co nesgo de supervivente (canto se perdeu só porque non había institución que o considerase valioso? O que non se arquiva non existiu. E o que non existiu non pode contradicir o relato do que si existe. O arquivo é tamén, e sobre todo, poder), co caciquismo cultural (o control dos recursos e capitais  —económicos, simbólicos, relacionais— por parte dunha rede de persoas que se perpetúan mutuamente no poder sen necesidade de ningún pacto explícito), con malas prácticas como apropiación do relato alleo (maternidade, dó, corporeidade, identidade, perspectiva … baixo quen detenta economía da atención, focos e axenda), premiación estratéxica, cooptación, gatopardismo, endogamia dos xurados, premios, premiados e premiadas, coa maxia simpática (en termos de James Frazer), que leva a xente a escoller posar na foto xunta poderosos crendo nunha especie de trasvase supersticioso de prestixio. Coa xustiza poética e a xustiza cósmica, e como se tensan as urdas do estatus.

Todas as Matildas do mundo foron descosidas de tapices significativos, expulsadas do taller algunha vez, silenciadas tres ou catro, des-bordadas da foto polo cóbado de alguén, repasadas e remachadas en fíos de lercheos. E non só polos Mateos de turno, ollo. A tea é escasa para todas e canceleiras habelas, hainas.

Matina Matilda : A ciencia da costura non ten Nobel. Abondo ten con soster o mundo. As mans que tecen, zurcen, cortan e volven ganchillar coñecen algo que a física teórica aínda non formalizou: o que mantén unido un sistema non é a forza visíbel senón a urda por baixo. O entreforro. O fío interior. A costura que non se ve do feitiña que é. Pero está feita por mans que, desde Enheduanna, saben asinar.

Recoñecer os nesgos non é suficiente. Pero é o primeiro corte. E todo traxe comeza cun corte.

Dou remate e corto isto vestida con roupa de seres queridos que xa non están. Tanto me ten ir á moda ou non, repetir modelo ou tirar do que non me acae. Sempre levarei roupa deles, así sexa unha prenda luída e rota.

O Pivote Celeste ou Tear do Ceo, bordado palindrómico de Su Hui, s. IV

Su Hui bordou no século IV un poema de 841 caracteres que se le en espiral, en diagonal, ao revés, en máis de tres mil combinacións posibles. Non ten un único fío de lectura. E, como Matilda —que de nesgos sabe, de dar puntadas con fío, de coser e cantar sabe— enfío e doulle ao pé. Queda unha pregunta que este artigo non resolve, e non lle corresponde: Que cambiaría se os sistemas culturais tratasen a ausencia de nesgos, a cita, a atribución como obrigas éticas coa mesma seriedade que a calidade estética?

Sei que alguén ao outro lado do bastidor saberá tirar do fío.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail