Proclamar que se abrirán «todas as portas do Inferno» pode interpretarse como a ameaza dun presidente bocalán que xoga a protagonizar un estado de excepción permanente no formato de reality show e que ten que incrementar cada día a dose de especies picantes apocalípticas para manter a atención e a adicción. Esa é unha primeira explicación á pirotecnia propagandística do Emperador Alaranxado. Como escribe Diego E. Barros, o segundo mandato de Trump na Casa Branca non é soamente unha presidencia: «É un espectacular reality show televisado 24/7 e do que todas as cadeas con cómplices e principais beneficiarias».
Hai quen considera que un xeito de resistir a Trump é ignoralo no posíbel. El e os seus sulfatadores non paran de fumigar a atmosfera con produtos que teñen o efecto nos humanos do nefasto neonicotinoide sobre as colonias de abellas melíferas. O pesticida da desinformación, como o Roundup ou o glisofato, elimina a diversidade e impide a polinización do pensamento. Cómpre erguer zonas a defender. Espallar refuxios informativos e climáticos. Buscar no inferno o que non é inferno. Mais a alternativa non é non falar do trumpismo. Un apagón doméstico non fai desaparecer as cousas que avultan na escuridade. Pola contra, estas cousas aliméntanse no escuro.
O abrir «as portas do inferno» non é, obxectivamente, unha ameaza. As portas de Hades xa están abertas.
E os novos déspotas, a comezar polo Alaranxado, teñen as chaves. Xa non son síntomas, son feitos doentes. A comezar polo xeito de mandar. Impoñendo o Decisionismo: os actos e palabras do xefe teñen forza de lei. A doma da democracia e a castración do estado de benestar vense traballando dende hai tempo e con poderosas maquinarias abastecidas por unha fe case infalíbel: a do diñeiro. A Comisión Trilateral chegou á conclusión en 1975 de que o gran problema do mundo era «o exceso de democracia». Os Trump, Milei, Orbán, Bolsonaro, Meloni, Le Pen e demais compaña, son afillados de Reagan, Thatcher, Berlusconi, Aznar e Sarkozy. O neoliberalismo foi o Roundup que envelenou o liberalismo. Agora semella que por fin imos camiño da ‘utopía’ de Milton Friedman: «Democracia é poder elixir a cor da garavata».
Vemos, si, como se están a abrir «as portas do inferno». A cantilena presidencial de Drill, baby, drill! (Perfora, neno, perfora!) é unha obscena declaración de guerra á natureza. A criminalización das mulleres polo exercer o dereito a libre concepción. Certamente vivimos unha revolución reaccionaria por medio modernos: o militarismo como Tecnomilitarismo, o control de vidas e mentes polo Tecnofeudalismo.
Hai algo decisivo que esquecen os novos déspotas. Na primeira das catro leis da Ecoloxía que formulou o gran Barry Commoner en 1971, dise: Todo está relacionado con todo. E toda acción negativa terá unha resposta ou reacción por parte da Nai Terra. A natureza sabe máis. Amén.