Medo, preocupación, nerviosismo, incertezas, información, estudo, seminarios, ciencia, tristeza, escoita, angustia, rabia, bágoas, desesperación, atrasos, dor, seguimento, acompañamento, desorganización, inseguridade, falta de liderado, traballo, responsabilidade, profesionalidade… Son palabras que definen a vida dos centros de saúde destas semanas, xa meses, de Coronavirus. Ao revisalas, doume conta de que poden ser as que definan outros espazos de traballo (non sanitarios), outros escenarios deste tempo.
A medicina de familia, a atención primaria, ademais de buscar diagnósticos e aplicar tratamentos de enfermidades, é un fogar refuxio das angustias, un espazo de proximidade, de contención do maltrato da vida, unha persoa de confianza. Todo isto é máis necesario agora cando os pacientes, a cidadanía, precisa información segura, fiable, para convivir coas súas incertezas e navegar dentro do sistema sanitario nun momento sentido como ameaza persoal e para a familia. O peche de centros de saúde decidido en Madrid e en Galicia deixa orfa a resposta do sistema a todas estas demandas, como se non existisen ou non fosen importantes.
As liñas de actuación fronte ao virus baséanse, primeiro, nas medidas de saúde pública, é dicir, confinamento da poboación e hixiene respiratoria e de contacto: buscar persoas con infección para illalas, evitar exposicións e contactos, manter distancia, usar máscara a menos dun metro e lavar as mans; segundo, o diagnóstico de persoas con síntomas discriminando os casos leves dos graves e posibles graves, para decidir o manexo no domicilio ou no hospital; e terceiro, o tratamento e seguimento dos pacientes tanto no domicilio como nas plantas de hospitalización e de coidados intensivos.
Na atención primaria limitamos as citas presenciais converténdoas, na medida do posible en telefónicas, e suspendemos a actividade programada non urxente. Organizáronse circuítos e salas nos centros para a atención de pacientes con síntomas respiratorios. Acotío informamos, escoitamos (dime unha paciente «estou triste -chora-, dixéronnos que meu pai está mal pero non hai cama na UCI nin respirador e ten que quedar na planta»). Facemos diagnóstico telefónico de casos; seguimento cotián e detección da posible gravidade de aqueles que, xa confirmados ou en espera do test, están na casa (miles de persoas); atención presencial no centro e no domicilio, con escaseza de equipos de protección individual (2 por planta ata agora). Iniciamos a atención médica nas residencias de anciáns, públicas e privadas, e previsiblemente participaremos na atención directa nos hospitais de campaña que se están a montar.
Ademais, non todo é virus e seguen existindo o resto de patoloxías, algunhas graves, que hai que tratar e orientar.
Esta epidemia, este avance da distopía, obríganos a aprender da xestión da crise e reflexionar. Por exemplo, médicos do hospital de Bérgamo, epicentro da epidemia en Italia, aconsellan reforzar a saúde comunitaria (New England Journal of Medicine do 21 de marzo ). Ademais de cambios sociais e laborais temos que fortalecer o sistema sanitario, recortado e debilitado polas políticas neoliberais de Feijóo e Rajoy, e crear un sistema público de atención ás persoas maiores, dado o fracaso do actual, maioritariamente privado.
No plano persoal preocupámonos pola nosa protección, conscientes da alta probabilidade de ser contaxiados, e temos a dúbida de se marchar da casa para non transmitirllo á familia. Temos a determinación profesional de actuar con eficacia no traballo, ser fieis e útiles para os pacientes, e agradecemos a súa preocupación por nós.
Necesitamos ser solidarios máis que nunca para afrontar a dor da morte, a soidade e a crise socioeconómica que nos acompañará nos próximos meses. Unha aperta agarimosa para todas as persoas que perderon a alguén nestes momentos.