A Coruña.- As dependentas galegas da cadea sueca de boutiques de moda Hennes e Mauritz (H&M) levan varias semanas de protestas en demanda de melloras salariais e das súas condicións laborais, que consideran precarias, inxustas e discriminatorias, segundo denuncia a Confederación Intersindical Galega (CIG).
As traballadoras seguen así os pasos das súas compañeiras de Navarra, que permaneceron máis de cen días en folga desde finais do ano pasado, e das dependentas das tendas de Inditex na Coruña e Pontevedra, que lograron que a empresa de Amancio e Marta Ortega atendese as súas reivindicacións despois de varias xornadas de paros e de ameazar cunha folga indefinida en plena campaña do Nadal.
As dependentas de H&M en Galicia son máis de cen persoas, na súa inmensa maioría mulleres contratadas a tempo parcial en xornadas de 12, 24 e 30 horas á semana e con soldos que non pasan a parte proporcional do salario mínimo interprofesional (1.080 euros mensuais) que lles corresponde polo seu horario.
As protestas comezaron a finais do mes pasado, cando as traballadoras de Lugo, cuxas condicións dependen do convenio provincial do comercio téxtil, convocaron unha folga durante a Semana Santa. Esixían á empresa unha actualización das súas percepcións, dado que o citado convenio caducou no 2015 e levan, por tanto, sete anos cos seus salarios conxelados, e compensacións polo exceso de carga de traballo que padecen desde os despedimentos que H&M executou hai dous anos.
As demandas estendéronse pouco despois ás tendas de Vigo e Pontevedra, que dependen do convenio provincial, este si actualizado e en vigor desde o pasado novembro, pero incumprido pola empresa, tal e como afirma Transi Fernández, secretaria xeral de CIG-Servizos. «Non se abonaron os atrasos nin se actualizaron os soldos, e ademais estase incumprindo a obrigación de ter un mínimo dun 75% do persoal con contratos a tempo completo», asegura.
Segundo a súa compañeira Asunción Castiñeiras, secretaria de CIG-Servizos en Lugo, os contratos a tempo parcial impiden que as dependentas poidan non só vivir do seu traballo senón, polos cambios horarios ás que as somete a empresa, buscar outro complementario para completar os seus nónimas ata o mínimo de subsistencia. Castiñeiras insta á H&M a «abandonar a súa postura intransixente» e a «dignificar as condicións sociais e salariais das súas empregadas.»
O sindicato explica que as traballadoras van reunirse nos próximos días coa Inspección de Traballo para abordar as denuncias que realizaron, e que reclamarán á autoridade que requira á empresa para respectar os acordos.
Segundo a CIG, o seguimento da última xornada de folga, o pasado sábado, foi total. Luzes-Público tentou sen éxito obter a versión da dirección da empresa.