Logo de cinco manifestacións esixindo a dimisión de Mazón, este aínda segue no cargo. Pouco semella importar a indignación multitudinaria. O único que se pode dicir da súa maneira de render contas é que consiste nunha sucesión de cambios no relato na que sempre bota man da mentira sen a menor consecuencia directa. Se ao final non dimite ou perde, a sensación de impotencia entre a cidadanía incrementará máis aínda a desafección política.
E pouca broma con isto. Os indicadores demoscópicos comezan a ser moi preocupantes. Segundo o barómetro de 40dB, entre os mozos de 18 a 26 anos (a xeración Z), un de cada catro (25,9%) considera que, segundo as circunstancias, un réxime autoritario é preferíbel a outro democrático. Case un de cada cinco (18,3%) optaría directamente pola ditadura. E, non por casualidade, Vox aparece como a súa opción preferente.
O contexto non axuda. A deslexitimación da democracia avanza a un ritmo preocupante. Os tres indicadores principais (Freedom House, EIU e V-Dem) coinciden en que, desde 2016 como pouco, a democracia está indo sempre a peor. A tendencia tampouco é que mellore se nos remontamos unha década atrás; mesmo se daquela a tendencia aínda se atopaba nun certo estancamento e indeterminación. Na actualidade, se nada muda, a democracia esmorece nun horizonte de declive seguro.
Entre os mozos de 18 a 26 anos, un de cada catro (25,9%) considera que, segundo as circunstancias, un réxime autoritario é preferíbel a outro democrático. Case un de cada cinco (18,3%) optaría directamente pola ditadura.
Agora, con Trump de volta, poucas esperanzas hai de que poida mellorar a conxuntura. De feito, a súa primeira presidencia xa coñeceu unha agresiva política exterior contra a UE baseada en reactivar os sustratos autocráticos nacionais da historia europea. Steve Bannon promoveu partidos coma Vox. Nesta segunda presidencia, o apoio cómplice de Elon Musk xa se está a notar en eleccións como as de Alemaña. Alí, por vez primeira desde 1949, o bipartidismo moderado cedeu a centralidade a un bipartidismo entre dereita e ultradereita.
Así as cousas, de non querermos caer nas trampas do emerxente discurso autoritario, cómpre impulsar a democracia de xeito proactivo. A miúdo estanse a considerar as democracias liberais coma un estado de cousas inmudábel, sempre idéntico a si mesmo. Porén, refuxiarse nas marxes constitucionais perante as agresións autoritarias é garante de derrota. A democracia non é un estado de cousas, senón o equilibrio que resulta de dúas forzas opostas: a democratización e o autoritarismo.
Velaquí o problema democrático actual: o establishment europeo, configurado polos partidos democristiáns, liberais e socialdemócratas, está convencido de poder afrontar a lexislatura Trump parapetado nas constitucións liberais. Estes marcos institucionais, porén, son precisamente os que fixeron posíbel o neoliberalismo, primeiro, e o xurdimento da ultradereita, xusto despois, cando o primeiro colapsou. Isto non indica que democratizar democracias liberais sexa un imposíbel metafísico, senón que no seu interior o realismo capitalista bloquea a contenda democrática.
Poucos exemplos mellores que o 15M e o impacto positivo que tivo. Con todos os defectos que se lle queiran atribúir, aínda constitúe unha excepción moi favorábel perante o desolador panorama europeo. A vindicación dunha «¡democracia real ya!» impulsou a resistencia ao austericidio de M. Rajoy, presionou pola moción de censura e obrigou o PSOE a virar á esquerda. Aquel impulso destituínte, con todo, non é eterno, polo que urxe reactualizar a súa potencia política.
Neste senso, o caso de Mazón apunta unha dirección posíbel: a destitución democrática. Por tal non só nos referimos aos mecanismos á disposición das elites para operar de xeito destituínte. Valerían neste senso desde institucións coma o impeachment ou a moción de censura (lémbrese que foi por esta vía que rematou o goberno de Rajoy). Estamos a falar, alén disto, de opcións hoxe inexistentes no marco constitucional español como poderían ser os referéndums revocatorios presentes no Canadá, EEUU, México, Suiza, Venezuela e toda unha serie de ordenamentos constitucionais.
Medio século despois da fin do franquismo, ningunha forza política debería ter medo da expresión debidamente institucionalizada e democrática da vontade cidadá. En 2025, nun contexto de autoritarismo crecente, afondar na democracia é o mellor xeito de garantir a súa pervivencia, e non parapetarse nun réxime á defensiva. Imaxinemos por un segundo que antes de normalizar a gobernanza da mentira da que fai uso Mazón, o pobo valenciano tivese a opción de recoller un número significativo de sinaturas e votar sobre a súa continuidade.
É un feito coñecido que só por saber da existencia de tal opción os políticos mudarían o seu comportamento. Por descontado, non é aúnica opción, nin garantía segura de frear o autoritarismo. Mais ben podería ser que aínda puidésemos dotar a cidadanía dos instrumentos de resistencia democrática precisos para desactivar a impostación autoritaria. Mágoa que os partidos sigan tan aferrados ao monopolio da axencia democrática constitucionalizada no réxime do 78.
[Imaxe de cabeceira: @carlos_mazon_]